Rcela1

El candidato del BNG a la alcaldía de Santiago responde a las preguntas de los lectores de La Voz el lunes a partir de las 13.30 horas.

1 Rubén Cela 18/05/2015 13:33

Ola! Encantado de contestar as vosas preguntas e agardo que as respostas sexan do voso agrado.

2 Marta 18/05/2015 13:37

¿Que falla na política aeroportuaria para que Sá Carneiro medre a costa dos tres aeroportos galegos?

Rubén Cela:

O problema é que non existe política aeroportuaria galega merecente de tal nome. Desde a Xunta de Galiza e do Concello falan de especialización, colaboración e coordinación pero na práctica traballan en dirección oposta. Na actualidade estamos a competir entre nós e iso só beneficia a Sá Carneiro, en Portugal e prexudica a toda Galiza.

3 Matías 18/05/2015 13:40

¿Van cobrarlle o IBI á Igrexa Católica polas hospederías? Paréceme ben.

Rubén Cela:

Nós o que queremos é que como mínimo se cumpra coa normativa vixente, isto é os bens titularidade da Igrexa católica que teñan fins de culto, educativos, sociosanitarios ou que sexan bens de interese cultural están exentos do pagamento do IBI. Porén, a Igrexa católica ten en Santiago como noutras partes moitas outras propiedades como leiras, pisos, prazas de garaxe que non teñen os fins citados anteriormente e, polo tanto, deberían pagar IBI como o resto dos veciños e veciñas, cousa que actualmente non fan. O caso que vostede comenta, supón ademais unha competencia desleal a respecto doutros hosteleiros que si que teñen que pagar eses impostos.

4 Ramón 18/05/2015 13:43

Din que o BNG é o partido que mellor defende a Galicia. ¿Por que?

Rubén Cela:

O BNG é unha organización nacionalista e, polo tanto, defende o pleno autogoberno de Galiza. Nese sentido, nós só nos debemos aos galegos e ás galegas e non temos que atender as indicacións de Madrid como fan outros partidos tanto de dereitas como de esquerdas. Somos unha organización de esquerdas que defende os intereses do pobo e tampouco miramos para o que manda ningunha empresa do IBEX 35. Galiza é a nosa única razón de ser.

5 Ermitas 18/05/2015 13:46

A zona vella ten rúas cheas de tendas de souvenirs e outras de casas abandonadas. Como o van solucionar?

Rubén Cela:

Para o BNG, o prioritario na zona histórica é paralizar o proceso que a está a converter nun decorado para turistas cun monocultivo de tendas de recordos. Nós queremos outro modelo de Cidade Histórica, viva, dinámica e para a veciñanza de Santiago. O fundamental é recuperar poboación e a actividade comercial tradicional. Para iso hai dous instrumentos básicos, a reformulación das prioridades do Consocio e o novo Plan Especial da Cidade Histórica. Temos que limitar usos hoteleiros e determinados usos comerciais como o das tendas de recordos e temos que mellorar as políticas de rehabilitación e de dotación de servizos (internet, gas cidade, aparcadoiros públicos próximos, equipamentos sociosanitarios...)

6 Charo 18/05/2015 13:51

Como afectaron os procesos xudiciais á xestión diaria no Concello de Santiago?

Rubén Cela:

Dun xeito moi negativo, é evidente que nestes últimos catro anos supuxeron un desgaste terríbel para a imaxe, a credibilidade e o funcionamento do Concello. Houbo un sinfín de cambio de caras, con tres alcalde, até 6 concelleiras de Educación etc. que levaron parellos un empeoramento da xestión e que a veciñanza non tivese claro quen era o interlocutor político. Isto nunca máis pode volver acontecer e será unha prioridade para o BNG a loita contra a corrupción e contra as malas prácticas en Santiago. Creo que ás institucións pásalles como ás persoas que precisan moito tempo, traballo e esforzo para acadar unha boa reputación que poden perder nunha fin de semana. O concello de Santiago era coñecido e recoñecido internacionalmente por ser un punto de econtro de culturas, pola súa política de rehabilitación, cultural e ambiental e, por culpa deste último mandato, pasouse a coñecer polas corruptelas e malas prácticas. Precisamos recuperar a autoestima e a confianza e iso só pode vir dado de facer un Concello máis transparente e participativo.

7 Pedro 18/05/2015 13:54

-Lavacolla debe ser o aeroporto de referencia de Galicia?

