Orozco 1h

El actual alcalde de Lugo y aspirante a la reelección por el PSdeG responderá a las preguntas de los internautas el jueves 21 a las once

1 Orozco 21/05/2015 11:06

Bos días. Un saúdo afectuoso a todos os internautas :)

2 Lucía 21/05/2015 11:08

Que ten pensado facer co carril bici?

Orozco:

Temos feito un proxecto para levar a cabo o plan de mobilidade para a utilización da bicicleta. Pero primeiro pensamos facer unha campaña para concienciar sobre o uso deste transporte, e vale moito o traballo que está a facer Masa Crítica. É importante o uso da bicicleta por razóns de saúde, de respecto ao medio ambiente e para que a cidade sexa máis das persoas que dos automóbiles. Por iso, xa imos mellorar na nova adxudicación dos autobuses.

3 Pablo 21/05/2015 11:11

Señor Orozco ¿vai seguir apostando polo deporte de base?

Orozco:

Sen lugar a dúbidas. É a liña marcada desde hai 16 anos e proseguiremos con esta idea de que o deporte é un dereito para todos. Temos os espazos deportivos gratuitos como nunca tivo Lugo. Imos investir no mandato 600.000 euros para melloralos e construiremos un polideportivo nas Gándaras e poñeremos calefacción nos polideportivos da Piringalla e do Palomar. A Xunta só investiu en Lugo 400.000 euros. O demais foi todo investimento dos lucenses. Por iso lle ensino a tarxeta vermella ao señor Feijoo.

4 Lourdes 21/05/2015 11:15

Moitas familias lucenses teñen problemas para pagar facturas a final de mes, que vai pasar cos impostos? o concello vai axudarlles?

Orozco:

Non van subir os impostos nin os prezos públicos nin as taxas. Somos o primeiro concello de Galicia en investimento social e o cuarto de España. Mentres siga a situación de crise seguiremos apostando polas persoas. E subiremos o investimento social do 18 ao 22% no transcurso do mandato. Hoxe colaboramos coas familias no pago dos recibos da luz, do aluguer de vivenda, de axuda no fogar, de xantar no fogar, de centros de día, comedores escolares, libros, escolas infantís, etc. Imos construír, xunto coa Fundación Amancio Ortega e a Axencia Galega de Benestar, unha nova escola infantil en Albeiros. Xa cedemos os terreos e están facendo o proxecto.

5 marta 21/05/2015 11:17

Que piensa de los autobuses gratuitos y tarifa plana que dice el PP?

Orozco:

Do PP non creo nada en absoluto porque xa deu mostras de que non cumpre nin unha soa promesa. Temos os autobuses máis baratos de España, con tarifas reducidas para persoas maiores, en paro, estudantes, etc. E cun prezo de trasbordo de 19 céntimos. Imos mellorar as liñas, tal e como se contempla no plan de mobilidade e no novo prego de condicións, que en tres meses estará adxudicado.

6 xose vao 21/05/2015 11:19

Ola alcalde, son veciño da Ronda do Carme no número 19. Gustaríame saber por que se permite que os coches aparquen na beirarrúa. Teño notificado o asunto á Policía Local e non fan nada. Por favor, unha resposta sincera, señor alcalde.

Orozco:

As miñas órdenes á Policía son: denunciar os coches aparcados nas beirarrúas, nas paradas de taxis, nas dársenas dos autobuses, nas prazas de xente con mobilidade reducida, e nas cargas e descargas. É verdade que nos falta policía, e que se nos pode escapar algunha acción que era punible. Pídolle desculpas.

7 Delia 21/05/2015 11:21

Alcalde, teremos mellores pistas no rural?

Orozco:

Temos xa arredor de 150 quilómetros en aglomerado en quente. Seguiremos facendo pistas en aglomerado en quente ata completar o 60% das pistas existentes, sobre todo, a aquelas que sirvan para as persoas e para o ciclo económico do rural. Nunca se fixeron tantas pistas de aglomerado en quente como desde cando eu son alcalde.

8 Teresa Valcarce 21/05/2015 11:22

Sr. Orozco se sae alcalde, será este o seu último mandato? En caso afirmativo quen pensa que podería sustituilo?

