Candidato del BNG en Santiago
Néstor Rego se presenta por segunda vez como cabeza
de cartel del BNG de Compostela. En los últimos cuatro
años formó parte del ejecutivo municipal bipartito que
formaron los nacionalistas y el PSdeG.
Moi bós días a todos os internautas. Estou encantado de poder estar hoxe aquí e ter a oportunidade de conversar sobre os asuntos que lle interesan á cidadanía de Compostela e sobre a propostas do BNG.
A Biblioteca Municipal en Xoan XXIII, ¿para cando?
A biblioteca de Xoan XXIII deberá estar en funcionamento no ano 2008. Eu, como alcalde, se esa é a responsabilidade que me otorgan os cidadáns, farei todo o posible para que os prazos se cumpran dado que pois vai con moitos anos de retraso sobre a previsión inicial como consecuencia da falta de compromiso efectivo na súa execución do governo central na etapa do Partido Popular.
¿Mudará o seu partido de opinión de desbloqueará o proxecto da Torre de Norman Foster para o Pedroso na vindeira lexislatura?
A verdade é que nos parece que é necesaria unha actuación que agrupe ó consunto das instalacións de telecomunicacións que existen no monte Pedroso e que ordenen os usos do monte ó tempo que posibiliten unha valorización do mesmo a partir dun maior uso recreativo. Polo tanto, estamos en condicións de retomar un proxecto nesa dirección. A crítica que o BNG fixo no seu día foi máis á xestión que o PSOE fixo deste asunto que ó proxecto en si mesmo, que sempre nos interesou.
O Concello de Santiago é o de maior presión fiscal de Galicia, ¿cal será a postura do BNG, manter, reducir ou incrementa-la presión fiscal na vindeira lexislatura? Grazas
O BNG non está por incrementar a presión fiscal, parécenos que en calquera caso o incremento dos ingresos municipais en relación cos tributos propios, debe ter máis que ver co aumento do universo de constribuíntes, que co aumento dos propios tributos. Queremos que Santiago teña máis actividade económica, que medre dende o punto de vista urbano, residencial e industrial, que medre tamén en poboación e que iso signifique máis recursos para o desenvolvemento dos proxectos que lle interesan á cidade. Non esquecemos a necesidade de xestionar o cambio dos criterios para a participación dos concellos de Galiza nos ingresos provintes do Estado.
O Concello de Santiago precisa un cambio de rumbo, ¿está preparado o BNG para gobernar co PPdG en coalición?
Concordo en que o concello de Santiago precisa un cambio de rumbo pero que debe vir xustamente porque o BNG asuma o liderazgo do governo municipal. Iso significaría priorizar as políticas sociais que lle interesan á cidadanía de Compostela na liña do compromiso que está a establecer o BNG coa sociedade: creación de postos de traballo, facilitar o acceso a unha vivenda de calidade e dotar ó conxunto do concello, tamén ós barrios e ás parroquias rurais, de máis e mellores servizos públicos; desde a educación á sanidade, atención á infancia, ás persoas maiores e dependentes, ou ó transporte público. Temos a certeza de que os cidadáns de Compostela van confiar no Bloque para pilotar o futuro da cidade nos próximos anos. Estamos abertos a dialogar con todas as forzas políticas para sacar adiante os asuntos que beneficien a Compostela pero non prevemos ningún acordo de gobernabilidade co Partido Popular.
Se saca nestas eleccións 1 voto menos que hai catro anos, ¿deixará a política municipal?, e se é así, ¿a que se dedicará?
