Encuentro con Luís Villares
El candidato de En Marea en las elecciones autonómicas del 25 de septiembre responderá a las preguntas de los internautas de La Voz el miércoles 14 de septiembre a partir de las 12:00 horas.
Bo día, estou encantado de compartir este espazo de conversa dixital con todas e todos vós, para explicar as propostas de EN MAREA para gobernar para toda Galicia, a partir do día 25, con todas e todos vós. Para a xente.
Cal é a súa proposta para a nosa paisaxe maltratada? Cómo pensa que pode conseguir eliminar as casas a ladrillo e as estruturas sen rematar? Qué proposta ten para evitar que sigamos facendo edificios de 4 pisos no centro de vilas de 2.000 habitantes (en regresión demográfica)?
é urxente aprobar as directrices da Paisaxe de Galicia, para desenvolver a Lei de Paisaxe de Galicia, e que estas vinculen toda a ordenación territorial e urbanística.
Isto sgnifica entender a relación entre espazos naturais e espazos humanizados, de forma harmónica.
E implica unha reforma da Lei do Solo de Galicia, que impida a especulación urbanística. Cómpre fomentar a rehabilitación, e a recuperación dos espazos urbanos, e así o faremos.
E estableceremos liñas específicas na consellería de Ordenación do territorio tanto de medios persoais e materiais para acadar que todos os concellos teñan plan xeral antes do remate da lexislatura. Os plans deberán estar dimensionados conforme coas necesidades reais e non especulativas de vivenda, consonte a poboación, atendendo á necesidade de urbanizar e humanizar os espazos xa existentes dentro da malla urbana de cidades e vilas.
Respetará las Leyes Españolas? si es asi.Preguntaremos si Va a respetar la Ley Ley 18/2013, del 12 N Que Regula la Tauromaquia.
En Marea está en contra do maltrato animal, e non subvencionará espectáculos que se recreen nestas prácticas.
só son nacionalistas ou galegos os do bng?
Toda a cidadanía de Galicia forma parte do noso proxecto de convivencia.
no debate EN MAREA expuso o seu PROGRAMA nos apartados que se debatiron polo tanto, EN MAREA ten programa, Pero se criticou que non se fora mais ao corpo a corpo. Si fora ao revés dirian que EN MAREA non tiña programa pero como se explicou o PROGRAMA non o poden decir...¿crees que aparte de explicar o programa tiñas que ser mais "corpo a corpo"?
No debate deixamos caracterizado ao PP, e desenmascaramos o fracaso político que supuxo o seu proxecto para Galicia. Máis alá disto, tiñamos o deber esencial de explicar as nosas propostas, para que todo o mundo soubese que futuro queremos para o País.
Bo dia!¿Que propón para solucionar a gran taxa de desempleo xuvenil e marcha de moitos mozos?un saludo
Comezando polos ámbitos industrial e universitatario, recuperar o investimento en I+D+i, ata un 2% do PIB, repartido en industria e universidade, para crear maior emprego e de máis calidade, que xera maior valor engadido.
No sector primario, para a mocidade que traballa no agro, apostamos por unha industria de transformación láctea, mediante investimento coordinado entre o IGAPE, cos gandeiros e empresas lácteas locais, para acadar a transformación en Galicia polo menos do equivalente á producción láctea (producimos máis do 40% e transformamos menos do 10%). O que máis valor engadido crea é a transformación, co que conseguiriamos o incremento de rendas agrarias de forma significativas. Hoxe están pechando 59 explotacións ao día, o que se traduce en paro xuvenil no eido agrario, que é preciso reverter.
No eido da pesca, cando apostamos polo saneamento integral das rías sabemos que iso permitirá incrementar os postos de traballo no marisqueo a pé e na baixura, o que se traduce en máis emprego en toda a zona das rías.
No sector servizos, apostamos polo comercio de proximidade, tanto no consumo como como estratexia de negocio, porque consideramos que xera moito valor engadido e nutre de vida o centro das cidades.
Como medidas transversais para a incorporación da mocidade a estes sectores (primario ou industrial) apostamos por incentivar estas contratacións ás pequenas e medianas empresas.
Igualmente apostamos polo establecemento de liñas de crédito non usurario dende o IGAPE destinadas a investimentos produtivos de autónomos e PEMEs, como elemento dinamizador económico.
Bos días Luis. Porque non facedes unha campaña máis agresiva? o pp é un partido difícil de botar. e se estades confiando en enquizas, mal asunto, porque tedes o exemplo das xerais, todos lle daban moitos deputados/as a podemos, e mira o que pasou...máis entusiasmo, ilusionar á xente, porque moitos/as están queimados de trifulcas internas..
Para agresiva xa chegou a política do PP contra as maiorías sociais, a mocidade, a sanidade pública.. Cremos que hai que desenmascaralos, como estamos facendo, para deixar en evidencia como destruíron o País en emprego, poboación, servizos sociais e economía.
Pero a renglón seguido debemos ser propositivos/as, para que toda a cidadanía vexa que somos un proxecto solvente para este País, que temos intención, ideas e capacidade para gobernar.
¿Por qué no está participando en la campaña ningún líder nacional de la coalición como Alberto Garzón o Pablo Iglesias?
En Marea non é unha coalición senón un partido político, que está formado por persoas que o integran a título individual, aínda que podan pertencer a outras organizacións políticas, pois permitimos a dobre militancia.
