Data?1436006561

Nado en Barcelona en 1954, Alberte Rodríguez Feixoó é o
secretario xeral de Esquerda Nacionalista (un dos partidos
que coexisten no Bloque Nacionalista Galego), amais de
deputado galego e un destacado avogado laborista. Asentado
en Lugo, Feixoó dedicouse desde 1979 a defender os dereitos
dos traballadores, colaborando cos sindicatos INTG e CXTG. É
deputado do Parlamento Galego desde 1989, en representación
do BNG, e participou en 1992 -xunto con Xosé Manuel Beiras e
Encarna Otero- na creación do partido Esquerda Nacionalista.
É especialista na problemática social e política das nacións
sen estado en Europa e defensor da existencia dunhas forzas
de seguridade galegas.

1 Alberte Rodríguez Feixoo 04/07/2015 12:42

Boa tarde a todos e todas as internautas. Amoso desde este mesmo momento a miña predisposición a contestar cantas preguntas sexan interpostas polos internautas dentro do tempo que dispoñemos para este encontro.

2 Anónimo 04/07/2015 12:42

Non cre que o futuro da socialdemocracia de obedencia galega pasa por unir esforzos cos colectivos afines dentro do B.N.G.?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Por suposto. Con efeito, dende hai xa algúns anos, EN ven esforzándose por trasladar a todas aquelas persoas que compaxinan o sentimento nacional coa ideoloxía socialista para crear un partido de obediencia galega que represente ó socialismo galego. Neste sentido, cabe lembrar que na conferencia celebrada polo noso partido hai algúns anos, reutilizamos o vello eslogan de "os socialistas galegos somos nós". Nesta liña de traballo seguimos agora e reafirmámola nos textos que debatiremos na nosa asamblea a celebrar o día 26 do presente mes en Lugo.

3 Anónimo 04/07/2015 12:42

Cal é a postura de Esquerda Nacionalista trala "desastrosa" intervención de Beiras no Parlamento?(de parte dun comensal da Sociedade Gastronómica Luguesa)

Alberte Rodríguez Feixoo:

Non considero que a intervención de Xosé manuel Beiras no debate do estado da autonomía celebrado a pasada semana fora desastrosa. O discurso do portavoz nacional do BNG non me sorprendeu en absoluto. Nas actuales circunstancias políticas, e tendo en conta a actual estratexia de normalización institucional emprendeida polo BNG, non podíamos agardar outro discurso. Por outra banda, o fondo do texto da intervención consideroo adecuado. Quizais, houbo menos vehemencia e ataques directos a Manuel Fraga pero, en calquer caso, as circunstancias avalan a construcción do discurso tal e como aconteceu.

4 Anónimo 04/07/2015 12:42

¿Que pasa en Esquerda Nacionalista? ¿Non confían en Beiras? ¿Parécelle normal que agora sexamos os "monaguillos" do Fraga?

Alberte Rodríguez Feixoo:

En EN non pasa nada. Certo é que os acontecementos da X Asamblea do BNG levaron ó partido a tomar unha serie de decisións a respeito dos compañeiros e compañeira que se apartaron daquela da disciplina emanada da Mesa Nacional de EN. Iste capítulo está pechado. Non considero que sexanos monaguillos de Manuel Fraga.

5 Anónimo 04/07/2015 12:42

Cree que o BNG acadou xa o seu teito electoral?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Non, en absoluto. Hai aínda moito máis potencial de voto nacionalista. Estou convencido de que Galiza é, de todas as nacionalidades históricas, a que ten maior sentimento popular de identificación ca súa terra e coa súa idiosincracia. Acontece que isa identidade nacional está aínda latente, isto é, non aflorou por varios motivos, tanto de carácter cultural ou educacional canto pola propia presión de quen non ten nengún interese en que isa identidade aflore.

6 Anónimo 04/07/2015 12:42

¿Non cree señor Feixoó, que o futuro do B.N.G. pasa por cobertirse nun partido, con correntes e abandonar o modelo Frentista? Alexandre de Ferrol

Alberte Rodríguez Feixoo:

A miña opinión é que o modelo frentista aínda non está esgotado. Na actual correlación de forzas políticas, dentro de parlamento de Galiza, non sería de recibo abandonar unha estructura de frente política creada ad hoc para a situación política dunha nación sen estado como é Galiza. Cando se creou a frente fíxose co obxectivo de aunar esforzos de todas e todos os nacionalistas baixo uns mínimos comúns. Posteriormente deuse en chamar "proxecto común" ao programa e á estratexia que reuniu a todos os grupos nacionalistas con incidencia política na sociedade. Hoxe aínda é preciso manter ista estructura, con independencia de que dentro da frente coexistan distintas ideoloxías políticas. Inda existen obxectivos comúns que fan necesario seguir agrupados entorno á frente política que representa o BNG.

