Open uri20150704 3 1m86gse?1436006232

Anxo Quintana, senador del BNG por designación
autonómica, pronóstico un cambio de gobierno tras las
elecciones del 21 de octubre. Quintana abogó también por una
reforma del Senado para adaptarlo a la 'realidad
plurinacional' del Estado. No faltó quién, en los
Encuentros de lavozdegalicia.com, le recordó su gestión como
alcalde de Allariz.

1 Anxo Quintana 04/07/2015 12:37

Hola, bos días, estou á vosa disposición para contestaró mellor que sepa ás preguntas que formuledes.

2 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿os mitins eleitorais non debian ser sustituidos por debates directos dos candidatos con preguntas dos cidadans?

Anxo Quintana:

A mín parece-me que os debates serian un mecanismo de clarificación eleitoral interesante e moi necesário. De feito, o BNG acode a todo canto debate se nos convida e pensamos que nesta campaña eleitoral falta un debate fundamental entre os candidatos á presidéncia que non se dá pola negativa do PP. Tamén penso que iso non debería evitar os mítins que non deixan de ser unha posiiblidade tamén de exposición do programa politico que cada un defende.

3 Anónimo 04/07/2015 12:37

Cales pensan que foron as claves para o coñecido "milagre de Allariz"?

Anxo Quintana:

Non existe milagre Allariz. En Allariz o que se fixo foi aplicar un proxecto político e un programa municipal nunhas condicións sociais e políticas óptimas. Os resultados están á vista. Pero o BNG se compromete a facer o mesmo que fixo en Allarix alí onde teñamos as mesmas situacións social e política que o propície.

4 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Realmente cren vostedes que a lingua galega desaparecerá, ou se converterá nun fósil, se non hai un cambio de goberno na Xunta?

Anxo Quintana:

A actuación política que ten levado adiante a Xunta de Galiza posibilitaria de continuar que a língua galega ficara reducida a unha cuestión meramente testemuñal. Contra eses intentos, sempre existiu unha tendéncia liderada polo nacionalismo galego que conseguiu que ese obxectivo non se chegase a efectivizar. Se a partir do dia 21, como todos esperamos, se produce un cámbio político, a enerxia que sempre houbo na necesidade en favor do noso idioma se trasladará tamén á acción de Governo. De non ser asi, cousa que non vai suceder, seguiremos desde a base social defendendo a nosa maior seña de identidade que é o noso idioma.

5 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿que estratexia levará a cabo o BNG en caso de que o PP perdese a maioria absoluta e o PSOE non votase a Beiras?

Anxo Quintana:

A dia de hoxe,a posibilidade de que o PP perda a maioria absoluta se consolida como a opción da maioria dos galegos. Existe unha maioria social a favor do cámbio que se vai reflexar nunha maioria eleitoral a favor dese cámbio. A perda da maioria absoluta do PP é un feito. Nesa perspectiva, o BNG e Beiras son a referéncia para dirixir e nuclear o novo Governo. Calquer outra opción colocaria a Galiza nun grao de inestabilidade prexudicial para todos os seus cidadáns e, polotanto, é unha hipótese que nós non barallamos.

6 Anónimo 04/07/2015 12:37

Como afectaria a galicia,si la mayoria se alcanzara a traves del voto de la emigracion??

Anxo Quintana:

Sempre que esa votación se produza con garantias democráticas, o valor dos votos da emigración non é maior nen menor do que os que se emitan no interior. Seria impensábel e inaceitábel que o resultado eleitoral do interior se modificase por manexos anti-democráticos dos votos do exterior. Nós pensamos que isto non vai suceder.

7 Anónimo 04/07/2015 12:37

Cales son os principais cámbios que o BNG, propugna para a modificación do senado?

Anxo Quintana:

A modificáción do Senado hai que entendé-la dentro dunha discusión serena, sensata e democrática sobre a formulación última que todos queremos para o Estado español. Nós pensamos que se debe aprofundar no que a Constitución define e chegar através desa profundización á configuración dun Estado plurinacional. Nese contexto, o Senado deberia cumprir a función de representación territorial dun Estado no que todos nos podamos sentir a gosto.

8 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Como sería o Parlamento Galego con Fraga na oposición?

Anxo Quintana:

O Parlamento galego con Fraga na oposición seria unha Cámara de representación de todos os galegos e ademais unha Cámara que representaria a vontade maioritária de cámbio que hoxe se reflexa na sociedade galega. Con Fraga e o PP na oposición, fariamos-lle un favor ao sistema democrático, cumprindo-se un dos princípios básicos deste, cal é o da alternáncia no poder. E ademais, posibilitariamos que o PP resolvese os seus problemas internos sen necesidade de afectar ao Governo que é de todos os galegos.

