Susanagarcia h1

La candidata del BNG a la alcaldía de la ciudad de As Burgas charlará con los internautas el miércoles 13 a las 12 horas

1 Susana 13/05/2015 12:05

Bos días, son Susana García, candidata do BNG-Asembleas Abertas, estou aquí para respostar ás cuestións que queirades facerme.

2 Manuel García 13/05/2015 12:07

Cal é o motivo polo que teñen paralizadas no concello as licencias para colocar ascensores nos edificios comunitarios?

Susana:

Polo mesmo que o resto do concello está paralizado: falta de xestión, ineficacia na xestión de persoal, servizos sobredimensionados e outros sen persoal. Nós levamos moito tempo propoñendo unha modificación da relación dos postos de traballo do persoal do concello e é algo que pensamos facer en canto cheguemos ao goberno.

3 Roberto González 13/05/2015 12:10

¿Pactaría con Democracia Ourensana para formar gobierno?

Susana:

Desde o momento en que DO ten como única proposta para o concello facer un ERE e que se decoñece o que faría de chegar ao goberno porque nunca fixo propostas construtivas en catro anos, parece imposible chegar a un pacto cunha forza que ten, como o propio Jácome declarou, un programa oculto.

4 Santiago 13/05/2015 12:12

Hola Susana cando tendra ourense ese gran poligono agroalimentario o que se poderia incorporar una lonxa estilo mercamadrid que crearia moitos postos de traballo.gracias.

Susana:

Neste momento, temos a praza de abastos da Ponte pendente de abrir. É aí onde queremos incorporar os produtos ecolóxicos, de produción local, con xestión pública. Empezaremos por aí e despois podemos pensar noutras infraestruturas que lle dean saída á produción agrícola ourensá, que compre potenciar.

5 Fernando 13/05/2015 12:14

Por que non participa o BNG nas candidaturas de unidade popular?

Susana:

O BNG-Asembleas Abertas ten un perfil moi definido e un proxecto moi claro para Ourense, somos nacionalistas e de esquerdas. As candidaturas chamadas "de unidade popular" non lle dan resposta a este proxecto que o BNG quere desenvolver e até última hora non se sabía como e por quen ían estar conformadas. Por iso o BNG decidiu presentarse en solitario, coas nosas siglas e as nosas liñas ideolóxicas ben definidas.

6 Fernando 13/05/2015 12:16

Cal pensaque foi o maior acerto do BNG-OU nos últimos 4 anos? E o maior erro?

Susana:

O maior acerto é a xestión que fixemos desde o goberno, en xeral. As actuacións nos barrios, o proxecto para a praza de abastos nº 1, a política de vivenda... Sabemos que cometemos algúns erros no goberno, pero asumímolos e aprendemos deles. Non destacaría ningún en especial.

7 Xavi 13/05/2015 12:18

O candidato do PSOE non nomea ao BNG cando fala do Plan de Emprego, pasa con máis temas ou iniciativas? con cales?

Susana:

Si, parece que ao candidato do PSOE lle esquece que, se hai plan de emprego en Ourense, é grazas ao BNG. Seguramente porque agora sabe que era algo moi necesario para a cidade pero que o PSOE votou en contra cando o BNG o levou ao pleno xa no ano 2013. Probablemente tamén se esquece de mencionar que desde que se lle remitiu á Xunta hai xa un ano e non houbo resposta, el tampouco fixo nada por obter os informes necesarios para poder poñelo en marcha. Seguramente ten asumido que será o BNG o que o poña en marcha a partir do 24 de maio

8 Anxo 13/05/2015 12:20

Como valora a xestión do BNG en materia de mocidade durante a etapa de goberno?

Susana:

Cando o BNG chegou ao goberno a concellería de mocidade practicamente non existía, apenas tiña persoal e orzamento e aí está unha das críticas que lle fixemos sempre ao PSOE, que algunhas áreas do BNG non dispuñan de medios. Non obstante, aí está a Casa da Mocidad, unha aposta forte que o BNG fixo desde o goberno para a mocidade. O PSOE terá que dar contas de por que a mantivo pechada dous anos.

9 Anxo 13/05/2015 12:22

Poderán facer algonpara recuperar a Casa da Xuventude que Mercedes Valeiras, a curmá de Feijoo, ten secuestrada?

