Martino61

El candidato de Compostela Aberta responderá el martes desde las 16.30 horas las preguntas de los lectores de La Voz.

1 Martiño Noriega 19/05/2015 16:31

Moi boa tarde, é un pracer estar aquí no encontro dixital de La Voz para respostar ás vosas preguntas.

2 Ateo 19/05/2015 16:35

Explíqueme o da "relación porosa" coa Igrexa...

Martiño Noriega:

O Concello coma institución debe artellar unha interlocución directa coa Universidade, coa Xunta e coa Igrexa entendendo que cada quen debe ter un rol definido. Eu non vexo a un alcalde pedíndolle ao Apóstolo que remate coa corrupción e co desemprego. Eu vexo un alcalde que poña en marcha as políticas activas para o emprego e prácticas de transparencia para rematar coa corrupción. Podemos falar do común denominador que afecta ás catro patas da mesa e iso é porosidade pero cada quen debe atender ao seu.

3 Hostelaría si 19/05/2015 16:40

Que efectos reais beneficiosos para a cidade pode ter a aplicación da súa proposta de prohibir a venda de suvenirs e a apertura de novos hoteis con encanto?

Martiño Noriega:

Nós falamos de recuperar a identidade do casco histórico aproveitando para iso a ferramenta que existe do plan especial. Entendemos que existe unha oferta excesiva de prazas en hoteis con encanto no casco histórico que non ten unha demanda acorde con esa oferta, iso conleva que moitos destos establecementos teñan que pechar durante meses e precarizar os postos de traballo. Defendemos, polo tanto, unha moratoria de 5 anos na construcción de hoteis no casco histórico para corrixir ese desequilibrio. Con iso agardamos rematar tamén coas operacións especulativas que impiden fixar poboación na zona histórica. Por outra banda, é tamén mediante a regulación de usos do plan especial, somos partidarios de limitar os novos establecementos de cadenas de souvenirs coa finalidade de recuperar as iniciativas de comercio local que sempre lle deron unha entidade á zona histórica.

4 Contribuínte 19/05/2015 16:42

En aras da transparencia, pode dicirme canto cobra vostede neto ao mes como alcalde de Teo? Non hai unha norma do seu último partido, Anova, que impide cobrar máis de 1200 euros ao mes?

Martiño Noriega:

A miña nómina está pendurada da páxina web do Concello de Teo. A cuantía mensual é aproxidamente de 2.200 euros ao mes. A proposta de Compostela Aberta é de racionalizar os soldos públicos do Concello de Santiago e limitar un teito de salario de 36.000 euros netos ao ano. Actualmente o alcalde gaña máis de 70.000 euros brutos ao ano. O soldo debe estar acorde coa responsabilidade pero tamén cos tempos que corren.

5 Miguel Pérez 19/05/2015 16:46

Porque insiste en decir que vostede encabeza unha candidatura cidadá se a práctica totalidade da candidatura son militantes-simpatizantes de Anova, EU, Podemos e outros?

Martiño Noriega:

Compostela Aberta é un lugar de encontro onde participan militantes a título individual de organizacións políticas como ANova, Podemos, Esquerda Unida, Equo e Espazo Ecosocialista. A maiores existe un segmento maioritario de cidadanía non adscrita a ningún partido pero que acreditan no proxecto colectivo. Definimos o noso modelo mediante a participación e a acción tanto para a escolla da lista (nunhas primarias cunha participación de 1.500 persoas) como na elaboración do programa (con grupos de traballo sectoriais e aportacións vía telemática). Aproxidamente o 70 % dos candidatos da lista non están adscritos a ningún dos partidos. A iso chámaselle unidade popular e novas maneiras de funcionar que van máis alá das coalicións partidarias e respostan á urxencia social do momento.

6 Carlos Domínguez 19/05/2015 16:48

Ola Martiño, cando esteas no concello, que pensa facer o teu goberno para eliminar a corrupción: contratos con empresas, enchufismo, etc,etc. os cidadáns esperamos transparencia na xestión. Limpar un concello con décadas de enchufismo non é fácil, tampouco imposible.

