Encuentro con Carlos Callón
El cabeza de lista al Congreso de Nós-Candidatura Galega por A Coruña respondió el lunes 7 de diciembre a las 17.00 horas a las preguntas de los lectores
Inicio del encuentro
Moi boa tarde. É o primeiro chat nun medio de comunicación e estou encantado de aproveitar esta oportunidade que me dá La Voz de Galicia.
Teño que seguir a súa campaña polas redes sociais, e a verdade é que me está ilusionando bastante. Por que non sae vostede neses programas da televisión tan de moda? Non quere ir ou non o chaman? Sorte!
Tentamos facer unha campaña diferente para poder achegar as nosas propostas.
Non é tanto non ir, senón que non me convicaron. O problema non é tanto ir a ese tipo de programas de entretemento como ir para non contar nada e estar instaladas/os na anécdota e na frivolidade permanente: o baile da yenka, subir en globo, cantar unha nana... En fin e, mentres tanto, que solucións hai para os problemas reais da xente? Cales son as propostas?
Nós tentamos utilizar unha linguaxe diferente e tamén dar propostas.
Ademais, somos a única opción que trata os problemas galegos, tanto nas cámaras de televisión como nas cámaras lexislativas.
Teño un fillo de tres anos que fala galego. Quero un futuro para el onde o seu país prospere e onde se poida desenvolver en condicións. Penso que a súa candidatura é a única que vai defendernos como pobo. É moi importante a ilusión para conseguir os obxectivos? Vostede sempre sorrí e parece que dá seguridade... Conseguiremos o obxectivo?
Estou convencido de que si, porque hai moitos miles de galegas e galegos que queren que Galiza continúe a ter voz no Congreso, como a tivo co BNG nos últimos vinte anos. Por algo aos deputados e ás deputadas do BNG os chaman "los gallegos" e "las gallegas", malia a haber máis de vinte elixidos por Galiza.
Podes estar segura de que, como deputado, defenderei incansabelmente a igualdade de dereitos para o noso idioma e para o teu fillo.
Nun video electoral saía falando cunha cabeza de porco, non cree que nos días que corren é inapropiado na promoción do respeto aos animais?
A verdade é que se trataba dunha proposta diferente para dicir que Galiza ten que estar e utilizamos, en lugar da caveira de Hamlet, un elemento moi propio da nosa gastronomía.
En todo o caso, o nacionalismo galego ten demostrado pola vía dos feitos o seu total compromiso contra o maltrato animal, que é de todo inaceptábel. Levamos varias propostas nese sentido no noso programa, como a prohibición das touradas.
Teño cabida en Nós?
-Teño profundas convicciós de esquerda
-Defendo o autogoberno, pero non a independencia
-Penso que o bilingüismo é enriquecedor( o real, non o de agora, co galego en claro retroceso e indefensión) )
-Amo a cultura galega, porque é a que mamei, pero non teño un profundo sentimento patriotico.Nin galego, nin moito menos español. Teño sangue de mil sitios. Tamén española
Probablemente, Nós sexa a mellor ferramenta que temos os galegos e as galegas para que se nos escoite en Madrid, pero teño eu cabida en Nós? Grazas
Por suposto. NÓS é a candidatura de todas as persoas que aman o país e que queren unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Imos defender os intereses deste país nos cales tamén se inclúen servizos públicos de cualidade, pensións dignas para as persoas maiores, dereito á vivenda, traballos que nos permitan como mínimo chegar a fin de mes... Grazas ao PP estamos a descubrir que se pode traballar e ser pobre! Imos pelexar para que isto mude.
Levo catro anos no paro. Sei que o meu problema no e tan grande como a da leite ou a pesca. Preocupame moito o futuro da miña filla que non sei como vou facer cando vaia a universidade. Cañ e a tua solucion fronte a paro? Moitas grazas. Estiven vendote en Naron e gustoume moito aa solucions que deches a outros problemas
Primeiro, pór os orzamentos públicos para reactivar a economía, como fan Alemaña, os Estados Unidos, Francia... Non estamos a pedir ningún imposíbel. Isto permitiríanos contratar médicas, asistentas sociais, profesoras, etc.