Orozco:

Mire, agora, de verdade, só penso nas eleccións e en ter unha maioría que nos permita gobernar co noso proxecto. Todavía nin se celebraron as eleccións e por iso é moi pronto para pensar nas próximas. Cando un se atopa con ganas, con saúde, con ilusión, con forza e con proxecto, o traballo municipal nin cansa nin conclúe.

9 Bernardo Cadilla 21/05/2015 11:27

Compañeiro, as Deputacións son institucións anacrónicas que devoran a metade dos recursos que reciben do Estado no seu propio funcionamento.
Non sería mais propio que eses cartos foran directamente enviados ós Concellos, cuios alcaldes coñecen mellor as suas necesidades?
Non se están usando as subvencións de libre disposición para castigar a os concellos que non son do mesmo signo político e por contra premiar os concellos afins?
É vostede partidario ou non da continuidade das Deputacións tendo como teñen competencias solapadas coa propia Xunta?

Orozco:

Si que é necesario facer unha reforma administrativa, que ten que pasar obrigatoriamente pola reforma das facendas locais e por unha boa distribución de competencias entre os tres gobernos que se contemplan na Constitución. Unha vez dito isto, se as Deputacións, como sucede coa de Lugo, colabora cos concellos, sobre todo cos máis pequenos, poden existir porque complementan a acción local. É posible que algunhas competencias poidan ser substituídas desde as Deputacións, como é o caso da recollida do lixo ou na colaboración tamén coa Xunta para o saneamento integral dos concellos. De non cumprirse estas premisas, e nós temos experiencia dabondo de épocas anteriores ou de outras Deputacións, pois igual habería que estudar a súa desaparición.

10 Bernardo Cadilla 21/05/2015 11:28

Compañeiro Orozco: é vostede partidario ou non de limitar o número de mandatos dos Alcaldes?

Orozco:

En España non existe esa limitación. Podería estudarse a ampliación dos mandatos de catro a seis anos, co cal, cabería falar do que vostede di. Non obstante, esta é unha elección tan directa que ninguén mellor que os cidadáns para poñer e quitar alcaldes.

11 Mª Luisa Seara Borrajo 21/05/2015 11:29

Se vostede fora pai dunha filla que limpamente gañou unha praza pública no concello da súa cidade e utilizando maneiras que se poden calificar de "mafiosas" o concello non lle permitira a súa filla acceder a praza gañada, que opinaría, como pai repito, da actuación do concello, na persoa do seu mais alto representante, O SEU ALCALDE?

Orozco:

De producirse unha actuación así, vivimos nun Estado de dereito e por iso habería que acudir aos tribunais contenciosos administrativos para dar e quitar razón. Desde hai uns anos, os políticos non participamos nos tribunais de oposicións.

12 luis 21/05/2015 11:31

cuando se limpian las calles de extraradios de la ciudad y se sacan tablones de los vados no autorizados? si pagasen todos los vados no autorizados recaudarian más y podrian adecentar las calles

Orozco:

Ten vostede toda a razón. Cónstame que desde hai un tempo a Patrulla Verde da Policía Local está actuando nese sentido. Se pagamos todos, pagaremos menos e daremos mellor servizo.

13 Lorenzo Niño Dominguez 21/05/2015 11:32

¿Qué piensa hacer con la agrupación de voluntarios de Protección Civil, por qué no se potencia, no interesa?. Gracias

Orozco:

Levamos no programa facer un novo regulamento de Protección Civil, dotándoos ademais de mellores medios, co que pretendemos mellorar e darlle máis funcionalidade a este servizo de voluntarios.

14 Luis 21/05/2015 11:39

Señor Orozco, actualmente es incuestionable que hay una desafección muy grande hacia la clase política, y creo que en gran medida es gracias a personas como usted, lo de Andalucía, entre otros.
¿No le parece de verguenza que tengamos un alcalde vitalicio, porque usted ha perdido las pasadas elecciones y está ahí por un puro "arreglo" para seguir y seguir, además de estar imputado en todo y cada uno de los casos de corrupción que salpican Lugo, aunque claro, usted nunca sabe nada?
¿No cre que sería muy bueno para la imagen de la clase política que gene como ustede dejara ya esto y nuevas caras, fuera de toda duda tomaran la alternativa?

