Envíe sus preguntas a Carlos Aymerich
null
Bon día para todos e todas. Xa á vosa disposición para manter un diálogo através da rede e tentar, dentro das miñas posibilidades, aclarar as alternativas do BNG e o moito que Galiza se xoga nestas eleccións.
Onde reside habitualmente vostede?
Son habitante do eixo atlántico. Nacido e criado en Vigo, estudante en Compostela, profesor na Coruña e deputado en Santiago. Galego e do Celta.
Siendo Ud. una persona con futuro en la Universidad, que se le pierde en la política y además en una partido con tan pocas espectativas en las elecciones autonómicas de 2012. Gracias
Si, agardemos que a Universidade teña futuro, non por min senón polo país. Desde logo coas políticas de recortes do PP en ensino e I+D estánselle a pór as cousas complicadas. Baste ver o que sucede cos fundos tecnolóxicos da Universidade de Vigo. En todo caso dedícome á política porque quero que Galiza, o meu país, progrese e poda decidir libremente o seu futuro. En calquera caso é unha ocupación temporal, na vida "civil" sigo a ser docente. Das expectativas do BNG falaremos despois do 21-O. Se quere apostamos un café. Estou certo de que imos rachar coas expectativas das enquisas.
tras a asemblea de amio, vostedes non estaba conforme ca liña do bng e queria marchar, porque cambiou de idea? fixoo por un posto?
Eu nunca dixen que quixese marchar do BNG. Todo o contrario. Na propria asemblea de Amio dixen, antes das votacións e ante o plenario, que se non saía elixido traballaría para que o meu amigo Paco Jorquera fose o próximo presidente da Xunta. E niso ando. Os que mudaron de idea foron os que acudiron á asemblea, aceitaron as regras de xogo e logo non asumiron o resultado. Serán eles os que teñan que dar explicacións da súa marcha, en todo caso lexítima. Con todo penso que o tempo vai poñendo a cadaquén no seu sitio.
Es Ud. partidario de enseñar a los escolares a traves de " libros de cuentos " la historia de Galicia. No se dan Ud. cuenta que a una tierra se le ama y se identifica con ella a traves de la Historia. Y los chavales de ahora no tienen ni idea del origen de Galicia, de sus riquezas, ect... Muy amable por su contestación.-
Concordo completamente. Só se ama o que se coñece e, nese sentido, hai quen (con Wert e Feijoo á cabeza) paracen empeñados en que os rapaces e rapazas gaelgos non coñezan nin o seu país, nin a súa lingua, nin tampouco á súa historia. Por algo será. Asegúrolle que isto vai cambiar se apartir do 21 o BNG lidera o goberno de Galiza.
¿Deben os políticos ter tantos salarios, dietas e demáis? non habería que limitar os soldos dos alcaldes e demáis cargos?
Que os cargos políticos sexan retribuídos foi unha conquista dos partidos obreiros a fins do S. XIX, despois da conquista do sufraxio universal (inicialmente só masculino), en concreto do SPD alemán. Até entón non había fixada unha remuneración regular, tanto porque quen ocupaban eses cargos eran xente abastada - alta burguesía, nobreza - como tamén porque xa se servían deles para agrandar o seu patrimonio. O mesmo sucedía, por certo, no franquismo. Os alcaldes e concelleiros franquistas non cobraban un soldo, mais lembro que a algún chamábanlle Sr. 10%. Por algo sería. Penso que a retribución digna dos cargos políticos é unha conquista democrática. Outra cousa é que discutamos cal debe ser esa remuneración. E aí o BNG sempre estivo aberto ao diálogo e á maxima transparencia.
Que lle pareceron os debates electorales.
Penso que o debate entre Jorquera e Feijoo respondeu ás expectativas. Dentro das limitacións de tempo e de formato puidemos asistir a unha confrontación democrática de modelos e de proxectos para Galiza. Seguir polo camiño que nos propón o PP, que leva directo cara Portugal (rebaixa de pensións, pagar por ir ao médico ou ao hospital, empobrecemento xeneralizado da poboación) ou o que propón o BNG: gobernar para a inmensa maioría dos galegos defendo o autogoberno e os sectores estratéxicos de Galiza. Gobernarmos nós o noso aforro através dun banco público galego, a nosa enerxía através dunha tarifa eléctrica galega, a nosa pesca defendendo directamente os seus intereses en Europa. Estes son algúns exemplos do que o BNG quer para Galiza.
