Encuentro con Jorge Suárez
El candidato de Ferrol en Común responderá a los lectores el martes, día 12, a partir de las 11.00 horas
Ola, bo día a todos e todas. Quero darlle as grazas á Voz de Galicia por convidarme a este encontro para dar a coñecer as nosas propostas para o novo Ferrol que precisamos construír, como alternativa social ao malgasto e desleixo por esta cidade que merece moito máis.
Crees que a candidata do PSOE estaría disposta a pactar con vos, se non fosen eles a segunda forza para que foses ti o alcalde?
Ola Xaime. Nós sempre dicimos que temos a ambición de gobernar esta cidade, e para iso construímos esta candidatura de unidade popular, para aglutinar a toda a esquerda de Ferrol e a todas aquelas persoas, que son millares, que están a sufrir os recortes sociais para compensar á banca e as grandes multinacionais. Logo do 24 de maio, veremos cales son as forzas de cada quén, dende logo, as decisións doutros partidos son soberanas, en canto a nós todo pacto levarase á asemblea de Ferrol en Común para tomar unha decisión. O que si é evidente e que calquera apoio a unha investidura ten que vir en torno a unhas propostas de cambio centradas nas necesidades reais da xente. Como dicía Julio Anguita, "programa, programa, programa".
Dende logo a prioridade é tombar ao Partido Popular, non en base a un baleiro, senón porque as políticas que aplican agreden á cidadanía, pero como dixen antes, as decisións que se tomen serán colectivas e valorando o que é mellor para a veciñanza de Ferrol
Boas. Como votante do BNG, non cree que lle está facendo un flaco favor á esquerda nacionalista quitándonos votos?
Ola Xaquín, grazas pola pregunta.
Penso que os plantexamentos do BNG, en canto a dereitos sociais, creación de emprego e recuperación da cidade, teñen moito que ver coas nosas, propostas dende a esquerda na procura do ben común. No seu día fixemos un chamamento ao BNG para unirse a esta fronte común, proposta que non foi aceptada, e que é unha decisión que respectamos, aínda que non compartamos. Porén, estou seguro que antes ou despois deberemos atoparnos para articular unha alternativa a estas políticas da dereita que só traen paro e miseria para Ferrol, para ás 4705 persoas que non reciben ningún tipo de prestación e para toda a mocidade que se ve obrigada a marchar por falta de oportunidades.
¿Qué opina de quitar 4 o 5 concejales siendo uno de los líderes menos conocidos?
Ola Juan, grazas pola pregunta.
Catro ou cinco concelleiros non é suficiente. Estamos convencidos que estamos crecendo día a día e que imos ter os suficientes para un goberno participado pola xente. En canto á túa pregunta, valóroo positivamente. Non comparto os liderados carismáticos, os personalismos e as individualidades baseadas no marketing electoralista. Creo firmememente nos proxectos colectivos, o feito que describes pon ás claras que o noso proxecto nace dende o colectivo, sendo eu o cabeza de lista o relevante non é iso, senón as 25 persoas da lista, as organizacións que respaldan o proxecto (EU, Anova, inscritos de Podemos a título individual) e, sobre todo, todos os colectivos sociais que non están dando o seu apoio e, en especial, toda a cidadanía indignada coa política do malgasto e a distribución dos recursos con intereses electoralistas, que non son militantes, pero que dan soporte facendo repartos e dando a coñecer o noso programa de cambio.,
Ya que traer carga de barcos parece algo imposible,hay alguna alternativa de trabajo tanto dentro (dedicarse a la reparación/construcción de otra cosa) como fuera del astillero? Gracias.
Ola Paquito.
Dende logo que as competencias para traer carga de traballo ao estaleiro público dende un goberno municipal son moi limitadas, pero o certo é que unha actitude pasiva e a resignación, os tumbos (dique non di Juncal, dique si di agora o alcalde saínte) e a desvinculación falsaria do presidente da Sepi e de Navantia do PP, non nos parecen unha hipocresía de Rey Varela.
Non cren no sector público e queren facelo desaparecer. Nós queremos facer do Sector Naval unha reivinidcación de cidade, aglutinando a todas as forzas sociais nunha fronte común, ir ao Parlamento a Bruxelas ou donde faga falta a reclamar carga de traballo, rexuvenecemento do cadro de persoal, investimentos públicos, crear un Centro de transferencia tecnolóxica vinculado á Universidade, e, sobre todo, un plan estratéxico de futuro real, que garanta non só o emprego, senón as condicións laborais que o PP está a denigrar.