Rubén Cela:

Debe, e non por unha decisión caprichosa. O aeroporto de Lavacolla é o que ten as mellores instalacións, as mellores condicións aeroportuarias, o que ocupa a mellor posición xeográfica e de conectividade co resto de cidades e vilas galegas e ademais é a porta de entrada do turismo internacional a toda Galiza e, polo tanto, onde de xeito natural se queren instalar as compañías aéreas no noso país. Dedeseo BNG avogamos por outra política aeroportuaria onde a especialización ten que ser un elemento fundamental e Lavacolla tense que especializar no tráfico internacional.

8 Lois 18/05/2015 13:56

Seguirá no plan de Sogama para o tratamento de residuos?

Rubén Cela:

No vindeiro mandato consideramos fundamental avanzar en alternativas á incineración no tratamento de residuos mediante unha planta de compostaxe propia para Compostela. Tamén no ámbito da sensibilización cara á reciclaxe, separación de residuos...

9 María del Mar Pérez 18/05/2015 13:59

En que consiste a súa proposta de recuperar os servizos públicos que foron privatizados. ¿Como se fará iso?

Rubén Cela:

O tempo ten demostrado que a "externatización" ou privatización de servizos públicos non implica nin un mellor servizo, nin máis eficiencia, nin eficacia nin necesariamente máis barato. Pola contra, atopámonos moitas veces con peores condicións laborais para traballadores e traballadoras e un importante foco de malas prácticas (enchufismos, incumprimentos de contrata etc.) Nese sentido, consideramos fundamental que no próximo mandato se estude caso por caso cada un dos servizos externalización de cara a camiñar cara a súa remunicipalización.

10 Andrés 18/05/2015 14:02

Qué tiene previsto para combatir el desempleo

Rubén Cela:

A creación dun Consorcio polo Emprego que puidera coordinar de xeito efectivo as actuacións de todas as administracións implicadas (Concello, Deputación, Xunta...) e que implementase un paquete de medidas urxentes dirixidas aos tres colectivos que desde o noso punto de vista son prioritarios, mocidade, maiores de 50 anos e, de xeito transversal, as mulleres. Por outra banda é imprescindíbel avanzar na diversificación da base produtiva do concello, tremendamente tercializada, cun apoio máis decidido á reindustrialización e ao sector primario, sen abandonar sectores tradicionais de actividade como pequeno comercio e turismo.

11 Balbino 18/05/2015 14:04

Por que en Santiago non hai axudas para material escolar?

Rubén Cela:

Porque o PP non quixo. Nós levamos esa proposta a Pleno e o PP votou en contra. Para nós este tipo de cousas teñen que ser as prioritarias. Unha obra se non se pode facer un ano, pode quedar para o seguinte; a un neno que o precisa non se lle pode dicir que agarde ao ano que vén para comprar material escolar. O Concello debe estar ao carón da xente que máis o precise.

12 Luis Pérez 18/05/2015 14:06

Todos prometen un plan contra as fochancas. Por que non se fixo nestes últimos anos?

Rubén Cela:

O PP non ten ningunha credibilidade cando promete en campaña que vai acabar coas fochancas en 72 horas cando durante 3 anos existiu unha nula política de mantemento que nos levou a ter a cidade no peor estado de conservación da súa historia contemporánea. Hai rúas de Santiago con fochancas que parecen cráteres e son un perigo para peóns e vehículos.

13 Mónica 18/05/2015 14:07

Que van facer para recuperar o uso do idioma galego?

Rubén Cela:

Santiago durante moitos anos foi unha cidade referencial en políticas de normalización lingüística e en recuperar o uso social do galego. Estes catro anos do PP supuxeron unha profunda involución en materia lingüística. Para o BNG, a normalización do noso idioma será unha prioridade de xeito transversal en todas as concellarías para garantir os dereitos lingüísticos da veciñanza.

14 Felipe 18/05/2015 14:11

Defende unha estación intermodal para Santiago?

Rubén Cela:

Si, defendemos unha estación intermodal, o que non queremos é unha obra faraónica. Santiago precisa dunha estación á altura dunha cidade como a nosa, no corto e medio prazo. Para nós o fundamental non é unha estación para recibir a alta velocidade con Madrid, senón concentrar nun único espazo tren de proximidade e de media distancia, bus urbano, metropolitano e de media e longa distancia e, polo tanto, que esa estación puidese xogar un papel de intercambiar a partir do que comezar a redefinir a mobilidade en Santiago de Compostela.