Susana:

O BNG apoia e participa da plataforma a prol da Casa da Xuventude. É moi importante que a mocidade reivindique os seus espazos e os seus dereitos e nós estaremos aí para apoialos. Se facemos forza entre todas e todos a Xunta terá que recuar e devolverlle á Casa o uso que tiña e polo que destacaba como modelo de xestión dun lugar para a xuvntude.

10 Lucía 13/05/2015 12:23

Pactaría con Anova para termos porfin un concello nacionalista?

Susana:

Agora mesmo unicamente pensamos en desenvolver o traballo que queda por facer de aquí ata o 24 de maio. Falar coa xente, dar a coñecer o noso programa, e ofrecernos como a única alternativa clara de esquerdas e nacionalista. Despois do 24, e segundo quede configurada a corporación municipal, estudaremos os pasos que podemos dar.

11 Iago 13/05/2015 12:25

Son moitos os que pretenden privatizar ata a cultura, que postura ten o BNG ante isto?

Susana:

O BNG sempre apostou pola cultura, unha cultura á que todos e todas teñamos acceso. É certo que priorizamos a cultura propia pero cremos que o acceso á cultura en xeral ten que formar parte dun proxecto de goberno municipal. Algúns apostan porque a cultura ten que se ofrecer a "prezos de mercado", nós cremos que ten que ser accesible para todos e todas.

12 Lucía 13/05/2015 12:26

Pensa que a súa candidatura é a mellor preparada?

Susana:

Non sei se é a mellor preparada, en todo caso, si estamos preparadas para gobernar, para traballar e para facelo con coherencia e honestidade. Niso estou segura de que somos as mellores.

13 Xosé Perez Outomuro 13/05/2015 12:28

Somos moitas as que non cremos en promesas baldías, que tres cousas pensa facer si ou si? Dame a súa palabra?

Susana:

Presentamos un programa realista. Non incluímos nel nada que non pensemos facer. En todo caso podo falar do que faremos no momento en que cheguemos ao goberno: unha auditoría para estudar a posibilidade de recuperar as concesións para a xestión pública e mais para saber que cambios hai que facer na estrutura do concello. Abrir a casa da mocidade en condicións, non a medias e plantarnos no despacho de Feijoo para que, dunha vez por todas faga os informes pertinentes, favorables, para poder poñer en marcha o plan de emprego.

14 Lito 13/05/2015 12:29

Cando gobernen, levarán acabo presupostos participativos como xa fixo o BNG noutros concellos?

Susana:

Claro, de feito o noso programa está deseñado de xeito que as decisións as tome a veciñanza. Queremos distribuír a cidade en distritos que teñan capacidade de decisión e tamén unha partida orzamentaria, non para que sexan un ente baleiro de contido.

15 Amara 13/05/2015 12:30

Pensa vostede que os plenos son un circo para subir a audiencia a unha televisión creada coa asiganición pública dun grupo municipal?

Susana:

Penso que hai quen quere facer dos plenos un circo para o seu propio interese e o peor é que isto impide que os plenos sirvan para o que son, para facer debate político e levar propostas en interese da cidadanía.

16 Sela 13/05/2015 12:32

É a candidata mellor preparada por formación. Porque está en política?

Susana:

Non creo que sexa a mellor preparada en formación pero si podo asegurar que procuro ser coherente e honesta e por iso estou en política, porque quero o mellor para a cidade de Ourense, para Galiza, e facendo de observadora non se pode conseguir, hai que implicarse, dedicarlle tempo, poñer a cabeza e o corazón naquilo no que cres. Para iso estou, para facer o mellor para Ourense, como o fago na miña casa para a miña familia.

17 Felix Mouro Rodriguez 13/05/2015 12:33

Ante partidos que se esconden en plataformas, el BNG eligió dar la cara y ser firme a sus principios, ¿como valora esta decisión?

Susana:

Estou orgullosa da miña organización que, desde o primeiro momento, afrontou con valentía estas eleccións, presentándose coas súas siglas e co seu ideario, se ocultar nada, se agardar salvadores, sen disfrazarse de proxectos novos e descoñecidos que aínda son unha incógnita.

18 Felix Mouro Rodriguez 13/05/2015 12:34

Poderemos en este mandato aplicar la ley de grandes ciudades?

Susana:

Xa se está aplicando, pero creo que a Ourense non nos favorece moito. Creo que foi un erro querer entrar na categoría de grandes cidades. Ourense non o é, nin falta que lle fai.