Por outra banda claro que un Concello pode crear emprego directo, e así nós levamos no noso programa propostas de cooperativismo agrícola, (o sector primario foi abandonado e temos produtos de calidade) que nutra tanto aos comedores escolares como sociais ou senior, cooperativas de servizos, o impulso da cuadrilla municipal ou crear emprego a través da rehabilitación de vivendas, cun Ferrol Vello, A Magdalena, Esteiro, San Pablo, Recimil... en situación de postguerra hai un campo para crear emprego camiño a unha cidade compacta.
Pensa que a "externalización", que é malvender o público a grandes multinacionais, como Clece, Urbaser, Dragados.... está a desviar cantidades moi importantes de recursos públicos a intereses privados, que se están a lucrar co que achegamos entre todos e todas vía impostos. Nós imos acabar con iso, con transparencia nas adxudicacións e coa inclusión de cláusulas sociais nos pliegos de contratación para colectivos en riso de exclusión ou parados de longa duración
Qué propuestas tiene su partido para revitalizar Ferrol Vello?
Ola José María, grazas pola pregunta.
Cremos que o Plan especial para Ferrol Vello é insuficiente. En primeiro lugar a súa aplicación, que prevé unificar parcelas e mesmo dotar ás vivendas de garaxe, abócanos á xentrificación, é dicir, expulsar aos veciños e veciñas que orixinariamente son os que habitan no barrio para introducir profesionais liberais que non vivirán no barrio e simplemente o utilizarán como centro de traballo. E por outro lado contempla a creación dun Centro Comercial, o que supón unha puntilla máis ao comercio local, recorda que máis de 700 comercios pecharon en Ferrol no último lustro, a consecuencia da apertura de grandes áreas.
As nosas propostas pasan por crear unha empresa municipal de vivenda, que sexa quen de adquirir, rehabilitar e destinar a aluguer social esas máis de 9000 vivendas baleiras que hai en Ferrol. Tamén por impulsar o comercio local, cun sistema de microcréditos que vaia máis alá de repartir bolsas e vasos para estimular o consumo.
Ferrol Vello precisa dun centro de saúde, dun transporte público de calidade e barato, do destino a usos dotacionais do edificio de aduanas e revalorizar o que a día de hoxe é a entrada de Ferrol. De aí a nosa proposta de erradicar o contaminante peirao carboeiro e o traslado de todas as instalacións e naves alí presentes ao porto exterior, para recuperar un Ferrol para vivir
Explicareimos polo miúdo o noso programa estes días no barrio, e agardamos a túa presenza.
Saúdos
Ante el abandono del Barrio de La Madalena qué medidas de ayuda a los comerciantes y propietarios de viviendas va a plantear su partido?
Ola María José
Un pouco respondo como fixen coa pregunta anterior. A degradación do centro da cidade sitúanos nun escenario apocalítpico e de postguerra para unha cidade que queren converter en referente turístico, proposta que nós rexeitamos, xa que o polo principal da actividade económica debera ser a industria que están a desmantelar dende os gobernos do PP.
Tivemos unha oportunidade co Plan Urban, case once millóns de euros desaproveitados, e utilizados con fins electoralistas, logo de tres anos de inactividade pretenden maquillar o desastre no que vivimos con asfaltados masivos e inauguracións de última hora, ademais de propostas que parecen que Rey Varela adícase a facer autooposición, xa que non foi quen de desenvolver estes catro anos de pasividade.
Impulso da rehabilitación, creación de ciclos formativos en artes e oficios para dar emprego á nosa xente, pliegos que beneficien á industria local, e axudas directas ao comercio, pulando polos mercados públicos e pequeno comercio contra as privatizacións de mercados e creación de grandes áreas son as nosas propostas.
Tamén queremos percorrer, participadamente e con consenso, o camiño da peonalización, pero con rigor. Cremos que a cidade gañaría en calidade de vida, pero dende logo, non unha peonalización a través de vallas amarelas, como fixo Langtry, ou cun superproxecto que articulou Evia, cun custo de 9 millóns de euros, inexecutable. A peonalización ten que vir acompañada de transporte público eficaz e asequible, coa creación de aparcadoiros de superficie e cun barrio da Madalena que sirva para que os seus veciños e veciñas incrementen a súa calidade de vida sen que o trazado peonil sexa un obstáculo para o desenvolvemento da súa vida diaria
¿Se saca representación van seguir marchando dos plenos como na anterior lexislatura?