Martiño Noriega:

A transparencia ten que ser unha obriga e a rendición de contas algo habitual. Unha institución pública como é o Concello ten que gobernar para a maioría social e facelo sen discriminacións nin tratos de favor. Despois do que aconteceu en Santiago eu penso que é posible mudar a situación e conquerir unha institución onde a igualdade de oportunidades sexa un principio.

7 Luis García 19/05/2015 16:52

Que opinión che merecen os 4 anos de lexislatura do PP?

Martiño Noriega:

Non sei si rir ou chorar canto escoito a Feijoo ou a Hernández falar entre escoller a eles ou a caos. Despois de 4 anos, 3 alcaldes e un goberno actual que non pasou por urnas, o grave foi o deterioro da imaxe da cidade pero tamén da confianza dos veciños e veciñas non seus gobernantes. Indirectamente nos encontros cos barrios puidemos comprobar como esa xestión tivo un prezo nas cousas do día a día. Unha comunidade educativa que chega a reunirse con 6 concelleiros ou concelleiras de área, obras que comezan nos barrios e non rematan, falta de explicacións, falta de política social. Ese é o prezo da corrupción.

8 Akin 19/05/2015 16:53

¿Crees que Compostela Aberta pode ser o xermen dunha marea galega?

Martiño Noriega:

Coido que as candidaturas de unidade popular poden acabar por configurar un novo suxeito político galego pero iso vai a depender da xenerosidade das partes, do resultados do vindeiro domingo e de ser quen de entender a emerxencia social do momento.

9 Akin 19/05/2015 16:56

En caso de que Compostela Aberta fose a forza con máis apoios e Martiño alcalde ¿Compostela Aberta tería continuidade no tempo como algo alleo ó espazo AGE? ¿E no caso de perder?

Martiño Noriega:

Compostela Aberta é un proceso en si mesmo, tamén é unha resposta a unha situación que viviu a capital de Galiza durante os últimos catro anos. Ten presente, e polo retorno veciñal que estamos a ter, todo o futuro do mundo. Compostela Aberta presentouse para gañar, non para ocupar un espazo electoral. Para nós a victoria significa a posibilidade de cambiar as políticas de fondo dos últimos catro anos. Non pensamos noutra cousa. O meu compromiso con este proceso é absoluto pero hai que entender que se os resultados non foran os agardados o futuro teríao que decidir Compostela Aberta colectivamente.

10 Miguel Risas 19/05/2015 16:57

Poderías darnos tres ou catro logros do teu goberno en Teo que puidera ilusionarme como votante de Compostela?

Martiño Noriega:

A normalización democrática da institución; unha política de participación baseada na democracia directa a través do contacto periódico coas diferentes parroquias; a planificación das infraestructuras en base ás demandas e ás necesidades; e unha aposta pola social e polo cultural recoñecida alén do Concello de Teo.

11 Martín Sansuso 19/05/2015 16:59

Apoiarás a Paco Reyes para ser alcalde de Compostela se sae máis votado ca ti?

Martiño Noriega:

Compostela Aberta non facilitará un Goberno do Partido Popular por activa nin por pasiva. Coido que con iso resposto á túa pregunta. Teño a sensación de que a mesma pregunta vas a ter que facerlla a Paco Reyes diante das boas expectativas que ten Compostela Aberta. Nós, a diferencia do PSOE, non nos confundimos de adversario pero estamos en disposición de disputarlle o PP ser a lista máis votada na cidade e aí será o PSOE quen teña que decidir.

