Open uri20150703 3 j0je5i?1435955576

null

1 Xosé Regueira Varela 08/07/2015 22:36

Bo día. Un pracer estar aquí e grazas á Voz de Galicia por darme a oportunidade de chatear cos/coas seus/súas lectores e lectoras.

2 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿En que consiste o seu labor como deputado provincial?

Xosé Regueira Varela:

En trasladar ao ámbito provincial, ao pleno, todos os asuntos que sexan de interese da sociedade. Facemos un labor de fiscalización do goberno, de oposición, mais sempre intentando abrir debates sobre temas que afectan á sociedade.

3 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Cre realmente que existe algunha posibilidade de que as deputacións desaparezan?

4 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Como valora a xestión do goberno de Diego Calvo?

5 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Que tipo de iniciativas ten presentado na Deputación? ¿En que afectan a Carballo e á Costa da Morte?

Xosé Regueira Varela:

Na Deputación temos presentado todo tipo de iniciativas, todas as que presentamos afectan a Carballo e á Costa da Morte. Unhas veces temos éxito, outras veces non. Mais, consideramos que calquera asunto que ten interese social, a nivel xeral, tamén ten interese para a sociedade de Carballo e a Costa da Morte. Podería referirme a moitas.

6 Anónimo 08/07/2015 22:36

Vostede ten criticado en moitas ocasións a existencia das deputacións, pero forma parte dunha delas. ¿Como se entende iso?

Xosé Regueira Varela:

As forzas políticas temos que estar nos ámbitos que pon o sistema ao noso dispor para trasladar o noso modelo de sociedade. O BNG é unha forza que propón mudar o sistema mais ten que estar alí onde se poida expresar con claridade e expor as súas alternativas. Nós estamos na Deputación para pór de manifesto que hai alternativas máis eficientes, máis eficaces e máis democráticas para a articulación do territorio.

7 Anónimo 08/07/2015 22:36

Bos días Xosé. Os trasnos da Costa da Morte estamos tentando promocionar sen axudas de nengún tipo O Camiño dos Faros, unha ruta de senderismo de 200 km entre Malpica e Fisterra pola beira do mar, que creemos que pode atraer a moita xente a esta Costa da Morte. Primeiro o deseñamos e logo o fixemos dúas veces pra repasalo e definilo totalmente. Agora estámolo facendo con moita xente e está tendo moita repercusión. O coste do noso proxecto é de 0 euros e temos saído en bastantes medios de comunicación galegos e nacionais. Sen embargo, cando petamos nas portas dos concellos pra pedirlles ós técnicos de turismo que nos acompañen nas etapas polo seu concello, a maioría deles sempre teñen outras cousas máis importantes que facer. Vendo como se levan gastando nos últimos anos miles de euros en proxectos turísticos sen moito sentido nesta Costa da Morte, gustarianos saber cal é a túa opinión ó respecto. Un saudo e moitas gracias. Traski o trasno.

Xosé Regueira Varela:

Por desgraza, Traski, moitas veces os gobernos van por detrás da sociedade, ou sen escoitala. Eu creo que na Costa da Morte existe unha sociedade moi activa, con moi boas ideas e con grandes doses de voluntarismo e de cariño a este territorio, que moitas veces non atopa o apoio necesario para materializar os seus proxectos. Eu creo que tedes que seguir insistindo, e penso que co tempo seguramente se atoparan os apoios necesarios para que o proxecto que plantexades chegue a bo fin. Seguramente as administración leven gastado miles de euros en proxectos, que seguramente tamén eran necesarios, pero as persoas que estamos en política temos que aprender a escoitar mellor á sociedade. Agardo que aprendamos pronto e que vós non vos desanimedes mentres agardades.

8 Anónimo 08/07/2015 22:36

haber si fas algo de contrapeso porque o papel do alcalde e de lamas e clavadiño a de calquer concello do pp.Estades dando a razon a quen di que todos son iguais.So hai cartos para asfalto e actos da terceira edade.

9 Anónimo 08/07/2015 22:36

Onte presentábase a campaña Carballo a un paso, na que vostede ten moito que ver. ¿Non lle parece que a promoción turística debería ser conxunta na Costa da Morte e que a Deputación podería ser o ente axeitado para liderala?

Xosé Regueira Varela:

Nós cremos que para desenvolver o turismo con eficacia é necesario crear un ente xestor no que teña participación o sector e as administracións implicadas. En turismo o localismo é inútil. A campaña, Carballo a un paso leva o engadido de Costa da Morte, porque sabemos que a potencialidade de Carballo no mercado pasa polo territorio no que se atopa. Do mesmo xeito, sempre defendemos que a promoción turística debe facerse sempre dentro da marca Galicia, que é realmente a que nos fai estar con forza no mercado turístico internacional.

10 Anónimo 08/07/2015 22:36

O BNG xa estivo no goberno da Deputación. ¿Son as cousas distintas desde a oposición?