Que opina das declaracións de Cayo Lara sobre os galegos?
Sobre as declaracións do Sr. Lara, que reproducen os tópicos máis resesos que os españois teñen sobre nós, chámame a atención que os seus socios galegos ainda non o descualificasen publicamente. Diríalle que en Galiza non necesitamos que ninguén veña de fóra a dicirnos como hai que facer política de esquerda, xa o leva facendo o BNG desde hai máis de trinta anos. E dirialle que ben pior que ter cousas na cabeza e non trasladalas fóra e facer coma el: ter a cabeza baleira e botar a lingua a paseo. Agardo que rectifique e se desculpe.
¿Non creé vostede que unha interpretación literal do lema "non nos representan" da pé a aparición de fenómenos populistas como Mario Conde ou políticas demagóxicas como eliminar os soldos dos diputados do parlamento?
Eu creo que os que din "non nos representan" o que reclaman é unha democracia de maior cualidade. Avanzar, portanto, no camiño da democracia directa (através de consultas vinculantes) e da democracia participativa a todos os níveis. Non creo que vaian en contra da democracia, o que reclaman é máis democracia. E aquí batemos con unha cuestión fundamental: a democracia, etimoloxixamente, quer dicer goberno dos de abaixo, do pobo, en contraposición á oligarquía e á aristocracia. Democracia é votar, mais democracia é tamén que os que gobernan defendan os intereses do pobo e non os dunha minoría que non foi, por certo, elixida por ninguén. Que sucede? Penso que a xente decátase de que o contrato social que se daba por suposto xa non se respecta. Pensabamos que se unha persoa traballaba e aforraba tería unha vellez tranquila, e vemos que non é así: malversan os seus aforros con preferentes e recórtanlle a pensión. Pensabamos que se nos esforzabamos, facíamos que os nosos fillos tivesen os estudos que nós non tivemos, terían un traballo digno: e vemos que non é así ... Comprobamos que o capital rompeu o contrato unilateralmente e xa non sabemos a que agarrarnos. Creo que é un pulso de poder. Que estas eleccións son un pulso de poder. Entre o pobo que quer unha vida digna e os que pretenden sacrificar o benestar das persoas en beneficio do lucro dunha minoría. Necesitamos un novo contrato social, mais desta vez teñen que ser as maiorías quen fixen as condicións. Para iso fai falta forza, concentrar forza naquela forza que asegura a defensa destes intereses. En Galiza esa forza é o BNG.
¿Cuales son sus propuestas para Vigo?
Primeiro traballo. Ten que se solucionar xa o problema do tax lease - e esclarecerse, canto antes, o affaire dos contratos de Pemex - para que o naval se recupere. E, por certo, aprender do pasado: a recuperación ten que vir da man dunhas relacións laborais xustas, de convenios que se respecten e de salarios dignos. Logo comunicacións: o porto nodal, a autoestrada do mar (agardemos que a noticia de hoxe sexa algo máis que propaganda electoral) e as conexións ferroviarias co eixo atlántico e coa meseta, mais sobre todo de proximidade: a área metropolitana de Vigo precisa ter servizos de cercanías como os que hai na maioría das cidades do Estado. Eliminar a portaxe na AP-9 mellor que facer novas vías en paralelo. E unha estación intermodal de verdade, non un grande centro comercial que compita co comercio local. Servizos públicos de calidade: resgatar o hospital de Valadares para o converter nun hospital público con capacidade bastante como para que os pacientes do Val Miñor e do Morrazo non teñan que ir a Povisa. Unha universidade ben financiada. Atención integral aos dependentes. E unha área den ordenada: suprimir a Deputación (que fai?) e construir unha área metropolitana de verdade na que Vigo xogue o papel que por poboación e peso lle corresponde.
