Open uri20150703 3 l0jwiv?1435922917

El Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, ha
respondido las preguntas de los internautas.

1 Tomás Fernández-Couto 05/07/2015 13:04

Bo día a todos , é unha experiencia moi interesante que espero sea útil para avanzar no coñecemento do medio forestal de Galicia.

2 Anónimo 05/07/2015 13:04

Para cando a concentración de montes ?

Tomás Fernández-Couto:

A posta en marcha de agrupacións de propietarios forestais con validez xurídica para xestionar conxuntamente as súas propiedades, acadando explotacións forestais economicamente viables e ambiental e socialmente sostibles é unha prioridade dentro da política forestal deste Goberno. A concentración de montes pode ser un instrumento válido do proceso total, pero sen confundir o obxectivo final cos instrumentos necesarios para acadalo.

3 Anónimo 05/07/2015 13:04

Que características debe reunir unha árbore para ser autóctona?

Tomás Fernández-Couto:

Unha árbore autóctona é aquela que pertence a unha especie presente de forma natural nos ecosistemas forestais orixinais do noso territorio.

4 Anónimo 05/07/2015 13:04

¿Que ordes de axudas e en que prazos están previstas para o ano 2010?

Tomás Fernández-Couto:

Están xa tramitadas, polo procedemento anticipado de xestión, as ordes correspondentes ás accións de mellora selvícola e de restauración do potencial forestal danado polo ciclón Klaus. As ordes correspondentes á reforestación con frondosas e de terreos non agrícolas foron recentemente aprobadas con expedientes con axudas bianualizadas para os anos 2009-2010. No 2010 serán aprobadas novas ordes correspondentes a axudas bianaulizadas para os anos 2010 e 2011 xa que para as accións forestais é fundamental aproveitar as condicións de paro estacional correspondentes ao final de un ano e o comezo do seguinte.

5 Anónimo 05/07/2015 13:04

Cando van a pasar os traballadores fixos discontinuos do SPDIF a ser fixos de todo o ano

Tomás Fernández-Couto:

Os traballadores fixos discontinuos empezaron cun período anual de 6 meses, que nestes momentos foi ampliado a 9 meses. Non hai ningunha decisión ao respecto tomada a curto prazo, o que non significa que non poida no futuro, dado que o sistema de defensa contra incendios estase a avaliar de forma continua, para a súa adaptación ás necesidades de cada momento.

6 Anónimo 05/07/2015 13:04

Sendo utópicos, ¿sería posible algún día un sistema de xestión que non distinga a producción e xestión dos montes, do problema dos lumes?

Tomás Fernández-Couto:

Dentro da xestión forestal é necesario aplicar en cada momento as accións de defensa e prevención precisas, sendo clásicas as de prevención e defensa contra incendios forestais, e as de sanidade forestal. En cada momento o nivel de risco precisa un maior ou menor esforzo de actuación. O obxectivo de todos é que as accións de defensa contra incendios forestais requiran un ritmo decrecente no tempo, pero a realidade é a que marca as pautas.

7 Anónimo 05/07/2015 13:04

Buenos días Tomas. En la última campaña electoral se hicieron multiples promesas de plantar millones de arboles en toda España y con los resultados de las urnas se olvido el compromiso. Muchos de los que hemos estudiado ingenieria forestal nos haciamos ilusiones de encontrar trabajo y ahora vemos que no hayla más mínima oportunidad. ¿Crees que el nuevo gobierno de la Xunta emprenderá alguna acción al respecto y podremos encontrar trabajo?

Tomás Fernández-Couto:

Como ben sabes, os inventarios forestais realizados no territorio galego sistematicamente reflicten un incremento continuado de superficie forestal arborada para tódalas especies, de maneira especial as frondosas autóctonas. No próximo ano teremos os datos do 4º inventario forestal nacional, no que penso que este incremento continuará a verse reflectido nos datos. Por outra banda, sería ilusorio pensar que a actual crise non afectaría ao sector forestal. Ademais, Galicia conta cun sector forestal que poderíamos consideralo da orde do 50% do total español. Este Goberno é consciente desta realidade e estamos a traballar para que o sector siga a medrar. As medidas que proximamente poremos en marcha agardo que teñan un impacto positivo nas posibilidades que o sector ofrece aos profesionais.

8 Anónimo 05/07/2015 13:04

¿Por que no se regula el acceso al monte para los deportistas de motos y btt en vez de prohibir el acceso al mismo?, tenemos derecho a practicar nuestro deporte porque no hacemos daño a nadie ni al medio ambiente, todo lo contrario nos preocupamos por cuidarlo.

Tomás Fernández-Couto:

A realidade é que a Lei básica de Montes establece o regulamento básico para estas actividades, a partires de aí todas as actividades que teñan un impacto positivo para o monte e respecten os dereitos dos propietarios forestais serán contempladas nas sucesivas regulacións forestais.

