Xoseh

El candidato de Alternativa Canguesa de Esquerdas responderá a los internautas el miércoles 20 a las 17.30 horas

1 Xosé Manuel Pazos 20/05/2015 17:30

Boas tardes, saúdo a todas as persoas que participen neste encontro dixital e espero responder con exactitude a aquelo que me pregunten.

2 José Vicente 20/05/2015 17:32

¿Que proyectos tiene si llega a la alcaldía?

Xosé Manuel Pazos:

Cangas necesita unha viraxe total na forma de gobernar, queremos un goberno transparente, cercano á cidadanía e participativo. Queremos traballar pola vila pero tamén polas parroquias, as grandes esquecidas ata agora.

3 Antonio Gutiérrez 20/05/2015 17:33

El estado ruinoso de Massó es una vergüenza, ¿qué proyecto tienen para recuperar los edificios?

Xosé Manuel Pazos:

Primeiro, que as instalacións de Massó sexan declaradas Ben de Interese Cultural, para poder acceder a subvencións autonómicas e estatais. Hai que involucrar a todas as administracións na recuperación do que é un dos patrimonios industriais máis importantes de Europa.

4 Lucía 20/05/2015 17:35

¿Qué propuestas tiene para poner una programación cultural estable? ¿Cree que se ha perdido fuerza en este tiempo?

Xosé Manuel Pazos:

Evidentemente Cangas perdeu o peso cultural que tiña en Galicia, para facer unha programación cultural estable hai que volver á Rede de Teatros e Auditorios para que nos visiten as mellores compañías de teatro, danza ou música do país. Hai que diversificar a programación cara as parroquias. Hai que apoiar os axentes creadores e o movemento asociativo de Cangas. En fin, hai que crear un tecido que volva a situar Cangas no posto que merece. Ademáis, hai que apoiar os grandes eventos que veñen funcionando no Concello, como a Mostra internacional de teatro e recuperar o Desembarco dos turcos, María Soliña.

5 Alba Alonso 20/05/2015 17:40

¿Cómo califica la gestión del concello en los últimos cuatro años?

Xosé Manuel Pazos:

A xestión do Concello baseouse no espolio ó pobo de Cangas. A situación económica non era boa pero non se ensaiou ningunha outra fórmula para mellorala que non fose a subida indiscriminada de impostos e tasas. O IBI subiu máis de un 100% nestes últimos catro anos, os recibos do ciclo da auga subiron ata un 300%, e aínda que agora estean paralizados, hai que ver qué pasa despois do 24 se gaña o PP. Subiron os garaxes, as terrazas, o imposto sobre vehículos...
Por outra banda, o tratamento do bipartito ás persoas e as asociacións non foi o correcto que debería ser, practicando o clientelismo. Hai incumprimentos flagrantes do programa como é co caso do non nato centro de saúde de Hío. O PXOM non foron capaces de sacalo adiante e podía seguir cun longo etcétera.

6 Pedro Pérez 20/05/2015 17:41

¿Están dispostos a pactar un goberno co concelleiro Nardo Faro, se o necesitan?

Xosé Manuel Pazos:

Xa hai catro anos non quixemos pactar con Faro Lagoa e agora sería exactamente o mismo. O porqué está no seu comportamento caciquil e en que considera o concello como un couto privado del.

7 María Pérez 20/05/2015 17:43

¿Van a salir adelante hasta que consigan el derribo de la piscina del ex concejal del PP Nardo Faro?

Xosé Manuel Pazos:

Ó cidadán Faro Lagoa hai que tratalo coma ó resto dos cangueses. Está claro que a súa piscina é unha edificación ilegal polo que, se non consigue legalizar a situación, non queda máis remedio que proceder ao seu derribo. O que non pode haber é cidadáns de primeira que incumpran as leis e cidadáns de segunda aos que se lle aplica con rigor.

8 Ana López 20/05/2015 17:46

¿Qué opina sobre la conversión en autovía del corredor de O Morrazo?

