Encuentro con Carlos Callón
El número uno del BNG por la provincia de A Coruña al Congreso respondió este miércoles a las preguntas de los lectores
Bo día. Comezamos co encontro. Vou procurar responder a todas as preguntas. De antemán, moitas grazas a todas e todos por participardes! ;)
Os que dicían que a principal prioridade era botar ao PP non o botaron e os que querían derrogar as leis do PP tampouco o fixeron. Que pasou nesta lexislatura? Que fará o BNG?
Eu tamén me pregunto por que as autodenominadas "forzas do cambio" non aproveitaron estes meses de lexislatura para derrogar leis que a cidadanía rexeita: Lei Mordaza, Lei Wert, reformas laborais... Deberían explicar por que foi máis importante pelexar polos cargos e dar roldas de prensa diarias que pórse de acordo en derrogar estas leis antipersoas.
Que vou facer se son deputado? Propor e sumar para suprimir todas estas normas que van contra a maioría social.
Por que di que o BNG é quen mellor defende os intereses de Galicia?
O BNG é o único que garante cambio e que garante a defensa dos intereses das galegas e dos galegos.
Vouno formular cun exemplo. Que pasa se algún candidat@ galeg@ das forzas estatais quere presentar unha iniciativa a favor do sector naval de Ferrol, p. ex., e os seus compañeiros de Cádiz din que non porque compite cos seus estaleiros? A resposta é fácil porque este caso xa pasou. Simplemente, non se presenta a iniciativa. O BNG non ten que pedir permiso a ninguén, porque a nosa prioridade é traballar para mellorar a vida das galegas e dos galegos.
Porque eu, votante nacionalista, teño que coller o voto do BNG e non a de En Marea-Podemos?
O voto é unha decisión persoal, obviamente. Vou dar só un argumento. Se eu son deputado, nunca vou votar en contra dos intereses de Galiza e nunca terei que pedir permiso a Pablo Iglesias para presentar iniciativas a favor do noso país. Pásmome cando desde EnMarea-Podemos din que nunca se fixo tanto por Galiza no Congreso como neste fiasco de lexislatura. Vaia soberbia!
Nestes días prometen unha banca pública galega, un financiamento galego, a transferencia da AP9... Nada diso está no seu programa-catálogo, pero parece que lles gusta a máxima de "dá titulares que algo queda".
O BNG é garantía de cambio e non vende titulares, traballa polo país, demostrouno durante vinte anos no Congreso. Esa é a razón pola que te animo a coller a papeleta do BNG.
Hola Carlos,
Como galeguista que son, síntome decepcionado polo BNG, un partido que sempre defendeu o noso país pero que últimamente por "egos" negase a sumarse a unha alianza de forzas políticas que representen a Galicia no congreso. A excusa planteada é porque polo mero feito de confluír con partidos estatais, estos non defenderan tan ben os nosos dereitos e intereses. Ante un resultado que se vaticina desastroso para o seu partido: non é hora de reflexionar e dunha vez por todas ceder e construír un proxecto común para que a nosa nación teña a máxima representación posible en Madrid e incluso para ganar o goberno galego no outono?
Non nos movemos por oportunismo electoral, senón polos intereses d@s galeg@s.
O BNG sempre está disposto a sumar, pero a favor da xente deste país. Pensamos que merecen algo máis que converter Galiza nun graneiro de votos para as forzas políticas estatais. Nada hai máis vello en político que iso.
E, si, o noso obxectivo é retirar a Rajoy e, dentro de tres meses, a Feijóo.
Por favor, acláreme iso do cupo, ou concerto económico. En que consiste? Pode demostrarme, que é beneficioso para Galicia?
O actual sistema de financiamento fíxonos perder 8.500 millóns de euros desde que entrou en vigor en 2009. Imaxina o que poderiamos facer con estes recursos na sanidade, no ensino, nos servizos sociais, para xerar emprego.
O BNG é o único que propón un sistema de financiamento xusto para Galiza, que ademais inclúe a posibilidade de recadar todos os nosos impostos e unha banca pública para xestionar todos os nosos aforros. 14.000 millóns de euros do aforro galego vanse fóra mentres aquí as nosas empresas e as nosas familias súan tinta para conseguir crédito. O BNG quere mudar isto cun novo modelo.