9 Anónimo 05/07/2015 13:04

Se plantea obligar a hacer auditorias externas a las Comunidades de Montes. Todos sabemos que l funcionamiento de muchas Comunidades de Montes deja mucho por desear.

Tomás Fernández-Couto:

As comunidades de montes veciñais deben estar sometidas aos mesmos controis que o resto dos cidadáns, agrupacións ou organizacións. En si mesmas, non hai nada que faga pensar nun inaxeitado funcionamento sistemático de xeito que os controis correspondentes non teñen por que ser especialmente estritos.

10 Anónimo 05/07/2015 13:04

cuando sube la madera de precio

Tomás Fernández-Couto:

A actual crise orixinou unha importante redución de consumos de produtos procedentes da transformación da madeira, o que provocou unha diminución da demanda de madeira. Por outra banda, a irrupción no mercado dos máis de 30 millóns de metros cúbicos afectados polo Klaus en Francia incidiu de xeito negativo. O prezo da madeira, en gran medida, irá ligado á recuperación do consumo, de feito que nos últimos meses houbo un certo repunte debido á tendencia a unha certa recuperación do mercado internacional e europeo.

11 Anónimo 05/07/2015 13:04

La concentración parcelaria del monte, o / y la organización de la propiedad de forma que permitan explotar todos los recursos , fijar población y complementar otras rentas en el medio rural son acciones necesarias e imprescindibles, no se pueden dejar esperar más tiempo. ¿Cúal es su opinión?

Tomás Fernández-Couto:

Como xa indiquei nunha anterior resposta, consideramos unha prioridade por en marcha en Galicia explotacións forestais que deben ser economicamente viables e sostibles de xeito ambiental e social. A única forma de acadalas pasa en gran medida pola agrupación e xestión conxunta por parte dos propietarios ao través de figuras xurídicas societarias, de maneira que se podan acadar economías de escala. A concentración dos montes (con criterios claros forestais, non sempre coincidentes coas concentracións parcelarias tradicionais) constitúe unha ferramenta valiosa para conseguir unha adecuada seguridade xurídica nestas agrupacións, pero en si mesma non constitúe unha solución, se non forma parte dun proceso global de posta en marcha dunha explotación forestal conxunta.

12 Anónimo 05/07/2015 13:04

¿Como ve el futuro del espacio forestal y rural sin habitantes? ¿Como es el futuro con el territorio despoblado y abandonado?

Tomás Fernández-Couto:

Non o vexo. O territorio galego caracterizouse tradicionalmente por unha gran ocupación do espazo e unha importante presenza da actividade humana, que modelou as paisaxes e xerou ecosistemas antrópicos que precisan da presenza do home para a súa conservación. O noso obxectivo é potenciar o peso do sector forestal en Galicia como aproveitamento dun recurso endóxeno que permita aportar renda e viabilidade á poboación rural.

13 Anónimo 05/07/2015 13:04

La Xunta había anunciado la instalación de siete centrales térmicas de biomasa para generar electricidad ¿Por qué se aparcó ese pasó ese Plan?

Tomás Fernández-Couto:

Neste momento están en proceso de informe as solicitudes de centrais presentadas ao abeiro dese plan. Polo tanto, non só non está aparcado, senón que estamos a traballar no mesmo.

14 Anónimo 05/07/2015 13:04

Cando empezaran a sair axudas para tratamentos selvícolas

Tomás Fernández-Couto:

Está xa tramitándose, polo procedemento anticipado de gasto, a orde de axudas correspondente ao ano 2010, polo que en breve será publicada no DOG.

15 Anónimo 05/07/2015 13:04

¿Chegarán algunha vez a un pacto as forzas políticas deste país,para conseguir unha politica forestal a longo prazo?

Tomás Fernández-Couto:

A política forestal, por definición, e como ben se indica na pregunta, require longos prazos para a súa aplicación. Polo tanto, é dende todo punto desexable a maior concertación política á hora de fixar as normas e os instrumentos de dita política. No noso ánimo está a aplicación deste principio.

16 Anónimo 05/07/2015 13:04

¿parecelle bo para este país as politicas forestais contrapostas que se aplicaron os nosos montes nos ultimos anos?

Tomás Fernández-Couto:

En liña coa resposta anterior, é desexable evitar variacións nos obxectivos de política forestal. Polo tanto, procuraremos o maior consenso posible na consecución deste obxectivo.

17 Anónimo 05/07/2015 13:04

No le parece que los proyectos de ordenación de montes son en general malos, no se cumplen y que dejan de lado el pastoreo y la caza?