Ola Neno, grazas pola pregunta
Cando o Partido Popular recorta a democracia, impedindo o acceso aos plenos dos verdadeiros titulares do Concello, veciños e veciñas de Ferrol; cando o alcalde Rey Varela, presenta todas as súas propostas á oposición con días de antelación, sen dar oportunidade de estudo e emenda; e cando o Partido Popular está a hipotecar o futuro da cidade con concesións a grandes empresas privadas todos os servizos públicos, marchar dun pleno é unha actitude digna e de protesta contra a reconversión do Concello nun Consello de Administración dun alcalde que prometera, ante notario, gobernar para todos e todas. Dende logo, Ferrol en Común será responsable coa veciñanza e loitaremos contra as imposicións da dereita, pero, estou seguro, que o faremos dende o goberno
¿Pondrás a funcionar la Participación Ciudadana?
Ola Luis
A Participación Cidadá é o eixo vertebrador do noso programa. Cremos que Ferrol en Común representa a procura de novos gobernos, coa xente e non para a xente. Temos un regulamento de participación cidadá no que o PP non cre. Nos temos o compromiso firme no noso programa de aplicalo e melloralo naqueles aspectos en que a veciñanza poda sentirse copartícipe das decisións que se tomen dende un goberno, polo que convocaremos inmediatamente as asembleas de barrio e o consello da veciñanza, así como os orzamentos participativos, co fin de que entre todos e todas decidamos cales son as prioridades de investimento dos recursos públicos. En primeiro lugar, obviamente, paliar a situación de emerxencia social, cunha de cada catro persoas desta cidade en risco de pobreza ou exclusión social, estarás conmigo en que non vale xa a caridade e en confiar nas ong toda a política de asistencia social, polo que por aí irán as primeiras medidas. Paliar o sufrimento da xente a que os condeou Rey Varela, o rey do merchandising electoralista
Que pode aportar vostede se sae elixido, tendo en conta que ten unha nula experiencia na vida política e non ten tampouco experiencia de goberno? Pensa que está ben preparado para asumir a xestión dunha grande cidade?
Ola Paco
Non entendo o goberno da cidade como se de un Consello de Administración se tratara. A política non e capacidade de xestión como se saísemos dunha escola de negocios. Temos programa, temos propostas rigorosas para o cambio social que precisamos e, o que máis importante, temos un equipo de goberno con xente cualificada para integrar todo o movemento asociativo, todas as minorías oprimidas e a maioría social, na participación para unha tranformación radical de Ferrol. É falso que non existan recursos, hai investimentos millonarios en obras de dubidosa transparencia e utilidade, e este goberno deixou de executar só en dous anos 13 millóns de euros. Esa cantidade son mil postos de traballo.
En canto a miña preparación, dende logo que si, estou preparado para que tanto ti, Paco, como toda a cidadanía de Ferrol, manteñan o que manteño eu, a ilusión, o optimismo e a crenza en que Ferrol merece máis, que Ferrol ten que ser, e, por enriba de todo, as prioridades son as persoas, non os cartaces e os cortes de cinta, e é por iso polo que estou aquí, fun elixido en asemblea para desenvolver un proxecto colectivo, non personalista
Saúdos
Hai moitísimas preguntas, sinto non poder responder a todas, vou ser máis breve no pouco que nos queda
¿Que piensas de las ultimas encuestas, piensas que Ferrol sigue siendo, una ciudad de acomodados?
Penso que non. Creo que os enganos do PP serviron para activar o voto da dereita. Pero estou seguro que ese 28% de indecisos van activarse agora para un cambio que traia unha nova oportunidade para Ferrol
¿Usted es más de Yolanda Díaz o de X.M. Beiras?
Como sabedes son militante de Esquerda Unida, polo tanto a resposta é obvia, pero a quen me debo, por enriba de siglas ou militancia política é a Ferrol en Común, un proxecto plural e de esquerdas.
¿Estaría dispuesto a integrar a Iván Rivas en su formación?
Iván Rivas é unha persoa á que respecto, incluso no trato persoal. Estou seguro que logo das eleccións haberá bo entendemento
Por que agochan as súas siglas en non concurren como fixeron sempre, como EU?