Xosé Manuel Pazos:

Xa no seu momento tivemos reticencias a respecto do corredor. As comunicacións de Cangas con Vigo ou con Pontevedra teñen que ir acompañadas dun plan máis amplo de mobilidade. Se me permite, na situación actual, preguntaríalle eu a vostede: ¿Que facemos cos milleiros de coches que circularían pola autovía cando esta remate en Cangas? ¿Onde os metemos?. O tema das comunicacións é moi complexo e necesita dun estudo profundo e dun consenso xeral. Sendo claro, sen mellorar as comunicacións interiores unha autovía parécenos inviable, recoñecendo o perigo que supón o corredor e a necesidade de actuacións para evitalo.

9 sergio martinez lirez 20/05/2015 17:48

faredes pinza co pp

Xosé Manuel Pazos:

Nunca fixemos pinza co PP. De feito, o partido que fixo unha oposición máis contudente ó goberno actual PP-Faro foi precisamente ACE. A única vez que puidemos coincidir puntualmente co PP foi durante un ano de oposición a un goberno nefasto. Iso non é facer pinza e xa lle adianto que nin antes nin agora firmaríamos acordo ningún co PP. Iso fixeron outras organizacións.

10 Antonio Rodal Fernández 20/05/2015 17:50

¿Como definiría, ideolóxicamente, a candidatura que vostede encabeza? Semella que hai unha amalgama de xente que van dende o independentismo ata posicións case socialdemócratas...

Xosé Manuel Pazos:

A definición de ACE ven no seu propio nome: Alternativa Canguesa de Esquerdas. Efectivamente, é unha coalición ampla, que acolle xente de ideoloxía comunista (o independentismo non é unha ideoloxía), ata persoas que poden estar máis perto da socialdemocracia. O que nos une é a rebelión contra unha situación inxusta que se da en todo o Estado e tamén en Cangas e a ilusión por procurar outra forma de gobernar. Hai gobernos «contra a xente» (como o actual), hai gobernos «para a xente»; nós queremos gobernar «coa xente».

11 Cuco 20/05/2015 17:52

¿Vostedes apoian a Bildu?

Xosé Manuel Pazos:

Que eu saiba, Bildu non se presenta ás eleccións municipais en Cangas. De todos xeitos, de vivirnos no País Vasco probablemente, dependendo das circunstancias, poderiamos apoiar algunha candidatura súa. Que eu saiba, é unha organización legal.

12 Ramón 20/05/2015 17:56

Pazos, ¿como podedes falar de renovación e levar a Abalo na candidatura, que leva toda a vida chupando do bote da política?

Xosé Manuel Pazos:

Renovar significa mudar as cousas e iso pódese facer independentemente da idade das persoas. Lémbrolle que hai persoas maiores revolucionarias e hai mocidade reaccionaria (véxase Albert Rivera). De tódolos xeitos puntualizo que Mariano Abalo nunca chupou do bote da política. Cando tivo responsabilidades na Xestora ou noutros gobernos, ou non cobrou ou cobrou o mesmo salario que tiña como funcionario de Correos e iso sucedeu como máximo, durante catro anos dos 36 que leva no Concello. Non cabe dúbida que se algo se pode decir de Abalo é que leva toda unha vida loitando a prol dos máis desfavorecidos, mesmo supoñéndolle iso, atrancos na súa vida persoal. Lembrándolle o dito, as persoas que loitan toda a vida son as imprescindibles.

13 O Pedrito 20/05/2015 17:58

¿Que che parece a idea de poñer barcos de Vigo ás praias de Cangas? ¿Non se nos vai encher aquilo de jodechinchos?

Xosé Manuel Pazos:

A priori, o que no se debe facer son «ocurrencias», esa acción debera ir precedida dun amplo estudo de impacto económico e sobre todo medioambiental. Hai que potenciar o transporte colectivo ás praias, para evitar os atascos brutais que sufrimos cada verán, pero non se pode facer de calquera maneira. Polo tanto, fariamos un estudo completo, tentariamos consensuar co vecindario afectado e logo razoablemente se tería que tomar a decisión.