9 Anónimo 04/07/2015 12:37

Hola Quin, bos días. A miña pregunta é: ¿Ten Vde. pensado retornar á vida politica autonómica, ou pola contra, "mola" estar en Madrid? Gracias

Anxo Quintana:

Eu nunca me fun da política galega. O BNG está nas Cámaras de representación estatal para defender o seu proxecto político, que só se circunscribe a Galiza e para defender dende a nosa perspectiva os intereses do noso país. Por outro lado, estar en Madrid se vai levando con paciéncia e resignación.

10 Anónimo 04/07/2015 12:37

Como y cuando los gallegos de Cuba podran votar, si aun no han llegado nuestras voletas ?, se olvidaron acaso de nosotros?

Anxo Quintana:

O BNG ten denunciado en numerosas ocasións as disfuncións e irregularidades que se producen na xestión do censo de residentes ausentes. O que manifesta a pergunta pon outra vez enriba da mesa as deficiéncias que nós tantas veces denunciámos.

11 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Cómo pudeches facer op que fixeches en Allariz sen apenas cartos?

Anxo Quintana:

As ideas en política parten fundamentalmente do corazón e da cabeza, e non da billeteira. Di un vello refrán que un burro con albardas cheas de cartos non deixa de ser un burro. Seria importante que se instalase na administración a idea de que o diñeiro público debe ser administrado correctamente, apartando dunha vez por todas o derroche e a vulgaridade como método de actuación guvernamental. O BNG está seguro de que apartir do dia 21, co novo Governo, se poderán facer cos mesmos orzamentos moitísimas máis cousas, con máis sensibilidade, e, sobre todo, que sirvan para mellorar o nível de vida do conxunto da povoación.

12 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Por que o Parlamento elude o debate sobre as cuestións verdadeiramente substanciais: a universidade, a inmigración, a sanidade pública, o futuro da lingua, o ensino, a ordenación do territorio...?

Anxo Quintana:

A maioria absoluta do PP ten convertido a cámara autonómica nunha cámara falta de contido e na que se evita discutir sobre as cuestións autenticamente trascendentes para o país. Dai a importáncia dunha rexeración democrática que unha nova maioria no Parlamento intentará pór en prática.

13 Anónimo 04/07/2015 12:37

Sr, Quintana, ¿ Se non se cumpren as expectativas electorais, sería preciso replantearse un cambio de lider?

Anxo Quintana:

O BNG, tradicionalmente, ten non só cuberto as suas espectativas eleitorais, senón que os resultaods sempre superan as previsións, asi pasamos dun deputado a ter agora 18 e estar ás portas de ser governo apartir do dia 21. Por outro lado, o non cumprimento das espectativas eleitorais do PP non só vai significar para eles un cámbio de líder, senón unha auténtica guerra de sucesión que nós esperamos a realicen fóra do campo de batalla do Governo e nas prácidas mesetas da oposición.

14 Anónimo 04/07/2015 12:37

Fálase da sucesión de Fraga, pero ¿como leva vostede iso de sinaláreno como sucesor de Beiras?

Anxo Quintana:

Só pode falar de sucesión aquel que de verdade ten o problema ou aquel que entende a política dende unha perspectiva xerárquica. Nós non estamos en nengunha desas situacións. O problema da sucesión é un problema do PP e que, por certo, leva con bastante dificuldade.

15 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Cree vostede que podense facer cambios como os do BNG en Allariz a nivel rexional ou só se pode dar en concellos pequenos?, graciñas, Alejandro dende Etiopía.

Anxo Quintana:

Cada ámbito institucional ten as suas peculiaridades, pero hai algo que pode ser xeral para calquer ámbito de actuación, e isto é posuír un proxecto político, ter ilusión para executá-lo e as persoas adecuadas para levá-lo adiante. Iso que se deu en Allariz está hoxe o BNG en condicións de facé-lo alí onde teñamos oportunidade. Esperamos o apoio da maioria do povo galego para poder-nos pór mao á obra.

16 Anónimo 04/07/2015 12:37

Non se deturpa a vontade do pobo cando vostede non foi elixido senador polos ourensans e despois o BNG o mete a dedo nesa cámara en representación de todolos galegos

Anxo Quintana:

Eu non me apresentei a senador, senón nas listas do BNG ao Congreso dos Deputados, e non acadamos representación en Ourense por tan só 2.000 votos, despois de obter o apoio de 38.000 cidadáns da província. O Senado, segundo a Constitución, se conforma de senadores eleitos no proceso eleitoral e por senadores designados pola comunidade autónoma. Eu fun designado polo Parlamento galego a proposta do BNG para cubrir esa parte de representación. Está vosté contra a Constitución española?