Ola Xan, grazas pola pregunta
Nós non estamos agochados, damos a cara dende o primeiro momento da creación de Ferrol en Común, e seguimos insistindo que somos Esquerda Unida, Anova, inscritos de Podemos os creadores, pero que vai moito máis alá dun pacto de partidos. Cremos que estamos nun cambio de ciclo político e iso require de altura de miras e responsabilidade, indo só como Esquerda Unida dende logo teríamos representación, pero o momento é de ambición para gobernar, e unha candidatura de unidade popular constrúese para iso, para acadar o mellor resultado e desenvolver propostas centradas na xente, polo que toda a esquerda debera agruparse, incluso aqueles aos que as enquisas non lles dá representación, aínda están a tempo de non cometer a irresponsabilidade de entregar o goberno ao PP dos recortes por uns centos de votos
Qué ides facer na materia de protección animal?
Ola Antón
En primeiro lugar derrogar a orde actual, represora e recadatoria. En segundo crear espazos adecuados, parques reais e non as pantomimas actuais. Tamén formar, antes dunha nova orde, con díptcios e información pública, a toda a cidadanía, co fin de avanzar en civismo e responsabilidade. A actual orde aboca aos propietarios de mascotas a permanecer pechados e non poder gozar de espazos de lecer para as súas mascotas. Sempre en conexión coas asociacións animalistas, que axudaron a desenvolver o noso programa. Saúdos
Boas tardes Jorge, ¿Cales son as vosas propostas en materia de benestar e servizos sociais? Graciñas e moita sorte!!!
Ola Iria, grazas.
Crear redes de cooperación entre todas as entidades sociais, para compartir recursos e distribuir mellor as subvencións que na actualidade se dan arbitrariamente. Integrar os servizos sociais no Consello Escolar Municipal, para que ningún neno ou nena pase fame nesta cidade. Eliminar a política de caridade e crear uns servizos sociais de atención integral e ben dotado. Non consentir que ninguén viva baixo a renda mínima de subsistencia.
Saúdos
Semana santa ferrolá, de interese turístico internacional, ¿qué farán con ela? ¿Seguirán valorando o importante que é de cara ó exterior e os cartos que deixa na cidade ou qué teñen pensado?
Respecto as tradicións relixiosas como un exercizo individual. Pero definímonos, todos e todas, como integrantes dun sistema aconfesional e laico. Polo tanto as axudas públicas considero que non deben ir directamente á Igrexa ou institucións dependentes para a celebración dunha festa relixiosa. Iso non quere dicir que non rexeite a súa importancia turística, pero as axudas deben ir ao comercio local e a hostelería, así como a creación de actividade culturais para eses días de festa, no barrio do Inferniño
¿Por qué no responde en castellano a las preguntas que se le efectúan en castellano? Lo hablan más del 70% de los ferrolanos como lengua madre. ¿No piensa gobernar para los que no hablan gallego?
Ola María, grazas pola pregunta.
Creo que son un drama eses datos que das, polo que considero que o galego debe ter unha discriminación positiva, en primeiro lugar cumprindo a normativa local sobre normalización e en segundo lugar fomentando o seu uso, para que ese 70% que dis poda desenvolverse en galego e protexer a nosa cultura. O que aconteceu nos plenos, onde o PP utiliza por norma o castelán é vergoñento
Es partidario de la unión Ferrol y Narón
Boas Geno
Creo que a día de hoxe é unha proposta ficticia. E moito máis cando Rey Varela emprendeu unha hostilidade aberta contra ese Concello. Outra cousa é a imprescindible prestación de servizos mancomunados, transporte, saneamento, cultura... Non é normal que o Teatro de Narón asine un convenio co Colón de Coruña, pon ás claras a actitude do goberno municipal de Ferrol, de patriotismo chusquero de cidade. En todo caso, se algún día dáse o debate debera ser de abaixo arriba e non á inversa, que é o que pretenden algúns
Bueno, rematou o tempo. Unha mágoa non poder ter respondido a todas as vosas preguntas, pero quedo a vosa disposición nas redes sociais para responder as pendentes.
Moitas grazas, e fágovos un chamamento para que o vindeiro 24 de maio confiedes en Ferrol en Común, para que entre todos e todas evitemos outros catro anos de paro, pobreza, perda de poboación e envellecemento. Temos propostas, temos ilusión para o cambio e contamos con vós para un Ferrol que merece outra oportunidade.
Saúdos!