Dícese moito que os referentes do BNG son os mesmos desde hai 30 anos. Qué andabas a facer tí hai 30 anos? Non lle preguntarei isto a Noa Presas ou Olalla Rodil por motivos evidentes
Ola. Hai 30 anos estaba terminando 2º de primaria :)
Eu non son, nin nunca fun, dirixente do BNG, pero penso que as persoas poden contribuír a un proxecto político ao longo da súa vida desde diferentes responsabilidades.
Fóra do agro, gandeiría, pesca, etc que propostas ten o bng?
Ufff... Difícil condensar. Convídote a ler o noso programa, pero vouche dar un par de exemplos: derrogación das reformas laborais, incremento do SMI, reverter todas as privatizacións da sanidade pública, suprimir os repagamentos sanitarios, que os que máis teñen paguen máis impostos -suprimir a estafa legalizada das SICAV, IVE súper reducido para produtos de primeira necesidade, persecución da fraude fiscal-, plena oficialidade do galego na Administración Xeral do Estado, tarifa eléctrica galega, estatuto das vítimas de feminicidio, transferencia da AP9, dación en pagamento, prohibición de desafiuzamentos sen alternativa, saneamento das rías... En fin, un saúdo grande!
Cre que Galicia é un "cero a esquerda" no resto da política española?
É evidente que se os nosos representantes políticos se limitan a dicir "si, bwana" ás cúpulas madrileñas Galiza perde peso político e desaparece da axenda do Estado. Non lle pasa a Euskadi nin a Cataluña porque teñen representación propia, de país, nacionalista. Iso é o que garante o BNG.
No debate de onte o representante de En Marea insistía moito en que as iniciativas que propuñas eles as trasladaran ao Congreso. Tes a sensación de que vós facedes o traballo e outros levan os méritos?
Vou pór un só exemplo. Ningún representante nin de EnMareaPodemos nin de ningunha outra forza política estatal defendeu no Congreso o texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego reclamando a transferencia da AP9. A propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dirixiuse expresamente por carta a Feijóo e aos representantes elixidos por Galiza para que presentasen esa iniciativa. Nin PP, nin PSOE, nin EnMareaPodemos moveron un dedo e tiveron cinco meses para facelo. Nos platós de TV pódese dicir calquera cousa, pero...
Eu estiven na organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, e teño a impresión de que moitos integrantes da formación son bastante radicais, pola experiencia e o trato que tiven con eles, ademais de prepotentes e egoístas. Sei que non é bo xeneralizar, polo que non toda a xente que conforma Galiza Nova, e polo tanto, o futuro do Bloque, é así; pero a sociedade crea impresións para facilitar a vida e a adaptación ao contexto, e xeneralizar a partir dun trato desagradable é moi sinxelo. Por iso, Carlos, gustaríame coñecer a túa opinión ao respecto. Pensas que sendo máis abertos, non tan teimudos, o futuro do Bloque, e do nacionalismo galego, tería máis aceptación ou acollida? Moitísimas grazas.
Ola. Eu fun militante de Galiza Nova (agora non, claro, que xa me pasaron para o clube dos maiores xD). Eu, francamente, no único que son teimudo é en dar a vara para que a xente deste país, tamén a súa xente moza, teña oportunidades de desenvolverse profesional e persoalmente e de ser feliz. Como dicía Einstein, é máis difícil rachar un tópico que o núcleo dun átomo. Non nos deixemos levar polos tópicos! ;)
Que opina do escándalo de Fernández Díaz, a oficina "antifraude" e certo grupo mediático para criminalizar o proceso de independencia de Cataluña?
Nestes casos é onde se ve que ao status quo o voto que lles doe é o voto nacionalista, o voto que representa un proxecto político como o do BNG. Unha razón extra para coller a papeleta do BNG o 26X.
Escribe aquí tu pregunta #preguntacallon
Cales serán as condicións que porá o BNG se depende del a formación dun goberno ?
Sen maiorías absolutas, un deputado ou dous pode ser clave para formar o futuro goberno. Eu penso que ese deputado non ten por que ser catalán, vasco... Pode ser Carlos Callón :) E non vou dar un cheque en branco nin a Sánchez nin a Iglesias.