17 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Que partido votarán o domingo os herdeiros do galeguismo histórico, europeístas e máis preocupados pola lingua, a literatura e a historia de Galicia que pola autodeterminación?

Anxo Quintana:

O galeguismo histórico entre outras características profesou unha fe evidente na constitución de formacións políticas próprias do país. A formación política própria do país por exceléncia que se apresenta a estas eleicións é o Bloque Nacionalista Galego. Para mín, a elección é evidente.

18 Anónimo 04/07/2015 12:37

Personalmente detesto cualquier nacionalismo y bandera,sea española,gallega o japonesa.A pesar de ello voy a votarles porque os prefiero antes que Fraga¿cree que obtendrán votos no por su ideología,sino por oposicion a Fraga?Suerte.

Anxo Quintana:

Moitas grácias polo seu apoio, que se unirá á de moitos galegos e galegas que aspiran a un cámbio político neste país. O BNG dirixe a sua mensaxe absolutamente a todos os galegos e non só a aqueles que pensen exactamente como pensamos nós. Existen moitos e bons demócratas en Galiza que noutras ocasións teñen optado por outras forzas políticas e que hoxe se dan conta de que o primordial no noso país é provocar un cámbio esperanzador e que ese cámbio está persoalizado no BNG. Por iso, o BNG vai conseguir o seu obxectivo eleitoral o próximo dia 21.

19 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Cómo explica o seu fracaso para ir nas listas do BNG en Ourense e dar o paso cara a sucesión de Beiras? ¿Quén lle parou os pes, a UPG ou Esquerda Nacionalista?

Anxo Quintana:

Nunca tiven ambición persoal de ir en nengunha candidatura, nen na das autonómicas nen noutras. No BNG o proceso de elaboración das candidaturas foi un exemplo de discusión democrática e responsabilidade política. E as candidaturas que finalmente se conformaron contaron co apoio maioritário e case unánime dos compañeiros e compañeiras do BNG. Entre eles, atopo-me eu, que considero as candidaturas do BNG as mellores que o BNG poderia apresentar.

20 Anónimo 04/07/2015 12:37

Qué opina das propostas electorais de última hora de Fraga?

Anxo Quintana:

Un presidente con doce anos de exercício no poder debia estar agora en disposición de poder apresentar un proxecto político rematado. Cando en vez diso, ten que recorrer a pombas sacadas da chisteira a última hora, evidéncia o seu fracaso e anúncia a sua derrota eleitoral.

21 Anónimo 04/07/2015 12:37

Por favor, unha razón para que os xóvenes acudan a votar o día 21

Anxo Quintana:

Non vale dicer que todos os políticos son iguais e que governe quen governe todo vai ser o mesmo. Dos outros xa saben como governa. Ao Bloque Nacionalista Galego teñen que conceder-lle cando menos o benefício da dúvida porque nunca tivemos esa oportunidade. Den-nos esa oportunidade. Permitan-nos demostrar que somos capaces de facer no Governo o que defendemos na oposición. E se resulta que asi non o facemos, dentro de catro anos terán a oportunidade de retirar-nos a confianza. Todo menos apontar-nos ao fatalismo, ficar na casa significa aceitar de verdade que as cousas sigan iguais.

22 Anónimo 04/07/2015 12:37

Olá, que opina da situación na que se encontra o património galego e cales son as prostas do bng?

Anxo Quintana:

As políticas de ordenación do território e de xestión urbanísticas levadas adiante polo PP teñen provocado un grave deterioro do património histórico e artístico galego. Non se pode falar do famoso feísmo como se for un mal meteorolóxico que nos vén caído do ceo. A destrución do património ten responsábeis políticos con nomes e apelidos. É necesário a posta en marcha dunha política urbanística que contemple o património histórico-artístico e polo tanto a sua conservación e valorización como eixes básicos de desenvolvimento. O BNG ten demostrado alí onde governa especial sensibilidade con estes temas e esperamos apartir do dia 21 exercitar a mesma política desde a Xunta de Galiza.

23 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿ pensa que unha abstencion importante perxudicarialle o BNG?

Anxo Quintana:

Existe hoxe na sociedade galega unha maioria social que considera necesário un cámbio político. Temos que conseguir que esa maioria social converta-se en maioria eleitoral o próximo dia 21. Non seria normal que aqueles que non están de acordo coa actual estado de cousas non utilizaran o seu direito a voto para modificar a situación. Nós esperamos que ninguén con arelas de cámbio se quede na casa e esperamos que todos os que asi pensan dean o paso e apoien ao BNG.

