Data?1436006088

Manuel Rivas é a voz máis popular da literatura galega
actual. O coruñés logrou o éxito en todo-los xéneros ós que
se achegou: xornalismo, poesía, narrativa, ensaio ou guións
para o cine. Mestre do relato curto, Rivas é autor de obras
como ¿Qué me queres amor? (Premio Nacional de Narrativa en
1996), Ela, maldita alma, Os comedores de Patacas, O pobo da
noite, O Lapis do Carpinteiro, A Man dos Paíños ou Galicia,
Galicia (recentemente editadas en castelán). Artista de
gran tirón popular tanto na comunidade coma no resto do
Estado, a sua obra narrativa foi traducida ó castelán,
catalán, portugués, francés, italiano e alemán.

1 Anónimo 04/07/2015 12:34

En unos minutos comenzará la charla con Manuel Rivas. Les invitamos a acompañarnos.

Manuel Rivas:

Hai un saúdo irlandés do que gosto moito. Escoiteino nun pequeno lugar do Oeste: ¡Mil veces benvido! Esta leria-elektro é tamén unha boa ocasión para botar un antergo brindis do mundo campesiño, tristemente perdido: ¡Saúde, irmáns, e cante o merlo! Pois iso. Con este fermoso día soleado, ¡que nos saia a todos un lirio pola orella!

2 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Quen son, en galego, os seus escritores preferidos?

Manuel Rivas:

Alvaro Mutis sempre presenta aos seus colegas colombianos dicindo: "Este é un dos cinco mil mellores escritores de Colombia". Penso que en Galicia tamén podemos falar dos cinco mil mellores escritores...O que hai que cuestionar na literatura, de feito ese é un dos contrapuntos que a fai atractiva, é a idea de competencia como se fose un derby de cabalos. A literatura é para compartir. Ben, disculpade o rollo. Tendo en conta esta miña idea da literatura, tamén estou disposto a comprometerme e sinalar preferencias: Rosalia de Castro (esa mestura de subxectivismo e paisaxe, Galicia como unha paisaxe emocional), os relatos de Castelao (Cousas e Retrincos), de Rafael Dieste (Dos Arquivos do trasno...Os poemas vangardistas de Manoel Antonio mais tamén os poetas de montaña como Noriega ou Iglesias Alvariño...Xa non podo parar...¡Vedes como hai cinco mil, sen contar os vivos! O meu ideal narrativo sería unha mestura de Alvaro Cunqueiro e Blanco Amor. Un enxerto de imaxinación e compromiso pola vida.

3 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Que anda a ler agora?

Manuel Rivas:

Son moi disperso nas lecturas. Os libros para min son seres vivos e de feito andan pola casa como mascotas ou paxaros. De cando en vez pousan en min ou eu pouso neles. Estou a ler, por exemplo, o "Libro del frío" de Antonio Gamoneda, os artigos -moi esquecidos- de Eça de Queiroz, nunha traducción feita por Fernández Florez, "Soldados de Salamina", "Poesía completa" de Miguel Torga (que para min é un dos grandes escritores galego-portugueses: ¿Cando falaremos de Fronteira como novo espacio literario?) e o teatro de Ibsen e os retablos de Valle-Inclán.

4 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿crees qué los gallegos somos catastrofistas por naturaleza?

Manuel Rivas:

Non. De feito hai que cuestionar o ADN que nos atribuen de seres morriñentos e con tendencia depresiva. Se se escribira unha historia da xente corrente galega, do seu comportamento ante o mal de aire da historia, sería sorprendente ver a capacidade de resistencia, adaptación e superación neste mundo darwiniano. O galego non é apocalíptico ainda que a paisaxe e a arquitectura ás veces o sexan. Hai que reivindicar a tradición cultural galega do humor, que xa aparece no escarnho dos cancioneiros, da liberdade, e do goce pola vida. Non somos tristes. Resistimos porque soñamos.

5 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Segue sendo, vostede, un poeta? Eu coido que si.

Manuel Rivas:

Claro que si. Considero que toda a boa literatura é, no fondo, poesía. A poesía non se ten que identificar cun formato convencional, cunha métrica ou cunha ritma. A poesía ten que ver coa forma de mirar, coa iluminación do lado escuro ou coa sinceridade das nubes. É sinónimo dunha procura diso que chamamos verdade...

6 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Como estaste a preparar para o debú como actor?

Manuel Rivas:

Debo aclarar que a miña participación en "O lapis de carpinteiro" é o que se chama un simple "cameo". Creo que farei de fusilado a carón da Torre de Hércules...Agardo que non se utilice fogo real.

7 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Como cre que se lembrará a súa obra no futuro?

