Pregunte a Xosé Manuel Beiras
null
Vostede ten un palacio como dí Feijóo??
Feijóo di sempre mintiras: teño unha casa labrega reestaurada na aldea de Aguiar.
os nosos mozos esta a emigrar,que sera dos que quedamos eiqui?
depende de vós e de nós: de vós, que vos revoltedes e de nós, que vos defendamos, no canto de condenarvos ao exilio como fai Feijóo.
Carlos Aymerich vén de desacreditalo e insinuar que é un axente divisor da nacionalismo co obxectivo de perpetuar a Feijóo. Cre vostede que pensaba o mesmo cando lle daba agarimosos abrazos na asamblea irmandiña na que decidiron vostedes saír do Bloque, e a que el acudiu como invitado?
eu no estou nestas eleicións pra rifar con que non son os noso inimigos, senón pra tentarmos derrocar a dictadura de Feijóo. alá quen se confunda de inimigo: nós, como Alternativa Galega de Esquerda, e eu, como candidato, dende logo non nos confundimos de inimigo.
Hoxe sairon as listas de admitid@s e exlcuid@s das bolsas de investigación nas Universidades Galegas. Eu teño 28 anos e nunca aquí puiden traballar "no meu". Que esperanza nos queda @s moz@s que queremos traballar en I+D+I na nosa terra?
se depende de nós, o ensino público e gratuito a tódolos níveis, e a investigación científica nas suas diversas dimensións, serán obxetivo prioritario irrenunciábel. a actual barbarie no poder despreza o saber, a cultura e a ciencia, por duas razóns: primeira, porque iles mesmos son "ignorantes, e férridos e duros, imbéceles e escuros" (non o digo eu: escribiuno Eduardo Pondal); e segunda, porque canto máis ignorantes sexan os cidadáns, millor os poderán manipular. nós somos fillos da Ilustración. iles son fillos da Inquisición.
Pensa vostede que Feijoo mata xente?
quen derruba peza a peza o servizo público de sanidade universal e gratuita, mata cidadáns, é dicir, provoca a morte de moitos cidadáns que doutro xeito non morrerían . un exemplo entre moitos: cando unha muller con indicios de cancro de mama ten que agardar meses pra ser diagnosticada e operada, corre o risco de morrer antes de que "lle toque" ser atendida. cando se retira un fármaco moi caro, pero impescindible para atallar unha doenza letal, mátase a quen non teña cartos para mercalo; e así seguido. repara nisto: as políticas agresoras contra o benestar do común dos cidadáns están a provocar alzas nas tasas de suicidio. ¿non son os executores desas políticas os causantes desas mortes?. e aínda isto: hai xa anos que escoitei, no FSM de Porto Alegre, ao Premio Nobel da Paz (dos de verdade) Adolfo Pérez Esquivel, dicir ben alto que a débeda externa dos países subdesenvolvidos era unha forma de xenocidio. ¿estaba tolo Pérez Esquivel, ou é un demagogo?.
QUE PENSA DESTAS TRES PERSOAXES FRAGA,RAXOI,FEIXOO
Fraga é auga pasada: deixemos en paz aos mortos. Rajoy é "el señor de los hilillos", que deu un recital de incompetencia cando o desastre do Prestige (que aínda se está a elucidar agora nos tribunais, dez anos despois), e seguramente en premio por iso empoleiráronno na Moncloa, para converter nunha catástrofe as condicións de existencia de toda a cidadanía española. E Feijoo dirixe en San Caetano unha brigada de demolicións, limpeza étnica, ecocídio e socialicidio da nosa nación galega. Rajoy é o moneco do grande ventrílocuo que é a plutocracia (iso que disfrazan co nome de mercados), e Feijoo é á súa vez o moneco dese moneco, ou sexa, moneco en segundo grao.
Sr. Beiras, pensa que é factible hoxendía unha folga xeral a nivel europeo? Por que non se xuntan os sindicatos da Europa cando nos están a dar no lombo a todos? Pensa que os sindicatos, ao igual que os partidos políticos "de esquerda" se teñen acomodado nos últimos 20 anos? Saúdos moita forza dende a Irlanda dun investigador galego.
Claro que si. E cómpre poñérmonos a preparala. E coido que as organizacións sindicais empezan a decatarse de que xa non poden contemporizar cos poderes económicos e políticos e esmagan e expolian ao conxunto da maioría social cidadá, e non só a unha clase determinada, e xa que logo teñen que desencadear unha ofensiva contra eses poderes.
e consciente de que vostede representa o unico partido que pode xerar algo de ilusion na desmotivada esquerda deste pais??
Coido que sí, e son consciente de que iso implica unha enorme responsabilidade ética e política.
Con quen se quedaria, á hora de enfrentarse ca dereita, Feijoo ou Fraga?
Difícilmente podo enfrentarme co finado señor Fraga, así que non teño elección.
poderemos voltas a sanidade e o ensino ao status que tiña antes de que o PP os tocara?
SIIIII !!!!
Sr BEIRAS que lles diría aos que non saben que facer o 21 0,e xa non crén en nada?
Que participen como cidadáns nunha rebelión cívica contra esta forma de tiranía, e que elixan como representantes a quen lles merezan credibilidade e fiabilidade.
Castelao dixo, "os galegos non se queixan, emigra";. Pregunto, os galegos que emigran son cobardes ou intelixentes? Os que quedamos a loitar somos valentes ou parvos?
Castelao puxo eso no pé dunha estampa que formaba parte dun conxunto destinado a estimular a rebelión cívica contra a situación de entón. non era un xuizo pexorativo sobre a conducta dos galegos senón a denuncia do problema que compría que os propios cidadáns resolvesen. Moitos anos despois, eu tamén escribín que, sociolóxicamente, a emigración masiva supuña a renuncia á revolta, e non era unha acusación contra os que emigraban, senón unha incitación aos cidadáns a loitarmos para que ninguén tivese que emigrar.
Dous cero, ou?. boa sorte pra toda a xente de ben, e acertade o 21 no voso voto, e tódolos días do ano no voso exercizo da condición de cidadáns, pra que non vos reconvirtan en súbidtos ou.... (pior aínda) ovellas -como no Animal Farm de Orwell.