24 Anónimo 04/07/2015 12:37

vamos poder ter internet no rural

Anxo Quintana:

Resulta chocante que o PP mentres se lle enche a boca de falar das novas tecnoloxias non relata a realidade que o país pon diante dos ollos: boa parte do território nen sequer ten a infraestrutura necesária para poder acceder a esas novas tecnoloxias. Fraga, que no seu afán de inaugurar até inaugura os telefones, non di que boa parte da rede telefónica colocada no rural nos últimos tempos non é apta para a utilización das novas tecnoloxias. Pode-se entender maior falta de perspectiva de futuro nun governo?

25 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿No cree que el nacionalismo está obsoleto y que ahora todos debemos mirar hacia un marco global más que hacia nuestras propias fronteras?.

Anxo Quintana:

O único xeito de participar na era global é aportando algo á cultura universal. Os galegos temos a posibilidade de facer esa aportación e nós entendemos o nacionalismo como a afirmación do próprio coa vontade de participar no universal. Aqueles que obnubilados pola globalización renegan de si mesmos nen son universais nen son galegos nen son nada. Nós nunca cairemos nese erro.

26 Anónimo 04/07/2015 12:37

como ve unha sociedade tan dicotómica na q os vellos e os xoves teñen tendencias políticas aparentemente tan opostas,

Anxo Quintana:

Só aparentemente tan opostas. O BNG hoxe en dia vota-no xentes de todas as idades e condicións. O feito de que entre a xente nova e de mediana idade o BNG teña unha porcentaxe de votos ainda superior enche-nos de satisfacción e confirma que o cámbio en Galiza é casi unha lei natural imposíbel de parar.

27 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Cómo se define ideológicamente? A parte de nacionalista, claro

Anxo Quintana:

Eu sempre me inscribín como nacionalista e progresista. Pode-se dicer na fraseoloxia tradicional de esquerdas. Pero dende logo o centro ideolóxico da miña formación é o campo nacionalista onde a miña perspectiva se atopa as mellores análises sobre o pasado, o presente e o futuro do noso país.

28 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿que se pode facer ante a estratexia do PP de criminalizar o nacionalismo?

Anxo Quintana:

Sobre todo ter paciéncia. Nunca choveu que non escampara. Debemos ter moi claro que a estratéxia de criminalizar o nacionalismo é unha estratéxia profundamente anti-democrática que ten como intención rematar co pluralismo existente na sociedade. Na medida en que actuemos con firmeza, con fortaleza ideolóxica e con intelixéncia, estaremos-lle facendo un favor non só ao nacionalismo, senón tamén á democrácia.

29 Anónimo 04/07/2015 12:37

Se o dia 21 o BNG obten mais de 20 escanos, e apesar de elo o PP obten a maioria absoluta, ¿non seria a hora de facer un proxecto sen pensar tanto no PSOE?

Anxo Quintana:

A obtención por parte do BNG de máis de vinte escanos leva aparellado inevitabelmente a perda de maioria absoluta por parte do PP. Esa é a hipótese eleitoral coa que o BNG está a traballar. Por outro lado, o BNG sempre definiu o seu proxecto político sen contar con nengunha outra forza política. Outra cousa é que se a maioria social polo cámbio é plural o lóxico será que o governo desa maioria social tamén sexa un governo plural.

30 Anónimo 04/07/2015 12:37

Galiza ou Galicia?

Anxo Quintana:

Por todas as razóns que tantas veces se teñen explicado, e que foron as mesmas que Castelao explicou no seu dia, nós pensamos que o termo correcto é Galiza. En calquera caso, isto nunca será un motivo de conflito institucional. Nós estamos acostumados a facer as cousas por convencimento, non por imposición.

31 Anónimo 04/07/2015 12:37

¿Unha quiniela para o domingo?

Anxo Quintana:

O BNG vai sacar un número de deputados e deputadas que se contarán cun número de duas cifras e a primeira cifra vai ser un dous. Na medida en que o Bloque Nacionalista Galego aumente un un por cento en cada circunscrición eleitoral, teremos cando menos un deputado/a máis por província. E a maioria absoluta do PP será história.

32 Anxo Quintana 04/07/2015 12:37

Moi agradecido a todos aqueles que dirixiron as suas perguntas neste encontro e animá-los a sumar-se a esta maioria social que persegue o cámbio en Galiza e que opta polo BNG como director dese cámbio.