7 Anónimo 04/07/2015 12:42

Leiceaga acaba de deixar o BNG polo excesivo peso da UPG. ¿Cre que o BNG atravesa unha regresión que o pode afastar do poder?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Lamento moito a abandono do compañeiro Xaquín Fernández Leiceaga. Descoñezo os motivos concretos que o levaron a tomar tan drástica decisión pero, coñecendoo, deberon ser de intensa importancia. As declaracións que él mesmo realizou van polo camiño que vosté indica na súa pregunta pero debería ser il mesmo quen respostara a tal cuestión. A posición de EN a respeito da concentración de poder no BNG xa foi exposta na X Asamblea da frente. Niste momento seguimos a traballar para que se manteña a pluralidade e democracia interna no seo do BNG, tendo isto reflexo nos textos que imos debater na nosa asamblea o próximo día 26 en Lugo.

8 Anónimo 04/07/2015 12:42

¿Que é, que fai, e pra que sirve o BLOQUE?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Non podo contestar en nome do BNG xa que na actualidade non estou nos seus órganos de dirección. En calquer caso, a título individual, direille que o Bloque é unha frente política que auna baixo a mesma organización a todas aquelas e aqueles que nos sentimos nacionalistas e queremos traballar pola liberación do noso país; o que fai o BNG é traballar organizadamente para transmitirlle ao conxunto da sociedade galega o ponto de vista de quen non ten dependencia allea ó propio país; en todo caso, o BNG somentes é unha ferramenta en maos da cidadanía de Galiza para poder millorar a posición do conxunto desa cidadanía nos aspectos político, económico, social e cultural.

9 Anónimo 04/07/2015 12:42

Por que esta a ser tan habitual no BNG facer declaracións sobre o partido nos meios de comunicación? Non dá unha mala imaxe do partido?

Alberte Rodríguez Feixoo:

A miña impresión é que non é correcta a súa afirmación. Non é habitual no BNG facer declaracións sobre o partido nos medios de comunicación. Ben é certo que, habitualmente, os medios de comunicación aproveitan calquer atisvo de expresión individual referida ó BNG para intentar facer mella dentro da frente. Por outra banda, a cultura política do BNG non ten adequirido, até o de agora, o costume de dirixir as súas mensaxes de xeito normalizado á opinión público a meio dos propios medios de comunicación. Quizais isto veu dar nunha especie de incomunicación entre o BNG e os medios.

10 Anónimo 04/07/2015 12:42

Tanta loita polo poder dos partidos do bloque (PNG, EN, UPG, UG...) está a desmotivar aos seus votantes ¿que foi do mais bloque e menos partes?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Descoñezo a que loita se refire vosté. De igual xeito, é imposible coñecer a desmotivación dos votantes e os motivos da mesma. En calquer caso, a frase ca que vosté remata a súa pregunta, foi pronunciada por un membro da actual executiva do BNG e sería il mesmo o mais adecuado para contestar ista pregunta. A nosa opinión, a de EN, é a de que non existirá BNG se non existen as partes. Isto é, sen a participación de todas e cada unha das partes, o BNG non será.

11 Anónimo 04/07/2015 12:42

¿Cosidérase un intrigador, tal como o sábado o definiu o seu compañeiro Anxo Quintana?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Non tiven ocasión de comprobar que o señor Quintana me considerase un intrigador; cando menos, non mo transmitiu en ningún momento. Non podo creer que o señor Quintana, nen nengún outro dirixente do BNG, me transmita mensaxes a través dos medios de comunicación. Por último, non, non me considero nengún intrigador.

12 Anónimo 04/07/2015 12:42

O secretario de Organización do PSOE réndelle homenaxe a Castelao falando en castelán diante do seu monumento. ¿Que lle parece?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Paréceme coherente coa posición política do PSOE a respeito da cultura e da lingua galega. Non é extraño en absoluto xa que moitos (a maioría) dos dirixentes dise partido político expresánse habitualmente en español, sexa cal sexa a ocasión, salvo cando poda "non ser políticamente correcto".

13 Anónimo 04/07/2015 12:42

Cais cres van ser as claves da Asemblea de EN do vindeiro dia 26?

Alberte Rodríguez Feixoo:

O próximo día 26, en Lugo, EN vai debater varios relatorios a fin de encardinar os retos políticos que nos esperan a partir dise día. Por unha banda, trátase de reforzar a estructura partidaria a meio dunha reforma no relatorio de Estatutos e Organización. Será imprescidivel acharse cunha boa organización que poda dinamizar o partido e facelo máis eficaz para poder ollar o futuro con optimismo real e non ficticio. Por outra banda, vaise aprofundar na posibilidade de crear un polo socialista dentro do nacionalismo que seña capaz de atraer a todas aquelas persoas que queran aunar o seu sentimento nacional co seu desexo de conseguir unha sociedade máis igualitaria. Isto somentes pode conseguirse establecendo un compromiso democrático ca sociedade galega. De ahí, o noso eslogan asambleario "O compromiso democrático do socialismo galego".