Segunda, loitar contra a fraude. As inspectoras de Facenda sinalan que, se o Estado español de verdade loitase contra a fraude, poderiamos recadar 10.000 millóns de euros máis ao ano. Estamos cunha taxa de fraude 10 puntos máis alta que a media da UE.
Terceira, é necesaria unha fiscalidade progresiva. Sabes que un pequeno comercio pode pagar moito máis que as grandes fortunas, que usan as SICAV como mecanismo de evasión legalizada?
Cuarta, e fundamental, unha Facenda Pública Galega, que nos permita recadar e decidir en que queremos gastar e investir os nosos recursos, de acordo coas nosas necesidades.
Estas medidas permitiríannos activar a economía e xerar emprego.
As mensaxes que chegan da vosa candidatura son moi loábeis (p.ex. fixacion poboación no rural, o cerco, o leite, etc.), mais semella ás veces que se deixa a poboación urbana de lado. Que lle ten que dicir Nós-Candidatura Galega a un mozo (que baila o reggaeton) dun bairro dunha cidade galega?
Eu tamén bailo reggaeton, aínda que con moita marxe de mellora.
Diríache que tes dereito a ter un traballo digno no teu país, se así o decides, que tes dereito a ter servizos públicos de cualidade; que os teus pais ou avós teñen dereito a ter pensión digna; que non é lóxico que unha moza ou un mozo galego cobren menos de salario que a media estatal; que tes dereito a vivir e falar en galego se che peta...
Non cres que o vídeo dos bicos sería rompemos noutros tempos e non hoxe en día?
Non pretendiamos ser rompedores, senón defender a diversidade e que todas e todos temos dereito a elixir a opción persoal que nos fagan máis felices. De todos os xeitos, o éxito do vídeo demostra que, en termos de igualdade, aínda resta moito por facer; igual que me aconteceu co artigo "Candidato marica", publicado en La Voz de Galicia.
Desde NÓS defendemos que existan políticas de plena igualdade de dereitos, calquera que sexa a opción sexual. Co PP houbo moi serios retrocesos, por exemplo a orde ministerial que impide o acceso á reprodución asistida para parellas de mulleres.
Ola, de que serve ter dous ou tres deputados nun Congreso de 350?#preguntacarloscallon
Nun contexto en que non vai haber maiorías absolutas, cada voto na cámara conta. Por tanto, as persoas elixidas por NÓS Candidatura Galega imos ser capaces de sacar adiante propostas que imos negociar con todos os grupos da cámara.
Ten en conta, ademais, que NÓS Candidatura Galega non vai ter ningún limite á hora de defender os intereses galegos, pois é a única opción que non está supeditada ao que marque a estratexia de grupos parlamentares estatais, chámense PP, PSOE, Ciudanos ou EnMareaPodemos.
De que te gustaría ser ministro
Non teño ningún interese en ser ministro do goberno do Estado. Ao que aspiro é a ser un deputado que vai dar a cara polos galegos e galegas e por unha política coherente de esquerdas.
Desde NÓS Candidatura Galega queremos coller o testemuño e estar á altura do traballo que fixeron os compañeiros e compañeiras do BNG que nos precederon no Congreso.
¿vai defender un tren rápido entre Coruña e Ferrol para cohesionar territorialmente as duas áreas metropolitanas e a mobilidade?
NÓS é continuadora do traballo do BNG, que xa foi insistente nesta cuestión. Queremos vertebrar todo o territorio e que estea ben comunicado por tren, cuns horarios e tarifas acaídas para as clases medias e traballadoras, estudantes, etc. Non pode ser que dúas das máis importantes cidades do país estean conectadas cun servizo decimonónico.
que opina de ésta campaña na que a ideoloxía importa tan pouco
É certo o que dis. As forzas que integran este pack de bipartidismo a catro están instaladas no márketing electoral, que lles di que os votos están na "centralidade". Por iso escoitamos dicirlles que non son "nin de dereitas nin de esquerdas", repetir palabras fetiche como "transversalidade"... En definitiva, navegar na indefinición.