Orozco:

A Constitución defende que todo o mundo é inocente ata que se demostre o contrario. Fun imputado en varias ocasións e logo "desimputado" outras tantas. No caso de agora vai suceder igual porque son inocente. Pense vostede que Vigilancia Aduanera deume unha volta como un calcetín ás contas e patrimonio da miña familia e chegou á conclusión de que non había nin o menor signo de que recibiramos algo máis que o noso salario. Estou en política só para servir. Este é o modelo que me deixou como herencia a miña familia.
Defendo, sen lugar a dúbidas, a maior transparencia, porque actuamos con diñeiro público, que ten que estar ao servizo do ben público. Pense vostede que somos dos poucos concellos de España onde a oposición está representada, desde que eu son alcalde, en todas as mesas de contratación e xuntas de compras. A oposición ten acceso a todos os expedientes só con pedilos.
Con respecto aos pactos, teño que dicirlle que baixo o criterio dun demócrata o consenso e o mesmo pacto son esenciais en política. Por poñer un exemplo, os votos do PSOE e do BNG nas pasadas eleccións foron máis que os votos do PP, e fixemos un pacto escrito e público como compromiso de goberno. Que me gustaría máis unha segunda volta en caso de non haber unha maioría absoluta na primeira? Sen lugar a dúbidas.

15 Manuel 21/05/2015 11:41

Sr Orozco, por que decidiu meterse en política e, agora, por que decide seguir despois de tantos anos?

Orozco:

Empecei en política na Universidade para loitar contra a ditadura e que chegara a democracia. Sigo en política porque son "un animal político", como diría Aristóteles, e mentres poida servir aos demais baixo os meus ideais nunca a deixarei. Poderá ser nun cargo, ou como simple cidadán. Se eu, como ser individual, non participo en política, "outros" farán a política por min.

16 Pilat Fernandez 21/05/2015 11:42

Vostede é o responsable de trasportes, ¿por que nos quitou os taxis das Gándara ,e mais do Sagrado Corazón?

Orozco:

Por unha petición dos taxistas, xa que estamos nunha época moi dura, a penas se subiron as tarifas e funciona o Radio Taxi que en moi pouco tempo pode recoller as persoas deses lugares.

17 Iago 21/05/2015 11:44

¿Cuándo se conectará el puente blanco con la ciudad?

Orozco:

Está asinado un protocolo co Ministerio de Fomento a tal fin. Polo de agora, excepto nalgúns momentos moi puntuais, non hai problemas, pero soño con ver un tunel onde hai o entronque da vella estrada de Santiago, Ronda do Carme e República Arxentina que axilizaría o tráfico. Ademais, sería necesario ensanchar a entrada na Volta da Viña, e ao mesmo tempo unha rotonda que permitira ir desde a parte baixa da Volta da Viña cara dirección Coruña.

18 Diego Lopez 21/05/2015 11:50

Sr. Alcalde: ¿non son excesivos os importes de contribución urbana dos pisos novos na cidade? Paga máis un minipiso de 80 metros que unha casa boa no rural. ¿Como xustifica tamén que o IVTM sexa metade máis caro ca nos concellos limítrofes? Os do Corgo, Outeiro, Friol, etc. tamén usan as rúas de Lugo, ou non? Por último, remataron xa as obras en Fontiñas? De ser así, que xustifica que se amañe media rúa e o resto siga cos déficits estructurais q ten? Grazas por contestar a todo, de modo directo e sincero, sen evadir o tema.