14 emilio 20/05/2015 17:59

Cree que es coherente que Podemos solo se presente en ocho localidades gallegas y en listas compartidas. Si se quiere empoderar no sería más lógico que optasen a las elecciones más próximas

Xosé Manuel Pazos:

Eu non milito en Podemos e polo tanto non vou opinar sobre as estratexias doutras organizacións. De todos xeitos, hai xente de Podemos que participa nas municipais máis aló das oito candidaturas das que fala. En Cangas mesmo, e en ACE participa unha persoa de Podemos.

15 Eladio Santos 20/05/2015 18:01

Teño que coller cada día o barco para ir a Vigo e cada vez o servizo é peor. ¿Que farían vostedes para tantos coma min que estamos nesta situación?

Xosé Manuel Pazos:

O problema está en que cando se instaurou a tarxeta metropolitana, a Xunta e o Concello pasaron a inxectarlle diñeiro ás empresas sen poñerlles ningunha condición. Nós obrigaríamos ás empresas a mellorar o servizo e as frecuencias no seu caso, se queren optar a recibir diñeiro público. O plan de transporte metropolitano é agora mesmo un convenio Xunta e empresas, sen ter en conta á cidadanía. Iso é o que hai que cambiar.

16 Alvaro Pérez 20/05/2015 18:04

¿Pactaría antes con Mercedes Giráldez y Alfredo Iglesias? ¿Repetiría ACE la experiencia del tripartito?

Xosé Manuel Pazos:

De darse a circunstancia, ACE pactaría con quen aceptase un goberno de esquerdas con todo o que iso significa. Que fallase o tripartito non significa que os gobernos de coalición sexan inviables. Lémbrense en Cangas os casos do primeiro goberno encabezado polo PCG de Chiné, a Xestora tripartita ou o goberno cuatripartito de Euloxio López. Consideramos que foron experiencias positivas e unha cuarta experiencia non tería por qué selo menos. O que hai que facer é poñer os programas por enriba dos intereses partidarios e sobre todo cumprilos. O problema do tripartito que logo mudou en bipartito foi que non se cumpriron os acordos asinados e nós non tivemos problema ningún en deixar ese goberno.

17 Antonio García 20/05/2015 18:06

Cual sería su prioridad si fuese elegido alcalde el domingo?

Xosé Manuel Pazos:

Revisar o convenio da auga para tentar baixar as tasas, baixar o tipo impositivo do IBI, terrazas etc. Hai que descargar á xente da terrible carga económica á que está sometida. De seguido, sentarme con todos os axentes sociais para empezarmos a avanzar.

18 leo 20/05/2015 18:10

Pazos, ACE leva a mellor candidatura frente a partidos como PP, BNG, e PSOE? . Esperas que iso o vexa a xente e logredes unha gran maioria?

Xosé Manuel Pazos:

Eu penso que si, claro. A nosa candidatura está formada por xente nova e por outra con experiencia, especialistas en diversos eidos, urbanismo, deportes, cultura... En Cangas case todo o mundo se coñece e eu agardo que, antes de poñer a papeleta na urna, a xente reflexione e procure a quen coide que o vai representar mellor. Gustaríanos acadar unha ampla maioría, pero o remate vai ser o que o pobo decida. Nós, de todos xeitos, estamos ilusionados e coidamos que se vai abrir unha nova etapa en Cangas a partir do 24.

19 Rafael Dieguez 20/05/2015 18:12

Se perde o PP a alcaldía, ¿haberá inversións da Deputación en Cangas?

Xosé Manuel Pazos:

Ten que habelas. A Deputación non é unha finca particular do PP. Para nós deberían desaparecer e transferir o seu orzamento ás comarcas e os concellos, pero mentres existen temos que esixir transparencia e equidade. Eu estou disposto a xestionar inversións para Cangas diante de todas as Administracións, sexan da cor que sexan os seus gobernos. Pero se teño que sentarme ou montar unha tenda de campaña diante dalgunha institución para esixir o que en xustiza nos corresponde, non dubide que o faría.