12 Leonardo 19/05/2015 17:02

Concreción sobre o rescate muncipal das concesións privadas dos servizos publicos da cidade

Martiño Noriega:

Moitas das externalizacións dos servizos públicos téñense amosado en Compostela como nichos de corrupción. Dende Compostela Aberta defendemos a remunicipalización dos servizos onde sexa posible dende o convencemento que iso pode supor a prestación dun mellor servizo e dunha maneira máis económica. Onde non sexa posible optaremos por fiscalizar o cumprimento na prestación de servizos en base aos pliegos dos concursos. Eu teño experiencia na municipalización do servizo da auga en Teo e creo que iso pode ser exportable ao Concello de Santiago como están a facer moitas cidades europeas.

13 Compostelana 19/05/2015 17:05

Boa tarde Martiño, gustaríame saber a vosa postura sobre o inexplicable traslado previsto da Central de Coordinación de 061 fóra de Compostela anunciado por Feijoo recentemente, sen que existan razóns sanitarias ni de ningún tipo coñecidas que xustifiquen este traslado. Que medidas adoptaredes en caso de saír elixidos neste tema? Moita sorte para o domingo!

Martiño Noriega:

Consideramos que non existe ningunha xustificación técnica para este traslado xa que a ubicación actual (eu seino porque traballei aí) conta con todos os medios tecnolóxicos necesarios e tamén coa valoración positiva dos usuarios. É inxustificable a medida caprichosa anunciada polo presidente Feijoo e o silencio cómplice do actual de Compostela, o señor Agustín Hernández. Dende a responsabilidade de Goberno e a pesar de saber as limitadas competencias que o Concello ten no tema, exerceremos a presión que sexa necesaria para que a central do 061 quede en Compostela.

14 Xurxo Sampedro 19/05/2015 17:07

¿Que teñen pensado facer coa casa da xuventude na praza do matadoiro?

Martiño Noriega:

Coidamos que para abrir un acceso ao parque de Belvís non é necesario o derrubo dun edificio público cun coste económico tan elevado. Hai a posibilidade de habilitar un acceso ao parque empregando o planeamento municipal no que respecta a unhas fincas colindantes ao edificio e, de xeito colateral, e cun menor custe acondicionar a Casa da Xuventude para que poida ser empregada polos veciños e as veciñas.

15 Xavier 19/05/2015 17:11

Se vostede chega a ser alcalde, entendo que promoverá a participación cidadá na política local. ¿Cales son as ferramentas ou mecanismos que achegará á cidadanía para facer isto realidade?, e, ¿que decisións entende vostede que deben ser lexitimadas pola cidadanía?. Grazas e moita sorte.

Martiño Noriega:

O Concello ten mecanismos de participación institucionais que deben ser reactivados, como pode ser un regulamento de participación veciñal e os consellos sectoriais. A maiores o novo Goberno debe periódicamente rendir contas nas diferentes parroquias do Concello para explicar a acción de Goberno, resolver dúbidas e priorizar actuacións de maneira compartida cos veciños e veciñas. Este debe ser o paso previo para ser quen de por en marcha ferramentas de orzamentos participativos na cidade. Compre, polo tanto, desinstitucionalizar a participación antes de chegar como paso previo a outros obxectivos.

16 Familia de Vit. 19/05/2015 17:15

Señor Noriega; Podería facernos, a grandes rasgos, un esquema da súa idea de desarollo cultural e social para Compostela.

Martiño Noriega:

O Concello debe por en marcha unha política cultural propia que mesture tradicción e vangarda e de maneira colateral actuar como unha institución facilitadora coas industrias culturais da cidade e as iniciativas particulares de veciños e veciñas. Compostela ten que recuperar o latexo cultural que a definía e que perdeu durante estes últimos catro anos. A política social debe ser tamén outro dos eixos fundamentais do novo Goberno. Según datos da Rede Galega contra a Pobreza hai aproxidamente 18.000 veciños e veciñas en risco de exclusión en Compostela e o Concello foi o segundo das sete grandes cidades que menos investiu en política social (55 euros por habitante cando a media dos concellos galegos está en 110 euros por habitante). Debemos, polo tanto, duplicar o gasto social e entender as políticas sociais como unha recuperación da dignidade das persoas con repercusións positivas no tecido económico da cidade. Non comparto o modelo de beneficiencia que puxo en marcha o Partido Popular nos últimos tempos.