14 Anónimo 04/07/2015 12:42

Sr. Feixóo: Moita xente que votamos BNG votamos un perfil político de nacionalismo como o do seu Partido. ¿Por que o seu peso nas candidaturas do BNG é tan cativo? Sílvia P. Maneiro (A Coruña)

Alberte Rodríguez Feixoo:

Isto habería que preguntarllo á dirección do BNG. Nós, dende EN, esforzámonos a cotío por traballar en todos e cada un dos aspectos nos que é necesaria a nosa colaboura para sacar adiante os obxectivos fixados polo nacionalismo organizado. Formamos parte dunha estructura frentista que conta con varios grupos organizados e con moitos militantes a título individual. Sometémonos, por suposto, ao designio da maioría que se establece polo criterio de un militante un voto. Non renunciamos a ter maior representatividade tanto nos órganos de dirección como nas candidaturas que apresente o BNG pero é necesario que aunemos forzas para poder transmitir ao conxunto da sociedade que os textos aprobados na X Asamblea do BNG, que son aprehendidos ó cento por cento por EN, responden a unha idea moi cercana ao que representa o noso partido.

15 Anónimo 04/07/2015 12:42

A que se debe o baixón que nas enquisas se atribue ao B.N.G. como van recuperar o terreo perdido ? Lois (Barcelona)

Alberte Rodríguez Feixoo:

Non teño coñecemento exacto do que reflicten actualmente as enquisas pero, en calquer caso, xa se sabe que istas fluctúan dunha consulta a outra. Dende EN esforzámonos en facer chegar á dirección do BNG a nosa visión de como deben enfocarse as cousas para seguir gañando terreo tamén no campo eleitoral. Unhas veces aténdense as nosas suxerencias e outras non.

16 Anónimo 04/07/2015 12:42

sr. feixoó por que non se presenta vd. á alcalde de Lugo?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Porque o BNG non me elexiu para este posto.

17 Anónimo 04/07/2015 12:42

sr. Feixoó como ve a lei de partidos e en xeral o conflicto vasco?

Alberte Rodríguez Feixoo:

A miña opinión a respeito da lei de partidos é que se trata dunha obra maquiavélica composta entre PP e PSOE para poder utilizala contra calquer nemigo político que se lle poña por diante (non só contra Batasuna). Eu posiciónome claramente en contra da lei de partidos xa que considero que contraria direitos básicos tanto do cidadán individual como dos colectivos que podan formarse entorno ós partidos políticos. O chamado conflicto vasco, creo que debe ter unha solución pacífica dentro do propio territorio de Euscadi. Hoxe hai un documento serio e riguroso enriba da mesa, plantexado polo presidente do goberno vasco, señor Ibarretxe. Non parece idóneo para avanzar, rechazar de plano o citado documento sen aportar nengunha alternativa.

18 Anónimo 04/07/2015 12:42

Sr. Rodrigues como considera que os meios de comunicaçom galegos tratam ao B.N.G. ?

Alberte Rodríguez Feixoo:

Dende logo non serían candidatos a nengún premio de obxectividade se ista tivera que medirse polo tratamento informativo que se dispensa ó nacionalismo galego. Ista sen dúbida é unha das asignaturas pendentes para poder normalizar a situación política de Galiza. A incidencia que ten o denominado cuarto poder chega a influir, non só no conxunto da sociedade, senón incluso dentro da propia militancia nacionalista. A historia nos demostra que isto non é unha novidade; non somos os primeiros en sofrer iste tratamento, pero debemos esforzarnos en tratar de trasladar as nosas propostas do xeito máis directo e diáfano posibel á cidadanía, para contrarestar a desinformación a que nos vemos sometidos.

19 Alberte Rodríguez Feixoo 04/07/2015 12:42

Estiven moi a gusto chateando cos internautas que se conectan con La Voz de Galicia. Lamento non ter podido contestar todas e cada unha das preguntas xa que o tempo do que dispomos é limitado (e non o poño eu). De calquer xeito, agradezo a todas as persoas que participaron a súa preocupación e curiosidade por coñecer as miñas opinións. Aproveito para convidar a quen queran coñecer millor o traballo de EN para que nos acompañen o día 26 do presente mes no acto de clausura da nosa Asamblea no hotel Torre de Núñez en Lugo ás seis da tarde. Gracias.