Luisrei h

El candidato de la Marea de Pontevedra a la alcaldía responderá a la pregunta de los internautas el lunes 18 a las 11 horas

1 Luís Rei 18/05/2015 11:01

Bo día. Estarei con vós a próxima hora. Marea de preguntas e marea de respostas, espero. Hai Marea.

2 Luis Yebra 18/05/2015 11:05

¿Non pensa que se acudiran co nombre de Podemos acadaría un mellor resultado? Parece que "Marea" non tira suficiente

Luís Rei:

Podemos tomou soberanamente a decisión de non concorrer como tal en ningún lugar de España. Apostou por candidaturas de unidade popular como a nosa, á que apoia explícitamente, e eu estou encantado porque iso permitiu sumar nun proxecto que conta tamén co apoio dos partidos de AGE. Grazas a iso somos o espazo de ruptura.

3 María Xosé G. 18/05/2015 11:11

¿Con quen pactaría en caso de entrar na corporación? ¿entraría nun goberno có BNG? ¿Con quen non pactaría?

Luís Rei:

Marea someteu a consulta popular as liñas vermellas de calquera posible alianza de goberno para os vindeiros catro anos. Fixémolo na véspera do 15M, porque levamos candidatos dese movemento e somos a súa referencia. A xente falou e pediu que levemos adiante un plan de emerxencia contra a pobreza e polo emprego, unha auditoría das contas do concello, uns orzamentos participativos, unha rede de transporte público e a remunicipalización dos servizos básicos da auga e o lixo. Cumpríndose iso, poderiamos incorporarnos ó goberno. Para repartir cargos, que non conten con nós nin nos esperen.

4 Juana 18/05/2015 11:16

Repetiría el mismo pacto que firmó la legislatura pasada el PSOE con el BNG

Luís Rei:

Como contrato da parella de feito que rexeu o concello deixou moito que desexar. Eran só dúas follas cheas de vaguidades, e supuxeron a repartición de dedicacións, gastos de representación e asesorías, cun custo nos catro anos de preto de seis millóns de euros. Demasiado para uns señores que non foron quen de sacar adiante ningún tema central, tampouco un PXOM, cuxo fiasco, atribuíble a Cesáreo Mosquera, nos custou xa un millón de euros.

5 Jaime García 18/05/2015 11:22

Realmente ¿Por qué se presenta, cree que la política es un proyecto colectivo o un movimiento espontaneo surgido de sentimientos molestos e irritados?

Luís Rei:

Creo que vivimos un momento en que o cambio se palpa e quixen sumarme ás forzas que pelexan para que esa posibilidade histórica non se desaproveite. Sempre crín que os proxectos transformadores son colectivos ou non son, e en Pontevedra estaba ante un, con Podemos, AGE e múltiples plataformas e movementos cívicos apoiando, de maneira que dei un paso adiante. Aínda que non deixe de ser só un home que camiña ó lado dos demais.

6 Mayca Lonxe 18/05/2015 11:40

Cales son as súas medidas para frenar o paro?

Luís Rei:

Non temos unha vara máxica, nin parece fácil dar coa receita, pero o que non se pode é permanecer impávidos ante as sangrantes cifras do paro en Pontevedra, que alcanzan case o trinta por cento, segundo datos da EPA/IGE: a cidade que encabeza esa "clasificación" en Galicia. Nós queremos convocar as administracións, a universidade e os axentes sociais para, de aquí á aprobación dos próximos orzamentos do concello, elaborar un Plan Estratéxico pola Economía e o Emprego. O concello podería achegar recursos propios, pero é máis importante aínda involucrar ó goberno central noutras prioridades. Non pode ser que se licite por 87 millóns de euros o primeiro tramo da A57, unha infraestrutura innecesaria, cando a taxa de ocupación na comarca non alcanza nin o cincuenta por cento. Non máis Cidades da Cultura. A aposta ten que ser por sectores dinámicos e empresas viables que garantan emprego.

7 Paco 18/05/2015 11:47

¿Cómo vería participar nunha gran marea para as autonómicas?

Luís Rei:

Somos unha candidatura municipal, pero non localista. Temos vocación de rexenerar o concello de Pontevedra, pero tamén consideramos prioritario levar os cambios de políticas á Xunta e mesmo ó goberno central. A das Mareas é unha boa fórmula: confluír desde o respecto á pluralidade nun proceso de acumulación de forzas. Se trasladamos iso á política galega, os días de Feijoo en Monte Pío están contados e a causa das maiorías e do ben común abrirá un tempo novo.

8 A.B. 18/05/2015 11:47

Cal é a súa opinión sobre Ence ?

Luís Rei:

Estamos claramente pola fin da permanencia de factoría no seu emprazamento actual en 2018.

9 Xoán Encinas 18/05/2015 11:55

As enquisas oscilan moito e uns día atribúenlle representación no concello a Marea e outros non, a que cre que se debe iso?

Luís Rei:

A metodoloxía das enquisas non nos favorece, porque se fan a teléfonos fixos e ademais a xente, no noso caso, non ten recordo de voto, xa que non nos presentamos antes. Pero aquí vai haber oito papeletas o 24M, varias de dereitas e varias de centro, mais só unha agrupando todo o espazo de ruptura. Iso é moito máis do que expresan algunhas sondaxes. Sucedeu con Podemos nas Europeas, cando lle daban 0-1, e acabou obtendo 5 deputados. Ou con AGE nas autonómicas, cando lle daban 1-2, que se transformaron en 9 o día das votacións. Volverá ocorrer con nós, que seremos unha forza determinante nun escenario sen maiorías absolutas. Quero recordar que, das nove eleccións municipais celebradas antes destas, só en 1983 se deu unha maioría absoluta en Pontevedra.

10 Ana F. 18/05/2015 12:00

Que hai que cambiar do modelo de cidade?

Luís Rei:

Para falar de modelo de cidade, o primeiro que hai que ter é un PXOM, que é o documento que expresa unha idea de cara onde se vai. Como aquí non o hai, malamente se pode presumir diso, por moita propaganda que se lle meta á cousa. Nós comprometémonos a considerar a redacción, aprobación e posta en marcha dun novo PXOM un elemento central dos vindeiros catro anos. Desde a participación dos veciños e colectivos, e buscando o necesario acordo coa Xunta.

11 Luís Rei 18/05/2015 12:00

Foi un pracer. Vémonos este domingo. Hai Marea.