15 Simón 18/05/2015 14:14

-Despois do accidente de Angrois seguimos sen ERTMS e sen seguridade ferroviaria. Reclamou isto o BNG?

Rubén Cela:

Si, de xeito insistente. Tanto no Concello, como no Parlamento de Galiza e no Congreso, mais sempre recibiu o voto contrario de PP e PSOE. Parécemos unha vergoña que despois de todo o que aconteceu sigamos sen ter todas as medidas de seguridade que se poderían implementar e que terían evitado unha catástrofe como a vivida en Angrois. É lamentábel que a ministra Ana Pastor viñese inaugurar a conexión do Eixo Atlántico entre Santiago e Vigo sen que teña implementado este sistema de seguridade.

16 Teresa 18/05/2015 14:16

Nunha cidade tan chea de turistas, por que pechan os bares, restaurantes e comercios da zona vella no inverno?

Rubén Cela:

Porque non se están facendo as políticas acaídas no ámbito da desestacionalización. Santiago non é un destino de sol e praia, polo que con outras políticas en materia de captación de turismo de congresos, gastronómico etc. poderíase conseguir unha maior ocupación durante todo o ano e así contribuír a reducir a precariedade e eventualidade dos postos de traballo no sector.

17 Chema 18/05/2015 14:21

Non últimos anos non deixaron que entrase xente nos plenos. Como o vai solucionar?

Rubén Cela:

Algúns parece que descubriron agora a política participativa (e logo non a practican, como nun concello veciño...) pero no BNG levamos anos aplicándoa. A participación no próximo mandato será unha absoluta prioridade coa reactivación dos Consellos de Participación Cidadá que impulsou o BNG xa no ano 1999 e que o PP deixou esmorecer neste mandato. A través de orzamentos participativos onde a veciñanza poida intervir de xeito directo na definición das prioridades de investimento do Concello. E tamén a participación directa da veciñanza nos plenos, actualmente o mecanismo é moi complexo e nós comprometémos a simplificalo e facilitalo.

18 Fernando 18/05/2015 14:32

Tiña pensado votar Compostela Aberta (por exclusión, sen moita convicción), pero espero que me dea razóns sólidas para votar BNG e non á Marea compostelá

Rubén Cela:

Creo que hai moitos veciños e veciñas de Santiago que saben da importancia de que exista unha representación forte do nacionalismo no Concello de Santiago. Santiago tal como o coñecemos non sería posíbel sen algunhas das achegas que o BNG fixo tanto durante os 12 anos de goberno como na oposición. Non se pode concibir Galiza sen Santiago e tampouco Santiago sen Galiza, Por iso o BNG achega unha visión municipal enmarcada nun proxecto de futuro para o país, antitético co localismo.

O BNG preséntase cun proxecto e cun modelo de transformación en positivo de Compostela, cun equipo de persoas militantes e non militantes, plural e preparado pero, sobre todo, co aval do traballo realizado durante estes anos tanto no goberno como na oposición con honradez, con honestidade e con plena dedicación á veciñanza de Santiago e á defensa do país.

Nós non somos paracaídistas nin un proxecto conxuntural. A xente en Santiago xa coñece o BNG, sabe o que pode agardar de nós e o que nunca verá da nosa práctica política. Non se pode dicir isto de todo o mundo.

O BNG sempre deu a cara e sempre estivo onde tiña que estar, dese a loita contra o peche do mercado de Amio, contra o pelotazo da Finca do Espiño, a carón de preferentistas e emigrantes retornados, ou protestando contra a Troika. Tampouco se pode dicir isto de todo o mundo.

19 Anónimo 18/05/2015 14:35

Daría o seu respaldo a un posible Goberno de esquedas no caso de que os seus edís foran necesarios para formalo, evitando así un Goberno do PP?

Rubén Cela:

Agora tócalle falar aos veciños e ás veciñas de Santiago, polo que non é momento de falar antes de que fale quen realmente ten que falar nunha democracia que é o pobo. O que podo garantir é que do que dependa do BNG, non volverá gobernar o PP en Santiago a partir do 24 de maio.

20 Rubén Cela 18/05/2015 14:37

Foi un pracer estar hoxe neste chat mais o tempo está limitado a unha hora, sinto non poder contestar a todas as preguntas que poderemos seguir contestando a través da web. Moitas grazas por participar.