Isto non obstante, temos organizacións, no ámbito do Estado, que son referentes fraternais, como Podemos ou Esquerda Unida, no que se integran tamén parte dos/as nosas/os afiliados, xa que comparten a liña política que construímos dende En Marea.
Os seus líderes estarán con nós tamén na campaña apoiando o noso proxecto político, Garzón e Iglesias entre eles.
Si esta tan comprometido co pais, ¿Porque non diu antes o paso cando en Galicia levamos anos padecendo unha longa noite de pedra, exceptuando a epoca do bipartito? ¿Porque deixou o BNG, quizais porque como Beiras, ou é o cabeza ou non é nada? ¿Como é que no seu partido as propostas parten, seica, da base, e xa se sabia fai meses que ia ser vostede o candidato, porque anque ainda non o fose oficialmente non me negara que xa se sabia?
O momento de comprometerme en política foi agora, porque a situación económica e social de Galicia entraba, na miña opinión, nun punto de non retorno. Non só coa crise económica, senón coa regrasión en materia de dereitos sociais e a implosión demográfica, que nos levará a ser inviables como proxecto de País se non invertemos a tendencia.
En paralelo, o xurdimento de En Marea como proxecto político é a grande oportunidade de construcción dunha ferramenta política útil para facer realidade os desexos da maioría social de Galicia, pois se constrúe con suficiente flexibilidade para involucrar politicamente un espazo que socialmente xa é hexemónico, que é o da xente do común, consciente, indignada co que lle fixeron como País e como conxunto social durante moitísimo (demasiado tempo) e que cre que é tempo de responder de forma coordinada e unitaria cunha resposta en positivo, en clave de proxecto nacional baseada nun compromiso firme e decidido de democracia participativa, trasparencia, e xustiza social, para Galicia.
Como é coñecido, durante a miña etapa como xuíz non puiden ter militancia de ningunha clase, e neste momento o espazo político que me parece máis representativo das necesidades e aspiracións deste País é a Marea.
En canto á miña forma de me implicar en política, eu quería participar do proceso como un militante máis que son, e así o fixen. Que eu fose escollido candidato non dependeu máis que das bases, concretamente arredor de 9000 persoas que me respaldaron nun dos maiores procesos de democracia interna deste tipo por número dunha organización política en Galicia.
Que opina da desobediencia civil? Declararíase, como presidente, en rebeldía ante leis inxustas?
A desobediencia civil é unha das formas en que os cidadáns expresan o seu descontento coas leis que consideran inxustas. Como Presidente de Galicia, a miña función será promover as reformas lexislativas necesarias para que deixe de habelas. Para facer unhas leis xustas.
Se o Parlamento de Galicia ten competencias, así o fará En Marea dende o día 25, e se son doutro ámbito (estatal ou europeo) , presionaremos con toda a forza que como representantes de Galicia teñamos para facer valer os dereitos das maiorías sociais ante quen a teña.
O outro día no debate dixo k no seu despacho veu moitos delitos. ¿Por qué non os denunciou?
Xa o fixen. A forma que temos de facelo os xuíces é contalo na sentenza e dar parte á fiscalía para que investigue. Así o fixen en varias ocasións.
¿Cuál será la primera medida que adoptes si consigues la presidencia de la Xunta?
O decreto de garantías sociais, que busca paliar de forma urxente as necesidades de vivenda, alimentos e enerxía ás persoas en grave risco de exclusión social, co obxecto de poñer a cero os desafiuzamentos no País (agora 39 ao mes), os riscos de pobreza extrema e que a xente pase frío nas casas (pobreza enerxética).
Que eixos definirán a sua política ecónomica e con que orzamentos #PreguntaaVillares
Contesto aquí varias cuestións relativas á política fiscal. Cremos que a fiscalidade galega debe recuperar a progresividade e que debe buscar a riqueza alí onde existe, por iso é necesario gravar as rendas máis altas, e incidir fiscalmente nas grandes fortunas.
Igualmente é necesario modificar o tratamento fiscal das grandes superficies, e establecer tipos impositivos para usos aínda non gravados, ou que se fan de xeito inadecuado, como o uso do dominio público por caixeiros automáticos e outro tipo de instalacións semellantes. Finalmente cómpre gravar para desincentivar determinadas malas prácticas, como a contaminación ambiental. Tamén cómpre revisar á alza a presión fiscal que recae sobre os encoros, polas súas externalidades negativas de carácter ambiental e social.
En canto ao eido específico de servizos privatizados, cómpre sinalar que non resultan máis baratos por estar privatizados, e pola contra, as empresas que os prestan deben recibir un beneficio por iso. Rescatando os servizos para a súa xestión pública, a administración aforra ese beneficio que ten que quedar para a empresa, polo que temos máis recursos para dedicar a:
- prestar un servizo de maior calidade, e
- asegurar unha retribución salarial e condicións laborais máis digna para os/as traballadores/as que prestan o servizo
Grazas a todas/os por compartir comigo este espazo de conversa.
Seguimos estando ao voso dispor, nos encontros sectoriais, nos mítines e na nosa web, onde temos publicado integramente o programa.
Agardo, en nome de En Marea, dar resposta ás vosas inquedanzas e defender adecuadamente os intereses das maiorías sociais de Galicia.
Unha aperta,
Hai Marea!!