Manuel Rivas:

Creo que non é boa a obsesión taxidermica na literatura. ¿Quen sabe o que vai pasar? Dise que o tempo fai sempre xustiza, pero nin sequera iso é certo. ¡Cantos esquecementos non existen! ¿Quen sabe hoxe en Galicia dun grande poeta recitador aínda vivo, e ben vivo, chamado Carlos Oroza? Non, non se pode escribir mirando a ver se esculpen en mármore o teu nome no Panteón dos Galegos Ilustres. Hai que escribir sempre pensando que formas parte do partido da vida e que a literatura ten un punto de rebeldía e de vinganza contra a Historia e os seus muñidores.

8 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿PENSAS VOLTAR A VIVIR NA COSTA DA MORTE?

Manuel Rivas:

Non deixei de vivir na Costa da Morte, porque para min é un espacio xeográfico pero tamén emotivo. Digamos que, aínda lonxe, eu teño a cabeza na rosa dos ventos da Costa da Morte. Por causas persoais, agora ando coa vida un pouco partida. Pero o meu lugar emocional está alí. E axiña volverei.

9 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Gustache o que fas, ou cecais preferirias levar outra vida?

Manuel Rivas:

Escribir é para min unha liberación. E penso que o primeiro compromiso do escritor é precisamente ese: o escribir. O que non me gusta nadiña e a arañeira que hai ao arredor, o mundo das croquetas e as relacións públicas. Cando non podes evitar algún compromiso deste tipo, póñome a cantar a de Manu Chao: "Me llaman el desaparecido..." ¡E procuro desaparecer!

10 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿conseguiremos que Fraga no vuelva a ganar las elecciones?

Manuel Rivas:

Eu penso que a Fraga hai que darlle un descanso para que escriba as suas memorias e ese libro que todos agardamos del: un gran tratado de caza e gastronomía. Estou convencido de que estas eleccións van rondar un empate. E que Fraga non será o vindeiro presidente de Galicia. Todo país necesita un cambio de orquestra. Fraga é unha especie de "okupa", unha figura que ten demostrado unha grande capacidade de adaptación, pero dalgunha forma ten infantilizado ás élites do poder galego. Chámame a atención que ninguén no goberno galego sexa quen de expresar unha idea ou unha opinión propia. É un goberno ágrafo. O relevo de Fraga tamén supoñería unha necesaria renovación desas élites. A nosa próxima estación non pode ser Paciencia senón Esperanza.

11 Anónimo 04/07/2015 12:34

O teatro sempre foi un xénero secundario na literatura galega. Non crés que sería positivo escribir algunha vez unha obra diste xénero?

Manuel Rivas:

Mágoa das versións galegas de Valle-Inclán porque obras como as "Comedias bárbaras" son o mellor teatro galego endexamáis escrito. Necesitaría máis tempo e espacio para explicar o que eu penso do teatro galego. Pero, de entrada, estou seguro de que só se pode ir a mellor. Temos un factor humano extraordinario...

12 Anónimo 04/07/2015 12:34

Estou a estudiar na Universidade de Columbia, en New York, USA. Onte atopei un libro teu, "The Carpenter's pencil" ,na libreria da Universidade, nun sitio moi visible, Non crees que e fascinante que a cultura galega chege tan lonxe, gracias a tua obra?

Manuel Rivas:

E unha desas cousas que ten o escribir. Que as veces chegan os libros ás praias remotas como a mensaxe nunha botella. Agora van sair os contos en xaponés. Gostariame saber que pensa un lector xaponés, que está a ver no cinematógrafo da súa mente, cando le estas historias. O escritor non é embaixador de nada. Un libro transporta soños. Pero tanto ou máis importante foi a difusión dalgunha música galega.

13 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿ Veste coa responsabilidade hístórica, aínda que soe forte, de escribir esa gran novela da literatura galega ?

Manuel Rivas:

Grandes novelas na literatura galega xa existen. Penso que a reiteración desta cuestión reflexa un certo complexo de inferioridade. Unha grande novela non se programa. Non podes ir polo mundo como aquel persoaxe de Eça que ía escribir un libro que nunca escribiu, pero proclamaba: "¡Vai ser unha biblia!". O que hai que facer é aprender sempre e que cada libro, como diría o bolero, saia do corazón.

14 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿ Dúas condicións que ti pensas debe ter un bon escritor ?

Manuel Rivas:

A primeira, escoitar o ruxe-ruxe do mundo. Escoitar o que se escribe ou está escrito no aire polas xentes de común. E a outra condición amar a liberdade, levar dentro un anarquista que non sexa escravo de ningún amo.

15 Anónimo 04/07/2015 12:34

No país de "Luar" é posíbel literatura de calidade?