Cuestións básicas? Financiamento xusto para Galiza, tarifa eléctrica galega, transferencia da AP9, derrogación das reformas laborais, garantía dos servizos públicos.
Dígame algunha medida económica concreta que propoñan para Galiza
Permíteme que che diga dúas. Primeira, un sistema de financiamento que non nos faga perder 8.500 millóns de euros. Segunda, tarifa eléctrica galega, que lle permitiría ás empresas e ás familias aforrar un 30% na factura da luz. Alcoa quedaríase sen escusa para a deslocalización e 180.000 familias que padecen pobreza enerxética, nun país que é a primeira potencia eléctrica do Estado, poderían prender a calefacción no inverno.
Pode explicarme que importancia ten un deputado do BNG, nun Congreso de 350?
Dígoo con sinceridade. É máis útil unha deputada ou un deputado coas mans libres, que teña como único referente @s galeg@s, que 23 que dependan das ordes que lle dean Rajoy, Sánchez ou Iglesias.
Defendedes que se faga a transferencia do tren? E cal serían as vosas ideas para xestionalo? O mesmo tempo que faríades cos tres aeroportos galegos?
Os aeroportos non poden competir, teñen que coordinarse. Porque, se non, quen gañan son Porto, Barcelona e Madrid.
Pensamos que as infraestruturas as temos que xestionar desde aquí e pensando nas nosas necesidades. Non é razoábel, por exemplo, é que sexa máis rápido ir en bicicleta desde Ferrol á Coruña que ir en tren. Precisamos un transporte ferroviario que articule o territorio, con horarios e tarifas acaídos aos salarios e ás necesidades da xente deste país.
Quero saber se levarás ao Congreso a reclamación de poñer prezos xustos para o leite galego. Están a esmagar a ganadería e é do que moitos vivimos. Temos os precios máis baixos de España. Confío en que así o faga. Un abrazo e ánimo.
No Congreso sempre defendemos uns prezos xustos para os nosos produtores de leite, que a día de hoxe son os que reciben o peor prezo de todo o Estado. Como moitos outros problemas, é unha cuestión de vontade política resolvelo. Pero xa sabemos que Mariano Rajoy se emociona nun campo de alcachofas e coloca a moqueta azul cando visita unha corte para que quede bonito nos telexornais. Dúas medidas concretas? Contratos de referencia que garantan o prezo xusto do leite e sancións para as distribuidoras que utilicen o leite como produto reclamo.
¿Que pensa facer O Bloque pola despoblación que tanto afecta as provincias de Ourense e Lugo? Moitas grazas
Galiza ten un problema moi grave de envellecemento da poboación (dos máis altos do mundo), que evidentemente non se soluciona con cen euros ao mes para cueiros durante un ano, que é a medida estrela do señor Feijóo.
Propostas? Primeiro, apoio á economía real para xerar emprego -orzamentos públicos expansivos, como Alemaña ou os Estados Unidos-, servizos públicos que garantan a conciliación laboral e familiar, garantías de que ningunha muller vai perder o seu traballo por quedar embarazada. A clave está no traballo. Sen emprego é moi difícil un proxecto vital que pase por ter fill@s.
Trasladará o BNG ao Congreso a necesidade de regular os precios do leite, porque somos os que mais producimos e os que mais baratos vendemos. Gracias.
Acabamos de respondela noutra pregunta. Grazas!
Por que quere o Bloque unha tarifa eléctrica galega?
Respondín noutra pregunta. Un saúdo!
No programa de onte en VíaV dixeches que de obter representación no Congreso apoiarías un goberno de cambio smpre que Galicia esté presente. Que condicións serían?
Respondín noutra pregunta. Moitas grazas!
Que prezos deberían ter as matriculas anuais das universidades galegas baixo o criterio do BNG
Hai que garantir que ningunha moza ou ningún mozo deixe de acceder aos estudos por falta de recursos económicos. As universidades galegas teñen un grave problema de financiamento, pero non se pode solucionar subindo as matrículas precisamente nun momento en que hai moitas familias que o están a pasar mal.
Moitas grazas a tod@s. Moito ánimo e que ninguén fique na casa o 26X! Unha aperta!