Xosé Regueira Varela:

Moi distintas. As forzas políticas somos distintas, defendemos distintas prioridades, temos conceptos diferentes do que debe ser a participación democrática, do que debe de ser a relación entre os partidos. As cousas variaron moito e eu creo que se nota.

11 Anónimo 08/07/2015 22:36

Coa crise que existe ¿Por que ten que haber asesores nasdeputacións, na xunta e mesmo nos concellos. ¿Quen controla iso? ¿Os partidos buscan saídas laborais aos politicos profesionais cando non gobernan?l

Xosé Regueira Varela:

Os asesores son necesarios, mais na súa xusta medida. O control sobre iso téñeno exclusivamente os gobernos. Hai gobernos que deciden ter poucos e hai gobernos que deciden ter moitos. A función dos asesores depende da idea de democracia que teñan os gobernos, nalgúns casos será como vostede dí, noutros casos é buscar as persoas co perfil axeitado para facer traballo de apoio ás iniciativas políticas que se plantexan. Nós cremos que o número de asesores debería estar regulado de algún xeito e que non dependera da decisión exclusiva dos gobernos.

12 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Como se pode compatibilizar o traballo nun concello e na Deputación. Tira un para casa cada vez que pode?

Xosé Regueira Varela:

Pois compatibilízase mal, sacándolle moito tempo á familia e ás cousas que a un lle gusta facer, pero non é unha excusa porque os que estamos en política é porque nos gusta a política. Sobre se tiramos para a casa, ao mellor inconscientemente facémolo, pero tratamos de que as nosas decisións sexan para o conxunto da sociedade. En todo caso, na deputación agora mesmo é moi difícil tirar para a casa. O que procuramos é que o goberno non se esqueza totalmente da nosa casa.

13 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Cal cre que ten que ser o papel das Deputacións?

Xosé Regueira Varela:

As deputacións son entes totalmente extemporaneos, son pouco eficientes e pouco eficaces. No seu momento foron concebidas para estruturar territorialmente un estado, para tentar centralizar un estado no que había realidades nacionales moi diferentes. Nun modelo como o actual, o autonómico, non teñen ningunha razón de ser, son simplesmente un gasto inútil de recursos públicos e unha forma de duplicar competencias.

14 Anónimo 08/07/2015 22:36

pensas como Evencio que Carballo é un bo lugar para vivir?

Xosé Regueira Varela:

Penso que Carballo é un concello que se está convertindo nunha referencia en Galiza, queda moito por facer pero si, comparto totalmente a opinión do meu alcalde. Poucos concellos poden presumir de dárlle tantos servizos e de tanta calidade aos seus veciños e veciñas, de manter no ámbito público uns servizos sociais tan importantes nos tempos que corren. Carballo está saneado económicamente, medran os servizos e sigue facendo gasto público, iso nestes momentos é un auténtico éxito. Só hai que mirar arredor e ver como están a maioría dos concellos.

15 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Canto cobra na Deputación? ¿ e no concello?

Xosé Regueira Varela:

Do concello non cobro, non teño adicación exclusiva. Na deputación cobro o salario de portavoz, que é igual para os tres grupos. O meu salario vén a ser o que cobran os meus compañeiros e compañeiras no concello de Carballo, logo da aportación que fago ao BNG. Porque claro, nas forzas políticas onde non existen sobres de aportacións de empresas, son os militantes e as militantes, e os cargos institucionais os que teñen que financiar os gastos e as campañas. O meu salario é de aproximadamente 2900 euros dos cales dono 650 cada mes ao BNG. Mais na deputación hai deputados, que non teñen adicación exclusiva, é dicir, salario, pero perciben arredor de 17.000 euros/ano en dietas que suman os seus salarios como alcaldes ou concelleiros nos concellos respectivos. Habería moito que falar sobre este tema, en todo caso, os nosos salarios apróbanse no pleno da deputación. Todo este tema debería estar regulado por lei, é o que vimos defendendo dende hai moitos anos.

16 Anónimo 08/07/2015 22:36

como valora o papel da oposición do PP en Carballo? Pensa que é coherente co que fan despois nos gobernos do estado, Xunta, Deputación e concellos veciños?

Xosé Regueira Varela:

Creo que o PP de Carballo e de moitos outros lugares non é coherente en absoluto co que defenden os seus compañeiros e compañeiras da Xunta e do Estado. É moi fácil votar unha cousa no concello para evitar confrontacións coa sociedade, mais non dicir nada cando os seus compañeiros que toman decisións votan todo o contrario. Por exemplo, o caso da estafa das preferentes e subordinadas. O PP apoia ás persoas estafadas nos concellos, na deputación e incluso, con matices, no Parlamento de Galicia, mais logo acepta sen reparos a quita que lles impoñen os seus compañeiros de Madrid. Eu reafírmome no que digo sempre, se algún día o BNG toma unha decisión coa que eu non estea de acordo, que cause tanta dor e tanto sufrimento a tanta xente, eu abandonarei a militancia por coherencia.