Manuel Rivas:

¡Como non! A cultura de calidade pode darse mesmo no quinto inferno. Luar pode ser criticado pero é o que é e non pretende ser outra cousa. É a verbena da Aldea Global. Un popurri transgalaico. A cultura popular foi dalgunha forma transformada e canibalizada polo mundo mediático, xa dende difusión do cine, da radio e despois da televisión. Pero hai unha sentimentalidade e uns valores niso que se deu en chamar Subcultura. Aconsellaría aos escritores galegos que viran Luar. Os informativos da TVG non, que estropean o estilo con tanta servidume ao que manda.

16 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿ Cres que o Manuel Rivas literario está a ser superado polo Manolo Rivas sociolóxico ?

Manuel Rivas:

A razón de estar aquí, de que exista, é ter escrito e publicado libros. á xente non a podes enganar. Se os le, é porque lle gustan. A miña historia tampouco foi sempre un camiño de rosas. Pero diso non vou falar...Ao cabo, o que ficará é isto: Escribiu libros e morreu.

17 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Como terán que ser as novelas do século XXI?

Manuel Rivas:

Danme ganas de dicir: Como disparos, loairas, destelos, lóstregos. Poemas. As novelas do século XXI estarán escritas, como xa sucedeu antes, coa percepción dun tempo novo, co cambio na dimensión sensorial. Os "mass media" non van rematar coa literatura nin coa novela. Van empuxar, van favorecer a procura de novas fronteiras literarias, novos territorios, e a dirección dese movemento van ser en profundidade. Unha nova poética do valor humano. Pero, independentemente do estilo, as novelas do século XXI van ser o mellor medio de denuncia.

18 Anónimo 04/07/2015 12:34

cree que las campañas para estimular el hábito de la lectura sirven para algo?

Manuel Rivas:

A mellor campaña para estimular a lectura non ten que ver coa publicidade. é moi sinxela. Ten que ver coa realidade. Se a Xunta quixera estimular a lectura, promover a ilustración popular, ten tres camiños ben doados: 1. O sistema educativo 2. Facer as bibliotecas que non existen. 3. Facer e patrocinar programas de libros nos medios de comunicación.

19 Anónimo 04/07/2015 12:34

Alguna vez te has sentido emigrante?

Manuel Rivas:

O momento máis importante do escritor, dicía Italo Calvino, é cando levanta o naris do papel. A pregunta fundamental é que lle pasa ao outro. Os porqués do mundo. Eu non fun emigrante. Meu pai si, e moitos dos meus veciños. A emigración forma parte da atmósfera na que me criei, da paisaxe da infancia. O que permite ser escritor é vivir outras vidas. E nese sentido, eu síntome emigrante. Metinme moitas veces na súa pel. A emigración é unha das grandes cuestións do noso tempo. Asombrame a pouca presencia dese asunto na literatura contemporánea galega, pero sobre todo a case nula referencia na literatura española. É como se un virus do olvido borrase o disco duro da memoria.

20 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿Non se decidirá a escribir guións para o cine?

Manuel Rivas:

Gostariame facer textos para cine e teatro. Pero adrede. Quero dicir que non me apetece andar duas veces o mesmo camiño, e por iso preferin non facer os guións a partir dos meus textos literarios. Tamén penso que non se poden escribir novelas coa idea de que logo sexan películas, porque non hai cousa peor que unha novela "cheire" a película. Pero si. Cando escriba un guión, se é que o fago, escribirei directamente un guión. E terá que ver cunha película do Oeste. Escribirei unha de "far-west" contemporáneo. ¡Quen me dera "A dilixencia" estilo galego!

21 Anónimo 04/07/2015 12:34

¿gústalle argallar no que escribe a xente nova en Galicia?¿que lle parecen as novas propostas?

Manuel Rivas:

O outro día, en Pontevedra, participei nun recital no que estaban, entre outros, Antón Lopo, Cristal Méndez...Foi unha experiencia extraordinaria, de aprendizaxe. En música e poesía e en teatro e en video, nas expresións artísticas en xeral, vivimos o mellor momento da cultura galega posiblemente dende o referente mítico dos Cancioneiros, cando se dicía que Galicia era un reino de campesiños e poetas. Pero é un momento soterraño. O mellor da cultura galega é que ten aínda ese espírito underground, de cultura que navega na adversidade, como unha dorna, como unha lixeira embarcación que aproa no temporal, e non como un Titanic.

22 Manuel Rivas 04/07/2015 12:34

Queridos rostros invisibles, agardo que non perderades o día falando uns minutos conmigo. á maneira dos pioneiros e demócratas galeguistas, ¡Saúde e Terra, irmáns!