Xoán Bascuas charla con los internautas
null
Non cre que faltan políticos á americana coma Beiras que son capaces de poñer todo un auditorio en pé?Vostede vese con esa capacidade?UN saúdo dende Ordes!!
Coido que o que faltan son políticos e políticas á galega, xente que acredite na capacidade do noso pobo á hora de remontar situacións adversas e emprender en momentos de dificultade. Non é tan importante poñer un auditorio en pé como buscar e atopar solucións para os problemas da ciudadanía. Isto último é o que realmente entendo que precisa o noso país. Un saúdo para Ordes.
Se integraran en otra coalicion si no saan ninguna representacion el dia 21 y se quedan fuera del parlamento gallego.
A verdade é que non contemplamos outro escenario que non sexa o de facer parte do vindeiro Parlamento galego. E a Asemblea Nacional constituínte de Compromiso por Galicia será a finais do presente ano. O noso é un proxecto inclusivo, cooperativo e en permanente construción, polo que as portas están abertas para quen queira participar con nós.
Boas tardes Sr. Bascuas, un socialdemócrata como eu, ¿podería atoparse cómodo na súa formación compartindo espazos con formacións como Acción Galega ou Terra Galega? ¿Comparten todos os integrantes de CxG a mesma visión e amplitude do estado do benestar? Moita sorte
Boa tarde. Un socialdemócrata como vostede de seguro que se atoparía tan cómodo en Compromiso por Galicia coma un socialdemócrata coma mín. Pense que un dos alicerces das nosas propostas é a mellora do Estado do Benestar, non só na garantía da responsabilidade pública da educación e da sanidade, senón tamén na necesidade de convertir os servizos sociais no terceiro piar do mesmo. Iso é o que pensa o conxunto de Compromiso por Galicia. E grazas pola sorte, pero é mellor que haxa xustiza.
Porqué Cuíña ten un autobús e vostede non??Parece que o lider do partido é Cuiña e non vostede...
din que non pactou con anova ,por que ba a quedar muy baixo nas listas,e verdade iso
Deus nos libre dun xa foi. Non son dos que sobreestime as persoas por riba dos proxectos e das propostas políticas. En ningún momento se chegou a avanzar tanto nas conversas coa organización de Beiras como para falar de candidaturas. Con todo, o que importa non é o que pasou, senón o que vaia acontecer no futuro. Iso é o que realmente trascende. E para acometer ese futuro con rigor, seriedade e responsabilidade están as propostas de Compromiso por Galicia.
Cal é a posición de CxG con respecto aos emigrantes, os galegos que vivimos fora? Non cree que se deben facer políticas para atraer a galegos que queiran traballar no noso país para xerar riqueza e tamen para loitar contra o avellentamento da sociedade galega? Un saudo e moita sorte!
É evidente que Galicia ten un grave problema demográfico, agravado pola emigración que se reavivou coa crise actual. Cun elemento engadido: agora se nos están a "fugar" persoal altamente capacitado e formado. Velaí que Compromiso por Galicia aposte pola xente moza e o retorno ao país. Unha das nosas propostas é o Plan Estratéxico da Mocidade Emprendedora, orientada á que a nosa xente máis nova poda iniciar o seu proxecto empresarial con 6000 ao ano e unha axuda de 2000 por posto de emprego creado, para alén doutro tipo de axudas e facilidades. Este plan suporía un investimento de 70 millóns ao longo de dous anos.
Están facendo unha campaña diferente. Cree que é efectiva?
Moitas grazas. É certo que a nosa campaña é algo diferente porque tamén queremos dar a ver que somos unha proposta diferente. A imaxinación, a creatividade e o humor non son incompatíbeis coa práctica política. E o que si é certo é que este xeito de conducir a campaña electoral está a achegar bos resultados a Compromiso por Galicia.
¿Cal é a posición de CXG en temas económicos? Hay dende comunistas ata proteccionistas/capitalistas-de-estado como Cuiña Jr. Non me queda claro.
Insisto é que a posición de compromiso por Galicia está definida colectivamente e asumida polo conxunto da militancia. Queremos poñer de novo a economía ao servizo das persoas, darlle un xiro á situación an que estamos presos dos conceptos, máis que das necesidades. Por iso entendemos que os poderes públicos deben ser os protagonistas á hora de dinamizar a economía, reactivándoa e incentivando o consumo.
CxG conta cunha ampla representación e presenza nos concellos, considera que iso lles pode axudar nestas eleccións, ou que non terá influenza nestas elección de ámbito galego?
Entendemos que poder contar cunha importante implantación local debe faciitar o traballo á hora de practicar a política de proximidade que predicamos. O municipal é o ámbito máis achegado á cidadanía e onde se pode demostrar máis de perto que clase de política exercita unha formación política. Velaí que entenda que vai ter unha incidencia significativa nos resultados electorais de Compromiso por Galicia.
Perdón, fixen mal a pregunta anterior. Por que esa teima de atacar ao ensino concertado por parte dos partidos de "esquerdas"?
Supoño que a pregunta anterior vai referida á posición ao respecto dos concertos económicos cos centros educativos. Compromiso por Galicia non ten teima algunha cos centros educativos privados. Agora ben, cando os recursos son escasos, hai que racionalizalos; consecuentemente, os fondos públicos deben ir orientados á unha das nosas necesidades máis imperativas: garantir unha educación pública e de calidade.