Confío plenamente en que o traballo excepcional que desenvolveu o Bloque no goberno nestes anos vai supoñer, non só, revalidar, senón incrementar o apoio da cidadanía para poder sacar adiante o proxecto de goberno que temos para unha Compostela que debe progresar con cohesión social. Por iso teño a certeza de que o BNG vai mellorar sustancialmente os seus resultados electorais. En calquera caso estou sempre a disposición da miña organización para seguir a traballar por Galiza e por Compostela desde a responsabilidade que queira atribuirme.
que plans ten coa cidade da cultura
A Cidade da Cultura precisou da chegada do BNG ó goberno da Xunta para ver que se tivese elaborado un proxecto cultural que entronca coas necesidades do sistema cultural galego e que promova o desenvolvemento da producción propia, da difusión desa producción, ao tempo que facilite o diálogo con outras culturas. Agora restan desenvolver íntegramente ese proxecto e poñer os mecanismos para a perfecta inserción da Cidade da Cultura na cidade de Santiago, tanto dende o punto de vista físico como cultural. Desde o concello e en permanente colaboración coa Consellería de Cultura e os axentes culturais da cidade, desenvolveremos as estratexias necesarias para conseguilo.
¿que se vai facer pra que os minusvalidos poidamos movernos polas ruas'
Nos últimos anos desenvolveuse un plan de eliminación de barreiras que ten conseguido mellorar a accesibilidade en boa parte da cidade, pero hai que seguir traballando para conseguir unha total eliminación das barreiras físicas, tanto nos espazos públicos, como nos edificios municipais ou outros de servizos públicos, ao tempo que traballamos tamén na eliminación das barreiras sociais que aínda dificultan a plena inserción das persoas con discapacidade no mundo laboral e na vida social. O BNG ten impulsado, desde o goberno municipal, actuacións en colaboración con COGAMI e outras entidades que permitiron avanzar neste obxectivo. Nesa liña seguiremos a traballar nos próximos anos.
Como concelleiro de cultura é responsábel da Feira do Libro, ¿Que opinión lle merece a escasa participación de libreiros e vendas na edición deste ano?
O primeiro que debo precisar é que a organización da Feira do Libro correspóndelle a Federación de Libreiros de Galicia. A concellería de cultura apoia esta iniciativa a través dun convenio de colaboración que posibilita un soporte económico e funcional para que poida realizarse. Este ano contribuimos cunha nova iniciativa que consistiu en premiar a compra de libros co agasallo de publicacións editadas pola concellería. En calquera caso debemos procurar conxuntamente fórmulas novedosas que renoven o atractivo da Feira do Libro para a cidadanía, despois de máis de 25 anos de celebración continuada e na medida que ven sendo un evento cultural fundamental todas as primaveras na nosa cidade. Estou a disposición da Federación de Libreiros de Galicia para estudarmos cales deben ser as medidas que se poñan en marcha para lograr un maior respaldo dos lectores.
¿Porqué, no proceso de renovación das rúas de Compostela, algunhas teñen contenedores subterráneos e outras non?
Como ben saberá a concellería de infraestrucuras veuna xestionando nestes anos un concelleiro do Partido Socialista, polo tanto, tería que ser este concelleiro que dese resposta á diferencia de criterios entre a reurbanización dunhas rúas e de outras. Eu asumo como alcalde o compromiso de impulsar a reurbanización das rúas e espazos públicos de Compostela, tamén o dos barrios periféricos e tradicionais, co mesmo nivel de calidade urbana e de servizos, sen esquecermos a necesidade de que nos proxectos de reurbanización, como nos de nova urbanización, se inclúa, además da soterranización dos contedores, a execución do carril bici.
Plaza de Salguiriños.......posicionese...de forma clara ...si quiere mi voto
Creo que son o único candidato á alcaldía que se ten posicionado de forma clara xa desde hai tempo no sentido de asumir o compromiso de que se son alcalde a praza de Salgueiriños, estea executada no prazo dun ano. Quero lembrar que o BNG apoiou co seu voto no pleno da corporación as 733 alegacións presentadas polos veciños ao Plan Xeral para mater o uso da totalidade do recinto como praza pública, o que posibilitou que fosen aprobadas. Agora queremos executar un proxecto de calidade urbana que convirta a praza de Salgueiriños nun espazo de relación social e de encontro da zona e do conxunto da cidade.
Como concelleiro de cultura o seu departamento organiza o ciclo "sons da diversidade", ¿pensa que é moi diverso un ciclo onde o 35% dos grupos/solistas son lusófonos?, ¿e o resto de culturas, porqué non están representadas?