19 Aldara 13/05/2015 12:36

Agora que se achega o Día das Letras Galegas, que propostas ten o BNG para axudar a reverter, dende as institucións, a constante perda de falantes e pular por unha maior visbilización e prestixio da nosa lingua?

Susana:

Creo que o primeiro que se debe facer desde as institucións é dar exemplo e valorizar o propio, e a lingua e o noso maior sinal de identidade. Se desde o concello non o valoramos pouco lle podemos pedir á cidadanía. Se os informes dos técnicos do concello se emiten en castelán logo non lle podemos dicir á cidadanía que o concello é modelo de cumprimento da lei de uso do galego na administración pública. COmezaremos por mellorar o uso interno do galego no concello e, despois, actuaremos en distintos sectores da cidade para prestixiar a lingua.

20 Olalla rodríguez 13/05/2015 12:38

fuches responsabel de Queremos galego e es nai de dous nenos, que se pode facer desde o concello para que os nosos fillos non perdan a lingua

Susana:

Eu comprométome, se teño responsabilidades de goberno, que galego vai ser unha prioridade para o concello e esta prioridade vai ser transversal. Non serve de moito facer cousas para prestixiar o galego desde a concellaría de cultura se na de urbanismo non se emprega. Comezaremos por aí.

21 Xaime 13/05/2015 12:39

Que lle dirías aos que comparan ao BNG cos partidos do sistema?

Susana:

Ás veces acusan ao BNG de ser antisistema, de feito moitas veces mandas as forzas do orde aos nosos actos e ás manifestacións nas que participamos. Partido do sistema? Vivimos nesta sociedade pero aspiramos a cambiala, desde este punto de vista eu síntome antisistema e por iso estou en política, porque así non me vale.

22 Anónimo 13/05/2015 12:40

os imputados do bloque logo sempre saen inocentes, non se arrepinten de facelos dimitir antes da sentencia???

Susana:

Non, arrepentimento non é a palabra pero é certo que non é agradable ver como un compañeiro ou compañeira ten que abandonar o seu labor institucional por cuestións que non van chegar a ningún sitio. Pero temos un código ético e comezamos por nós mesmas a aplicalo, se non fose así non poderiamos esixirllelo aos demais. Hai que ser coherentes, nisto tamén.

23 Silvia 13/05/2015 12:42

Hai quen di que o termalismo é un bluff, que opina o BNG

Susana:

O termalismo será un bluf se goberna quen pensa así. PAra o BNG-Asembleas Abertas o termalismo é un potencial que temos que explotar para conseguir que sirva para dinamizar economicamente a cidade, para crear postos de traballo, para atraer turismo e fomentar o comercio local. Por iso queremos dar o primeiro paso nese impulso definitivo expropiando o solar de Xardín das Burgas e construíndo aí un equipamento termal.

24 Likorcafé 13/05/2015 12:43

¿Contempla la posibilidad de quedarse fuera de la corporación, como puede pasar en A Coruña y en Ferrol?

Susana:

Non, Ourense precisa unha forza como o BNG-Asembleas Abertas no concello, e a cidadanía sábeo. É máis, se temos a posibilidade de liderar o goberno, como en Allariz ou Pontevedra, estamos seguras de que o seguinte goberno tamén será do BNG. Por que non darnos a oportunidade?

25 Nano V. 13/05/2015 12:45

Vostedes defenden a recuperación de concesións públicas, ¿como explica que o seu partido privatizara Oira e Eiroás?

Susana:

Cando o BNG chegou á concellería de Deportes quedaban 400 euros para gastar en todo o ano no consello municipal de deportes. As piscinas de Oira estaban pechadas e sen posiblidade económica de arranxalas. Chegouse a un acordo que consistiu en que a empresa restauraba as piscinas (non hai que esquecer que xa eran de pago antes) e construía un complexo deportivo no que investiu 10 millóns de euros. A cambio diso, o concello achega 300.000 euros e, cando remate a concesión, todo reverte para o concello, o complexo deportivo e a xestión da piscina. O acordo non é malo, o cal non significa que sexa o modelo que queremos seguir no futuro, simplemente foi unha decisión condicionada por unha situación concreta.

26 Lorenzo F. 13/05/2015 12:47

¿Sería vostede candidata se Xosé Somoza non fose imputado?