NÓS Candidatura Galega defínese con claridade: somos nacionalistas e somos de esquerda. Queremos unha Galiza soberana que teña como protagonista a maioría social.
Estou dubidando en votar Nós Candidatura Galega ou En Marea, como me convencería para votarlle a vostedes?
Porque NÓS Candidatura Galega sempre vai escoller Galiza. Porque NÓS Candidatura Galega nunca se vai enfrontar ao dilema de defender o naval galego ou ter que mandar carga de traballo para outros territorios do Estado; nunca vai estar na disxuntiva de ter que apoiar os gandeiros galegos ou o sector agrario doutra parte do Estado... Nunca vai utilizar Galiza como moeda de cambio.
Ademais, somos unha forza consecuente de esquerdas. Non mudamos o noso programa a golpe de sondaxe. Por exemplo, defendemos a dación en pagamento con efecto retroactivo (basta de desafiuzar familias!); estamos polo ensino público con todas as consecuencias; loitamos contra os infrasalarios e os contratos lixo...
En definitiva, pido o teu voto porque NÓS Candidatura Galega nunca vai deixar tirada Galiza e porque defendemos un proxecto para a maioría social.
#preguntacarloscallon ¿En que sentido cambiaría la Constitución @noscgalega o qué cosas cambiaría?
O primeiro que quero é manifestar a miña sorpresa por ver na mesma festa de celebración da Constitución aos líderes do bipartidismo de antes e do bipartidismo de novo cuño, sen máis diferenza que a camisa duns e a garavata doutros.
A Constitución do 78 non é reformábel. Hai que comezar de cero e iniciar un proceso que constrúa unha democracia de cualidade: que recoñeza os dereitos nacionais (Galiza existe!) e garanta os dereitos das persoas (vivenda, traballo, sanidade, ensino...) que hoxe son absoluto papel mollado.
Eu teño 37 anos e ningún galego ou galega que teña menos de 55 anos puido participar nese proceso constituínte. En 1978 non caeu un texto sagrado do ceo, por moito que haxa quen pretenda facernos crer que son as Táboas da Lei. De feito, nin PP nin PSOE tiveron problema en reformar a "intocábel" Carta Magna para introducir un artigo a favor dos recortes e en contra das persoas.
Mais tampouco serve a fórmula lampedusiana de mudar algo para que todo siga igual. NÓS queremolo todo.
A quen vai apoiar Nós para presidente do estado? #preguntacarloscallon
Sabemos a quen non imos apoiar: nin á vella nin á nova dereita. Non queremos as mesmas políticas de recortes nin que Galiza siga a ser a última carta da baralla.
Pódoche asegurar que NÓS Candidatura Galega vai contribuír a un cambio de verdade, non a un cambiazo, e sempre tendo como requisito innegociábel os intereses de Galiza e das maiorías sociais.
Carlos, non cres que a xente pode pensar que Nós se quere apropiar de ser a única candidatura galega? #preguntacarloscallon
Dígoo con modestia, mais teño que ser claro: é que somos a única candidatura galega. E cando dicimos isto non nos referimos ao lugar de nacemento, non vai de se nacemos na Coruña ou en Ribeira, non vai de dar carnés de galeguidade, senón de pór os problemas do país na axenda estatal. E, francamente, os últimos vinte anos demostraron que só o BNG, do que agora collemos o relevo, foi a voz de Galiza en Madrid. Unha voz soberana, firme e sen ataduras.
Dimitirá vostede si non acada representación
Como sabes, son candidato porque fun escollido en primarias. Non ocupo ningún cargo orgánico, só son militante de base do BNG. Así que, francamente, como non dimita de min mesmo... E non o vou dimitir de min mesmo! :)
En todo caso, con todos os apoios que nos están a chegar, confío en poder coller o relevo da compañeira Rosana Pérez.
Fin del encuentro
Moitísimas grazar pola participación. Sinto moito que non me dese tempo a responder máis, porén podedes facerme chegar calquera pregunta, comentario, suxestión... a prensa@noscandidaturagalega.gal