Sons da Diversidade está concebido como unha ventá a través da que poidamos achegarnos á diversidade de linguas, culturas, estilos musicais, dun mundo do que Galiza forma parte. Creo que ademáis da importante e sempre interesante presenza do mundo da lusofonía, témonos achegado a culturas diversas como as de África (Khaled, Tumani Diabaté, Salif Keita...), de Europa (Kroke, Capercaille, Goran Bregovic, Dominique A...), de América (Lila Downs, Pablo Milanés, Bebo Valdés...), de Oriente Medio (Orquesta árabe de Nazareth), de Asia (Malkit Singh), ademais dos galegos: Berrogüeto, Milladoiro ou Marful. Creo que a diversidade é evidente.
O edificio do Banco de España, ¿cal é o uso que propón o BNG para o inmoble?
Na actualidade está xa en marcha por parte do Consorcio da Cidade de Santiago a conversión do edificio do Banco de España no futuro Museo Histórico da Cidade. Confeso que a min me gustaría que tivese un uso cultural máis vinculado á dinamica cultural da cidade, por exemplo, como Casa da Cultura aberta ás asociacions, entidades e colectivos, que desenvolven un importante labor de formación, creación e difusión cultural en Compostela. En calquera caso, e dado que o proxecto xa está en marcha, desde o BNG impulsaremos que máis que un museo se cree un centro de interpretación da cidade que poida ser de interese tanto para os composteláns como para os nosos visitantes.
AVE en 2012. Estación do AVE en Santiago, ¿para cando?
Asumo como alcalde a responsabilidade de xestionar con toda persistencia e decisión que sexa precisa a necesidade de que o Goberno Central execute a nova estación intermodal e do tren de Alta Velocidade no prazo previsto, é dicir, o ano 2010. É unha infraestructura fundamental para o desenvolvemento de modernas comunicacións con Santiago de Compostela pero tamén para completar unha trama urbana de calidade que conecte o Ensanche co grande parque recreativo e deportivo das Brañas do Sar, que tamén impulsará o BNG. Ao mesmo tempo é preciso estar atento aos prazos de execución das liñas do AVE para que efectivamente estean executadas na súa totalidade no ano 2012.
Di vostede que o PSOE presume das accións do BNG, ¿podería dar un par de exemplos?
Podería mesmo dar máis dun par. Calquera pode ver na publicidade do Partido Socialista como se lle atribúen a Sánchez Bugallo iniciativas como as desenvoltas en relación co pequeno e mediano comercio ou o apoio aos emprendendores polo BNG desde a Concellería de Promoción Económica. Igualmente se falamos da gardería das Fontiñas ou de San Roque, da Ludoteca ou do Pavillón deportivo das Fontiñas. O mesmo podemos dicir en relación cos eventos culturais de referencia creados na cidade nos últimos tres anos e co dinamismo cultural que se xerou neste periodo. Unha das imaxes que máis publicita o PSOE é a do parque forestal da Granxa do Xesto impulsado polo BNG no periodo 99-2003 cando eu mesmo era concelleiro de Medio Ambiente.
Nestes anos de coalición, aínda non se presentou á cidadanía o verdadeiro estado das contas municipais, ¿porqué o BNG consinte isto?
Todos os anos o Pleno da Corporación aproba, como é preceptivo legalmente, o estado das contas municipais. Outra cousa é que na revista editada desde a Alcaldía este balance non teña merecido a atención que estou seguro lle interesaría ó conxunto da cidadanía.
¿Para cando un consorcio de transportes e resolver así a mala conectividade de lavacolla, está no seu programa?
Pois claro que si. Cremos que é un obxectivo prioritario deste periodo, mellorar sustancialmente o transporte público, constituindo un Consorcio Comarcal de Transporte, definindo unha rede que cubra todas as necesidades de mobilidade do concello, axustando horarios e frecuencias e abaratando as tarifas. Propoñemos un sistema específico de transporte servido con microbuses eléctricos para o ámbito do casco histórico e a conexión con tren lixeiro con Lavacolla, Bertamiráns e O Milladoiro. Por certo que este proxecto que o BNG xa recollía hai catro anos e que apresentou novamente hai vinte días ven de ser secundado na última semana tanto por Conde Roa como por Sánchez Bugallo. Alegrámonos de que respalden unha proposta do Bloque fundamental para modernizar os nosos medios de transporte e asentar a capacidade operativa e competitiva do noso aeroporto.