17 Anónimo 08/07/2015 22:36

como valora os seu dous anos como concelleiro en Carballo?

Xosé Regueira Varela:

Dende o cansanzo valóroo ben. É un labor moi difícil, mais levo aprendido moito nestes dous últimos anos. Unha cousa é a política e outra, moitas veces, é a xestión. Hai momentos moi malos, mais tamén hai momentos onde aprendes a valorar moito máis o que tes arredor.

18 Anónimo 08/07/2015 22:36

Ves diferencias entre o actual goberno da Deputación e o anterior? Hai debate político ou centrase en asfaltados e obras menores?

Xosé Regueira Varela:

No último pleno retiráronnos unha moción sobre a Lei do Aborto da orde do día. Parece que antes o pleno remataba en poucos minutos e agora alóngase máis do debido porque abrimos debates que non son de interese provincial. Debe ser que ás mulleres da provincia non lles preocupa decidir sobre o seu corpo, ou que os problemas da Reforma da Lei de Bases de Réxime Local non lles vai afectar ao noso concello, ou que a crise, as quitas ás persoas estafadas pola banca non teñen a ver coa sociedade desta provincia... Si, falamos moito, e falamos de moitas máis cousas que de asfaltados e obras menores, mais parece que queren evitar que o fagamos a partires de agora. Non o van conseguir.

19 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Cre realmente que existe algunha posibilidade de que as deputacións desaparezan?

Xosé Regueira Varela:

Nós loitamos todos os días por facer entender que é unha necesidade e unha urxencia mudar o modelo territorial. Confiamos en que pronto ese debate se produza e se tome a decisión. Hai non moito tempo, parecía que todas as forzas políticas concordaban en que as deputacións era un ente intermedio totalmente prescindíbel. Hoxe, o PP está tratando de reforzar o entramado provincial outorgándolle incluso competencias exclusivas da Xunta de Galicia. Insisto, as deputacións son unha administración opaca, os seus membros non son elixidos democráticamente, son pouco eficientes, consumen moitos recursos nos seus aparellos democráticos e duplican competencias. Non teñen sentido no actual modelo de estado.

20 Anónimo 08/07/2015 22:36

Para as persoas que non somos de Carballo, cales pensa que son os principais atractivos desa vila para achegarnos a ela, para vivir e para gozar )

21 Anónimo 08/07/2015 22:36

Trat por igual o goberno provincial a todos os concellos independentemente do color político dos gobernos minicipais?

22 Anónimo 08/07/2015 22:36

¿Como valora a xestión do goberno de Diego Calvo?

Xosé Regueira Varela:

Levamos anos escoitando todo tipo de promesas sobre comisións político-técnicas sobre todo tipo de cuestións, mais ao final nunca hai diálogo entre o goberno e a oposición. O goberno da deputación é un goberno do PP con maioría absoluta, todos sabemos como son eses gobernos.

23 Anónimo 08/07/2015 22:36

Como valoras que o deputado Centeno dea o seu apoio aos afectdos polas preferentes e logo siga militando nun partido, o PP, que en Madrid aproba as quitas e o roubo dos cartos dos aforradores?

Xosé Regueira Varela:

Penso que xa respostei a iso nunha pregunta anterior.

24 Anónimo 08/07/2015 22:36

Por que a Deputación asina tantos convenios coa Igrexa para arreglar adros e tellados de centros parroquiais? É ese o labor do goberno provincial?

Xosé Regueira Varela:

Non. Nós vimos criticando con dureza os moitos convenios que se veñen asinando coa igrexa pleno tras pleno. Nas subvencións a cultura, a igrexa ou entidades relacionadas coa igrexa recibiron o pasado ano o 40% dos fondos. Non é normal que mentres se lle está retallando investimento a todos os colectivos asociativos culturais da provincia á igrexa cada vez se lle concedan máis axudas e convenios. Nós entendemos que algún ben de interese patrimonial, e de forma xustificada polo interese provincial, podería ser subvencionado, mais esta fórmula non é de recibo.

25 Anónimo 08/07/2015 22:36

Por que invirte o goberno de Carballo nos colexios se non é competencia municipal ?

Xosé Regueira Varela:

O goberno de Carballo investiu nos seus colexios en 2011 moito máis diñeiro que a Xunta de Galicia en todos os da Costa da Morte. Defendemos o direito a un ensino público, de calidade, laico e democrático, por iso entendemos que é necesario cubrir as necesidades que outras administracións, aínda que teñan competencias, non cubren.

26 Xosé Regueira Varela 08/07/2015 22:33

Moitas grazas polas vosas preguntas, lamento non ter tempo para respostar todas as que chegaron, noutra ocasión será. Boa fin de semana a todas e todos.