Susana:

Como seguramente vostede saberá, o primeiro tramo da lista xa estaba feito cando se produciu esa imputación, polo que iso non tivo que ver. Pero si é certo que se non fose así, Xosé Somoza tería dimitido. Non como outros candidatos qeu, estando imputados, seguen aí.

27 Carmen 13/05/2015 12:49

Que pasa con el PXOM, que va a hacer el bloque

Susana:

O PXOM está pendente de resolver as alegacións, entre elas as que presentamos nós. O que está claro é que non podemos facaer un novo PXOM, como anunciou o candidato do PP, a cidade non se pode permitir ese gasto nin esa paralización por máis tempo. Exporemos o texto definitivo polos barrios para que todas as veciñas e veciños coñezan o que se vai aprobar (e non volva pasar o mesmo que co de 2003) e farase unha segunda exposición, que foi unha condición que nós puxemos para aprobalo inicialmente. Dependendo do texto que resulte, darémoslle a aprobación provisional ou non. O que temos claro é que non podemos volver a un PXOM especulativo como o que pretende o PP.

28 Anónimo 13/05/2015 12:51

serve de algo estar na oposición? algo que conseguise o bng só desde aí?

Susana:

A oposición é imprescindible, o seu labor é facer control do que fai o goberno e, se ese goberno é receptivo, pódense facer moitas propostas para mellorar a xestión do goberno. No noso caso, o PSOE non ten sido moi receptivo pero algunhas cousas conseguimos, como a ordenanza de acceso á zona vella ou o billete de bus gratis para desempregados. A iniciativa de expropiación do solar de XArdín das Burgas e o Plan de Emprego tamén foron do BNG, están sen rematar pero temos confianza en poder desenvolvelas.

29 Elvira 13/05/2015 12:53

Partindo de que a cidade de Ourense é unha praza difícil para un grupo de esquerdas e nacionalista, poderías facer unha valoración sobre o desgaste que o BNG vén amosando : 2003 ( 11 representantes) ; 2011 ( 3 representantes).

Susana:

É moi difícil transmitir a mensaxe nacionalista nunha cidade na que o PP ten tecida unha rede clientelar tan grande, na que a Deputación é unha oficina de colocación e na que o concello tamén o foi en grande medida. O resultado de 2003 deuse nun momento concreto no que había condicións máis favorables para o BNG, pero nós estamos afeitas a nadar contra corrente e aí seguiremos a pesar dos resultados que teñamos.

30 Lola 13/05/2015 12:55

Non podemos continuar cun Concello que sae nos periódicos por desastres, que vai facer o BNG para evitalo.

Susana:

O mellor que podería facer o BNG para que o Concello saia nos xornais polos seus logros de xestión sería que liderasemos o goberno. Non hai máis que ver o exemplo de Pontevedra, o alcalde do BNG non dá feito a recoller premios internacionais polo modelo de cidade que o BNG desenvolveu alí. En Ourense tamén é posible, depende de nós.

31 Sara 13/05/2015 12:56

como se sinte como muller entre tanto macho alfa

Susana:

En fin, que queres que che diga, nese aspecto síntome a representante de todas as mulleres de Ourense e, como tal, actúo. Espero estar á altura do que as mulleres necesitan nunha necesidade como esta.

32 Chus 13/05/2015 12:57

Ourense non é só o centro, quen se lembra das veciñas de Palmés ou Castro de Beiro?

Susana:

O BNG, cando estivo no goberno, tivo os barrios como prioridade, transformamos o da Inmaculada, o Couto, Mariñamansa... esperamos continuar ata Palmés ou CAstro de Beiro a partir do 24 de maio. Hai tanto por facer nos barrios rurais!

33 Javier 13/05/2015 12:59

se tivese que escoller unha prioridade para o bng e porqué, cal seria

Susana:

Agora mesmo, coa situación que estamos vivindo, a nosa prioridade é a creación de emprego, sobre todo de emprego para os mozos e as mozas, se seguimos perdendo 17 mozos diarios Ourense non ten futuro. Propoñemos un plan de choque para evitalo e, por suposto, poñer en marcha o plan de emprego que contaba cun financiamento de 3 millóns de euros pero que nós intentaremos elevar a 5 millóns.

34 Susana 13/05/2015 13:01

Grazas polas vosas preguntas, déronme a oportunidade de comentar con vós o proxecto do BNG para Ourense e é outra maneira de contactar coa cidadanía de Ourense. Só me queda pedirvos o voto, xa que estamos en campaña. En todo caso, grazas.