¿Cuál es el papel presente y futuro de Quintana, uno de los mejores y más despreciados (internamente en el BNG) valores del nacionalismo gallego, en el BNG?
Pois, como vostede di, Quintana segue traballando no BNG como un militante máis. Non ocupa ningún cargo mais, como ben se comprende, a súa opinión pesa dentro do Bloque. Frente a outros Quintana é todo un exemplo de que se pode seguir a traballar a favor do BNG sen necesidade de ocupar ningún cargo.
Bós días Sr. Aymerich, no marco da financiación do estado do benestar ¿que lles diría os que afirman que unha suba na fiscalidade no patrimonios máis altos derivaría nun éxodo do aforro cara outros territorios? Moita sorte
Diríalles que ese é un argumento chantaxista e que, levado ao estremo, debería conducirnos a facer de Galiza un paraíso fiscal. A min paréceme moi ben que a fundación de Amancio Ortega financie escolas infantis. Pareceríame mellor se a súa SICAV non tributase ao 1% polos seus beneficios. Logo xa decidiriamos democraticamente que facer cos cartos.
¿que resultados espera tener en las elecciones?
Todas as enquisas coinciden nunha cousa: que a maioría dos galegos nin cre que a vaia haber nin quere tampouco que haxa unha maioría absoluta do PP. O reto é converter esa maioría social nunha maioría electoral o próximo 21 de Outubro. E a mellor forma de facelo é concentrar os votos nacionalistas e de esquerda no BNG. Estou certo de que o BNG vai subir. E será o ascenso do BNG o que asegure a derrota do PP en Galiza.
no crees que o BNG proxecta a imaxe de ser o psoe galego, cando queremos máis ben un partido nacionalista galego? Cando en catalunya se pide a independencia que pedimos aquí?, xa estamos fartos de ser unha colonia
A realidade galega e a catalana son diferentes. O único en que podo coincidir é en defender o dereito de Cataluña a decidir libre e democraticamente o seu futuro, porque ese mesmo dereito tamén o reclamo para o pobo galego. Dito iso cada país ten ás súas necesidades e os seus ritmos e, penso, francamente, que o BNG é a opción nacionalista que Galiza precisa. Debemos cair na conta de que, en política, a copia mimética do que sucede noutros lugares raramente dá resultados. Contodo é evidente que o café para todos, o estado das autonomías tal e como o coñecemos, chegou ao seu fin. Temos que escoller: se converternos con Feijoo nunha rexión de segunda ou camiñar co BNG, xunto con Euskadi e Cataluña, cara un estado plurinacional.
Cal é a postura do BNG cas persoas que fomos estafados cas preferentes?
Sempre tivemos unha posición clara: o das preferentes e subordenadas foi unha fraude artellada politicamente e debe ter unha solución política. Hai unha ben rápida: que o goberno español do PP dea ordes aos seus representantes no consello de NGB de que non se opoñan á demanda da Fiscalía para que o xulgado dite unha sentenza de conformidade. En todo caso seguiremos loitando para que os aforradores afectados recuperen o 100% dos seus cartos. É de xustiza.
Por que debería votar ó BNG e non ao PP?
Onte Jose Luís Feito - colaborador da FAES, directivo da CEOE e membro do consello de Bankia - manifestou que en España fai falta un "axuste brutal" do nível de vida. Onte tamén FEDEA - think tank neoliberal financiado pola banca privada - dicía que hai que conxelar as pensións este ano para recurtalas o ano que vén. Xa nin esperan ás eleccións, xa adiantan o que vai pasar de gañar o PP en Galiza. Frente a isto o BNG oferece outro camiño: políticas de criazón de emprego, de desenvolvemento dos nosos sectores produtivos e de servizos públicos de calidade financiados cos nosos propios recursos. Gobernar nós a nosa terra: o noso aforro, a nosa enerxía, o noso leite, a nosa pesca ... para que ninguén máis teña que emigrar.
Moitas grazas a todos e todas. Grazas á Voz pola iniciativa. E agardo que despois do 21, nesa nova etapa que os seus votos poden abrir en Galiza, encontros coma este sexan a norma tamén fóra do periodo electoral. Bon día!