Orozco:

Pense vostede cantos mellores servizos públicos temos na zona urbana fronte á zona rural. E tamén o custo, por poñerlle un exemplo, de arranxo das rúas en Lugo que nos outros concellos, tendo como temos ademais maior número delas. Pense vostede no alumeado público. Só na zona rural, que é o 80% do territorio do concello, temos 4.700 puntos de luz...
Remataron a segunda fase das obras de Fontiñas. As obras sempre son molestas e a veces hai atrasos non suficientemente explicados. Faremos unha terceira fase en Fontiñas na que imos cambiar todas as tuberías de fibrocemento por tuberías de fundición. E unha cuarta fase que irá desde o cruce de Sanxillao ata a Avenida de Madrid. Querido amigo, gobernar é priorizar, e non todo se pode facer ao mesmo tempo. Neste momento a nosa prioridade, ademais do que se está a facer en infraestruturas, que significan mellora da nosa calidade de vida, son as persoas.

19 Raul 21/05/2015 11:51

está bien que los imputados en delitos de corrupción, sin apertura de juicio verbal vayan en las listas de candidatos ?

Orozco:

Sen lugar a dúbidas. Estamos amparados pola Constitución, os Dereitos Humanos, e polo Código Ético do noso partido.

20 Encarna 21/05/2015 11:56

Porque en Galicia no se apoya mas al sector agrario, cuando podia ser una fuente muy importante para crear empleo.

Orozco:

Boto en falta unha política agraria que defenda máis os dereitos dos gandeiros. É o único sector que eu coñeza que produce sen saber cal vai ser o prezo da súa produción: se eu fabrico un quilo de tornillos, sei que no mercado mo van pagar a "x" euros. Un gandeiro non o sabe. E agora está vivindo todavía un momento peor, xa que está a firmar contratos a prezos que son menores que o que custa producir o leite.
Son dos que penso que é necesario facer unha nova política territorial, que lle daría un maior desenvolvemento ao sector agrícola, gandeiro e forestal.
Lugo tense que converter no referente da industria agrogandeira e forestal do noroeste. É necesario que a industria láctea mellore a transformación da materia prima, porque xenera valor engadido ao produto. É imprescindible unha maior colaboración da Universidade (Campus Terra é o nome que recibe o de Lugo) coas empresas agrogandeiras e forestais. O Concello vai loitar por iso.

21 Tomás 21/05/2015 11:58

Buenos días señor Orozco. ¿Mantendrá usted su actividad en su blog y redes sociales después de las elecciones o la abandonará como hacen otros políticos?

Orozco:

Fun dos primeiros na súa utilización, e seguireino facendo. Tiven un receso porque varios perfiles falsos usurparon a función que tiña de comunicación.

22 Jaime 21/05/2015 12:03

¿cal é o seu balance despois de 16 anos na alcaldía?

Orozco:

Lugo, polo traballo do Concello, pero tamén polo traballo doutras institucións, mesmo da iniciativa privada, mellorou case 180 graos. Pero estamos nun momento novo, no que hai novos retos, como por exemplo, atopar emprego e poñer a Lugo nas mellores condicións para competir, xa non só coas cidades do entorno, senón como cidade europea que é. Por iso, hai que seguir traballando ilusionados e buscando ese común denominador entre todos os lucenses. A "paixón por Lugo" ten que ser contaxiosa.

23 Jaime 21/05/2015 12:07

¿Cales serían os plans de desenvolvemento de emprego xuvenil se fora reelixido? e por outra banda, plans para fomentar o medio rural en Lugo. Grazas

Orozco:

Os plans de emprego xuvenil teñen que vir, en primeiro lugar, da formación teórica e con práctica en empresas, nos novos nichos de emprego que existen na nosa sociedade. Logo, desenvolver as empresas que hai e outras novas, espertar vocacións de emprendedores, co fin de que creen autoemprego e outros empregos. É necesario seguir colaborando coa pequena e mediana empresa mediante axudas para infraestruturas delas e para a contratación de novos traballadores/as.
No medio rural hai que mellorar as condicións de vida para que cada día a xente nova se atope no rural cunha maior calidade de vida. E, como xa dixemos antes, arranxar problemas do sector para que faga rendible o traballo.

24 Orozco 21/05/2015 12:09

Grazas pola colaboración e sinto ter que marchar porque teño outros actos. A partir do domingo, Lugo seguirá existindo e seremos moitos os que sigamos preocupados e ocupados no seu desenvolvemento, con "paixón". Unha aperta :). Pepe Orozco.