Tomás Fernández-Couto:

Os tremendos incendios forestais das décadas dos 70 e os 80 do pasado século afectaron en Galicia a decenas de miles de hectáreas de montes arborados con idades moi próximas ás de corta, privando aos propietarios deses montes da posiblidade de aproveitar a rendibilidade destas masas forestais. Por outra banda, cando vemos fotos do territorio galego en períodos anteriores a estes, desgraciadamente o que vemos son montes pelados e case sen vexetación arbórea. Nas últimas décadas, os incendios forestais continuaron a ser un importante problema para os nosos montes arborados. Malia todo isto, a superficie arborada de Galicia incrementouse de xeito importante, como reflicten os últimos inventarios forestais nacionais, e o impacto dos lumes forestais controlouse en gran medida a partires da década dos 90. Así, a falta de ordenación dos nosos montes empezou a ter importancia e nos últimos dez anos fíxose un importante esforzo de elaboración e aplicación de plans de ordenación forestal. Polo tanto, aínda que a nivel español existan montes con plans de ordenación forestal de case 200 anos de aplicación, en Galicia carecíamos de dita experiencia. Neste contexto, penso que a ordenación forestal en Galicia está desenvolvéndose de xeito adecuado, o sector está concienciado da súa necesidade, e a aplicación está mellorando de forma continuada.

18 Anónimo 05/07/2015 13:04

Que opina vostede da situación na que estan na actualidade o Persoal Laboral de Incendios da Xunta de Galicia Fixo Discontinuo que estan nestes momentos na casa cobrando o paro, mentres que Seaga e outras empresas son contratadas con cartos da Xunta de Galicia para desenvolver labores que poderian facer perfectamente estes traballadores. ¿Non e un gasto innecesario para administración en xeral ter este persoal na casa pagandolles o desemprego e contratar persoal por terceiras empresas?

Tomás Fernández-Couto:

Realmente temos que distinguir o que son os recursos de persoal propio da Xunta de Galicia e o que son os recursos de investimento, sexa ou non forestal. Polo tanto, son cuestións absolutamente diferenciadas os períodos de traballo do persoal laboral propio da Xunta e o que é a execución de investimentos forestais, sexan a través de empresas forestais ou de empresas públicas, como Seaga.

19 Anónimo 05/07/2015 13:04

Van seguir pantando O Courel de Piñeiros

Tomás Fernández-Couto:

No Courel, como no resto do territorio galego, existen masas forestais arboradas cuxos aproveitamentos complementan de xeito importante as rendas dos seus propietarios. Aquelas masas existentes de piñeiros están a ser xestionadas de acordo cos correspondentes plans de ordenación forestal que por suposto contemplan a reforestación dos tramos de corta e de aquelas superficies afectadas por incendios forestais. Por outra banda, creo que é importante lembrar aquí que as superficies arboradas afectadas por incendios forestais supoñen unha merma económica para os seus propietarios que en ningún caso penso que poidan estar relacionadas coa orixe destes incendios, sendo como é a actividade incendiaria considerada no noso ordenamento como unha actividade delictiva. Polo tanto, ditas accións non poden enmarcarse noutro contexto que non sexa o de absoluta normalidade. En todo caso, no Courel tamén se executan plantacións de frondosas, se melloran rexeneracións espontáneas de frondosas autóctonas, e se aplican plans de recuperación dos soutos tradicionais de castiñeiros.

20 Anónimo 05/07/2015 13:04

cando van a erradicar os eucaliptos

Tomás Fernández-Couto:

A erradicación dos eucaliptais de Galicia non é un obxectivo de política forestal. Os eucaliptais supoñen un importante recurso forestal para Galicia e unha importante fonte de recursos. O que si é un obxectivo de política forestal é mellorar a xestión das masas forestais, incluíndo as de eucalipto, mellorar as accións de loita contra pragas e enfermidades, coma no resto das especies, a súa substitución por outras especies no caso daquelas plantacións por riba dos 300 metros de altitude (dado que non é un medio adecuado para o Eucaliptus globulus), e o incremento paulatino da superficie de eucalipto adicado a produción de madeira de serra. O que non se contempla é un incremento da superficie adicada aos eucaliptais.

21 Anónimo 05/07/2015 13:04

Que opina das UXFOR?

Tomás Fernández-Couto:

As UXFOR constitúen unha fórmula de agrupación da propiedade forestal contemplada na Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais en Galicia. A súa natureza é administrativa e ten importantes ambigüedades no réxime xurídico aplicable á comercialización de producións e á fiscalidade, entre outras. Así como no eido da aplicación de políticas públicas de defensa contra incendios forestais teñen sentido, aínda que creo que determinados aspectos deben ser modificados, penso que unha figura xurídica de natureza administrativa, cun importante nivel de intervencionismo, non é a fórmula máis adecuada para propoñer aos propietarios forestais para que se agrupen e xestionen conxuntamente as súas propiedades, acadando explotacións economicamente viables.

22 Tomás Fernández-Couto 05/07/2015 13:04

Un saúdo a tódolos internautas presentes, especialmente a aqueles que aportaron cuestións do seu interese. Penso que esta é unha interesante fórmula de contacto e relación e lamento non poder contestar a máis preguntas, polas limitacións lóxicas de tempo. En todo caso, quero aproveitar para desexar a tódalas persoas relacionadas co sector forestal galego e a todos os galegos en xeral unhas felices festas.