20 Laura Pereira 20/05/2015 18:14

¿Qué diferencia hay entre ACE y las mareas?

Xosé Manuel Pazos:

Se me falasen das semellanzas, diríalle que son moitas: organizacións plurais, formadas por persoas de diversa procedencia ideolóxica, comprometidas co cambio político e coa participación cidadá. Diferenzas debe habelas porque mesmo as hai entre as distintas Mareas, xa que cada unha é froito dun proceso distinto.

21 Andrés Cordeiro 20/05/2015 18:15

¿Que proposta teñen sobre a creación da Área Metropolitana?

Xosé Manuel Pazos:

A Área Metropolitana é necesaria porque permitiría mellorar e rendibilizar servizos comúns. O que non pode ser é un chiringuito gobernado polo «xefe» de turno, chámese Caballero ou Sotelo, na área metropolitana cada concello ten que estar xustamente representado e ten que ser tratado segundo as súas necesidades.

22 Araceli Portela 20/05/2015 18:17

Se tivese que salvar algún dos proxectos acometidos polo goberno do PP en Cangas, ¿cal sería?

Xosé Manuel Pazos:

Cústame lembrar proxecto ningún acometido polo goberno do PP en Cangas, xa que varios dos que anunciou foron elaborados en gobernos anteriores. Se tivese que acometer algún con urxencia, sería a circunvalación, a variante Avenida de Marín- Avenida de Lugo, o descubrimento do tramo final do río Bouzós (proxecto meu), e, sobre todo, que se constrúa dunha vez o centro de saúde do Hío.

23 Fidel 20/05/2015 18:19

Se Caballero volta a obter maioría absoluta en Vigo, ¿que plantexamentos frá para a área metropolitana?

Xosé Manuel Pazos:

Supoño que me preguntan polos meus. Xa contestei antes a nosa idea dunha área metropolitana solidaria, ben representada e traballando polo ben da súa cidadanía. Desa área metropolitana nós somos partidarios para abaratar e mellorar servizos comúns e xestións.

24 Diego 20/05/2015 18:21

Ya se que el turismo es un sector importante en Cangas, pero ¿no cree que se está abusando de los recursos naturales? ¿Costa da Vela, Cabo Homes y Barra están preparados para tantos turistas?

Xosé Manuel Pazos:

A actividade turística precisa dunha regulación. A parroquia do Hío, por exemplo, non soporta a afluencia de persoas en épocas estivais. O medio ambiente ten que ser totalmente respectado. É dicir, hai que ir á creación de riqueza desde o principio de sustentabilidade. O mesemo que os parques naturais teñen regulada a presencia de persoas e as actividades que se poden desenvolver neles, as paraxes naturais de Cangas tamén teñen que ser protexidas.

25 Román Gómez Guardado 20/05/2015 18:24

A ampliación da ponte de Rande, ¿é un proxecto necesario nestes intres ou un auténtico despilfarro?

Xosé Manuel Pazos:

Coido que é un despilfarro, sobre todo porque estamos a falar dunha infraestructura privatizada. Para mellorar o fluxo de tráfico entre Vigo e Pontevedra é necesaria unha infraestructura pública e gratuita.
Por outra banda, coido que Rande pode soportar o tráfico que ten e polo que eu coñezo do primeiro proxecto afectaríanos negativamente á xente do Morrazo porque, polo que creo, contaría con un só carril de saída e outro de entrada polas beiras da ponte, o que, en caso de avarías ou accidentes provocaría atascos descomunais.

26 Xosé Manuel Pazos 20/05/2015 18:25

Moitas grazas por ter participado neste encontro no que me sentín moi a gusto. Convido a toda a cidadanía a que o día 24 encha as urnas de votos polo cambio, para mudar unha situación claramente prexudicial para Cangas, nós temos ilusión por mudar as cousas.