Unha das vosas bases políticas é acadar o maior nivel de autogoberno. Impllica isto modificación do Estatuto de Autonomía
Significa camiñar poñendo un pé tras o outro, andar paso a paso. Hai que esgotar o actual marco estatutario, trasferir as competencias pendentes e ir cara unha reforma do mesmo. Cando máis poder teña o marco político galego, máis e mellor poderá vivir a cidadanía galega. A única forza política que se compromete con este xeito de proceder, facendo país, é CxG.
Gustaríame ter visto a Teresa Táboas de candidata por Pontevedra ¿por que deixou de lado a CxG?
Teresa Táboas non deixou de lado a Compromiso por Galicia. Como ela xa ten explicado en máis dunha ocasión, as súas obrigas laborais e familiares (todas elas moi vinculadas á terra na que naceu, México) impiden que poidera ter o grao de implicación que esixiría participar ao nivel que vostede formula. De todos os xeitos, ela colabora con nós desde a distancia e desde as limitacións que antes indiquei.
Moi boas sr Bascuas. Vostedes que representan o nacionalismo galego renovado, non cre que ao mellor pode ser un lastre contar na primeira fila con xente que ata onte era do PP, coma o sr Cuíña?
Sumar nunca é un lastro, todo o contrario. Unha organización inclusiva, amable e que ten vocación construtiva, non lle pregunta á xente de onde ven, senón a onde queren ir. Xa que logo, a todas aquelas persoas que desexan camiñar con nós, no horizonte que até o de agora temos definido por Compromiso por Galicia, van atoparse coas portas abertas. Só así se entenderá que CxG alcance o seu obxectivo de converterse no grande partido nacional galego.
as asociacións son moi importantes para a dinamización dunha comunidade, vas apostar por elas? aumentarás, reducirás ou manterás as subvencións?
Concordo plenamente no que dí. Mesmo engado que, nun país coa estrutura do noso, moitas asociacións teñen substituído aos poderes públicos nas súas responsabilidades para coa veciñanza. Velaí que haxa que apoiar ao tecido asociativo nas súas diferentes expresións. Por certo, non todo ten porque ser subvencións; ás veces basta con dar facilidades e saber cooperar.
Quen lle gustaría a vosté que fora presidente da Xunta os prox catro anos. Móllese, sexa valiente. Sorte
¿Que propostas propon para o rexurdimento do agro galego?Diego Bataneiro de Frades.
Apostar por un sector económico e básico para o país como o agrogandeiro é fundamental para saír da crise. Mesmo pode ser un contexto no que, desde a gravedade do momento, pode contribuír a que xente moza vexa no campo unha opción para iniciar o seu proxecto vital e empresarial. A axuda ao emprendemento, o cooperativismo, a posta en valor da produción propia, o desenvolvemento dunha auténtica política forestal, a creación de unidades de comercialización e de internacionalización da nosa produción agroalimentaria son algunhas das medidas necesarias para ese rexurdimento que ti indicas, Diego. Ah!!! E tamén mellorar a calidade de vida e a prestación de servizos no ámbito rural.
xoán,creo que coa situación económica que vivimos hai que reducir gastos pero reactivar a economía ao mesmo tempo, porque se apretamos moito o cinturón afogamos ao final, como vas facer para reactivala?
Incentivando o consumo. Na actualidade, tanto o goberno de España como o da Xunta, están a afogar o consumo como consecuencia dos recortes que levan tempo aplicándonos, principalmente aos sectores máis desfavorecidos. Velaí que insista na necesidade de reorientar a política económica. A modo de exemplo: quitarlle a paga "extra" ao personal da administración pública a que ten contribuído? Pois a que se reduza o consumo ao que está orientada esa paga. Fronte á austeridade é mellor poñerlle razón ao gasto; é dicir racionalizar.
Boa tarde Xoán. Entendo que a estas eleccións concorrides tres partidos de corte galeguista: COMPROMISO POR GALICIA, CXXI E BNG. Eu teño claro que votarei en clave galega e de progreso. En que vos diferenciades do BNG.
Compromiso por Galicia é un proxecto con camiño propio. Nos defendemos os avanzos desde o autogoberno e queremos camiñar na capacidade que, en cada momento, o pobo galego desexe para se gobernar. Apostamos polas propostas en positivo, non por procesos convulsivos, nin na política de confrontación. A nós non basta con facerlle fronte a ninguén; queremos pensar tamén en achegar as solucións que precisa a cidadanía galega. E tamén manter a coherencia entre o que decimos na casa co que dicimos fóra dela.
Boas tardes. Que papel xogaría A Coruña cunha Galicia gobernada por CxG? Moitas grazas, un saudo e moita sorte.
Moitas grazas. O papel da cidade da Coruña sería o de motor financieiro do país, principal referencia no sector servizos de Galicia, e tamén aproveitando o seu enorme potencial turístico.
No suposto de que Compromiso por Galicia fose decisivo no Parlamento para conformar maiorías ¿Descarta a posibilidade de chegar a algún acordo co Partido Popular ou presionar por un goberno de concentración para sair da crise?
Compromiso por Galicia descarta manter a actual liña política e aposta clara e decididamente por darlle un xiro de 180º. A defensa do Estado do Benestar, o avance no autogoberno e a esixencia ética e a radicalidade democrática definen a nosa forma de proceder. E hai claramente unha forza política neste país que non acredita nisto.
Moitas grazas polas vosas preguntas e polos vosos comentarios. Espero que as respostas fosen satisfactorias. E desculpade que non fose quen de atender a todas, que foron moitas. Anímovos a que vos acheguedes a Compromiso por Galicia e coñezades de primera man as nosas propostas. As veces basta con que unha persoa xusta se inhiba para que algo inxusto suceda. Que ninguén decida por vós. Moi boa tarde.