¿Percibe que ao BNG non se lle recoñece o seu labor de goberno? Dito doutro xeito, ¿é fácil contrarrestar o plus de representatividade que teñen os alcaldes?
Creo que efectivamente é difícil contrarrestar a tendencia a personalizar o conxunto das actuacións municipais na figura do alcalde, máxime cando se trata dun goberno de coalición. O BNG ten desenvolvido nos últimos 8 anos desde o goberno un importante labor en áreas como educación (Escola de Música, garderías, impulso á Escola Oficial de Idiomas e ó Conservatorio Oficial de Música), medio ambiente (recollida selectiva, aforro enerxético, recuperación das beiras dos ríos, refuxio de animais, etc, no período 1999-2003), promoción económica (plan de excelencia comercial, apoio aos emprendedores...) ou cultura e deportes, que non sempre se identifica con nós. Por iso nesta campaña estamos facendo especial fincapé en precisar cal foi o papel do BNG, porque é o mellor aval da nosa capacidade de xestión, de desenvolvemento de proxectos innovadores e ambiciosos para a cidade, de audacia para sacar adiante iniciativas novedosas e de facelo ao mesmo tempo con eficacia e promovendo a participación e o diálogo permanente coa cidadanía.
¿Que perdería Santiago si el Bloque no gobierna los próximos cuatro añso?
Creo que perdería fundamentalmente a nosa capacidade de iniciativa e de liderazgo nos asuntos que lle interesan a Compostela e que poden conseguir que mellore a calidade de vida e o benestar da cidadanía. Perdería asimesmo un estilo de gobernar aberto ao diálogo, participativo e que prioriza as políticas sociais. En calquera caso estou certo de que precisamente por todo isto os composteláns van apoiar ao BNG non só para que continúe no goberno, senón para que o faga cunha maior representación, e polo tanto con máis capacidade de actuación e de intervención social.
Lin que ía haber un novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas. Teño tres preguntas. ¿Cal vai se-lo uso do vello edificio?, ¿onde se ubicará o novo?, ¿e cales serán os novos idiomas que se incorporarán á oferta?
Da mesma maneira que o BNG impulsou no seu día a creación dunha EOI en Santiago que non existía ata o curso 2001-2002 tamén agora estamos a xestionar coa Consellería de Educación a construcción dun novo e máis amplo edificio que responda ás necesidades actuais e futuras do ensino dos idiomas na nosa cidade. Para iso xa se lle ofertaron á Xunta dúas parcelas ubicadas ambas na zona de Conxo entre o Eduardo Pondal e o Colexio Cardeal Quiroga. A ampliación da oferta de idiomas depende da Consellería pero estánse a barallar italiano, chinés ou catalán, entre outros. O uso do actual edificio está pendente de definir pero desde a miña perpectiva, e a do BNG, debe manterse dentro do ámbito da cultura, a educación ou os servizos á comunidade do barrio no que está integrado.
O seu cartel electoral é o único onde se lle corta a cabeza, ¿cal é o motivo, avergónzase de algo?
Empecei a quedar calvo aos vinte anos e desde os trinta creo que estou como agora. Estou moi satisfeito coa miña imaxe e en calquera caso o deseño do cartel electoral segue os mesmos criterios para todos os candidatos do BNG sexan calvos ou non.
Estou encantado de poder ter mantido este encontro e responder ás preguntas moi interesantes que me trasladastes que, creo, foron moi útiles para clarificar as propostas do BNG para o futuro de Compostela. En calquera caso sinto, se non foi posíbel neste tempo, dar resposta a todas as que enviastes. Gustosamente o farei persoalmente en calquera dos actos que aínda restan por facer en Santiago de Compostela ate o próximo venres ou a través da páxina web: www.nestorrego.org.Un pracer e moitas grazas.