17 Juan Portela 19/05/2015 17:23

Cal é a súa proposta cara a política aeroportuaria galega?

Martiño Noriega:

Os ingresos por turismo representan máis do 30 % do producto interior bruto da cidade, polo tanto este é un sector estratéxico que precisa dun aeroporto internacional, con boas conexións tanto na Península como no resto de destinos. O desenvolvemento dunha política aeroportuaria que teña en conta estas características é, polo tanto, fundamental para a cidade e indirectamente positivo para o resto do país. Dende Compostela Aberta pularemos por buscar esa dimensión do aeroporto de Lavacolla que ata o de agora estivo preso dun reparto de cuotas e dunhas decisións políticas avaladas entre outros polo exconselleiro de Obras Públicas, Agustín Hernández, que nada ten que ver coas necesidades da cidade.

18 luis 19/05/2015 17:24

Crees que a xente entende a mensaje de Compostela Aberta.

Martiño Noriega:

Polo retorno que estamos a ter nos encontros cos barrios (máis de 50 en toda a campaña), colectivos e entidades da cidade, coido que a xente non só entende a mensaxe de Compostela Aberta senón que estaba a agardar por ela. Sairemos de dúbidas o vindeiro domingo.

19 Fernando 19/05/2015 17:26

Se o 24 de maio foras elixido alcalde de Santiago, cal sería a túa primeira actuación ou cambio no Concello?

Martiño Noriega:

Normalizar a vida institucional do Concello no que ten que ver cos traballadores públicos da institución que foron maltratados durante estes catro anos de Goberno do PP e, por outra banda, recuperar a confianza entre os veciños e as veciñas cos seus representantes públicos. Pretendemos que, máis aló dos acertos e os erros, a xente poida sentirse representada polos homes e mulleres que estén na institución.

20 Luis D. 19/05/2015 17:32

Boa tarde, ¿como pensa solucionar a situación á que levou a plataforma «Santiago sin ruidos» á vida cultural nos pubs da zona vella? ¿Volverá haber concertos e pinchadiscos nos locais da zona vella, como parte da vida cultural que antes había en Compostela? ¿Qué opinión lle merecen as reivindicacións de dita plataforma?

Martiño Noriega:

Dende Compostela Aberta compartimos as reivindicacións da Plataforma Compostela Territorio Musical. Entendemos que hai que impulsar unha mesa de diálogo entre as partes como primeira medida para solucionar un conflicto que está a prexudicar á cidade. A actividade cultural da zona histórica ten que estar amparada legalmente pero é un motor da cidade a preservar. A conciliación entre cultura e o descanso dos veciños e das veciñas é posible e necesario sen que as partes teñan que facer grandes renuncias.

21 Xoan Santos 19/05/2015 17:34

Saúdos, chegaría vostede a un acordo co BNG para formar un goberno de coalición para Santiago? O preferiría escoller o apoio do PSOE?

Martiño Noriega:

Compostela Aberta será responsable na búsqueda de fórmulas de gobernabilidade que den estabilidade á institución. Eu sempre dixen, respecto ao BNG, que o feito de non vivir na mesma casa non significa que poidamos camiñar xuntos. No que respecta ao PSOE, e dadas as críticas dos últimos días a Compostela Aberta, coido que teñen que ser eles os que clarexen a súa posición respecto á posibilidade de abrir unha nova etapa na cidade.

22 Martiño Noriega 19/05/2015 17:36

Foi un pracer participar con vós neste encontro dixital de La Voz. Dianta da marea de preguntas e dado o tempo foime imposible respostar a maioría delas. Quedamos para un vindeiro encontro dixital, algún encontro presencial nos barrios, ou na propia páxina web de Compostela Aberta. Tede boa tarde.