Open uri20150703 3 1stto0k?1435925080

Vuelve a encabezar la candidatura del BNG en la villa

1 Gonzalo Castro 08/07/2015 16:34

Moi bo día a todos os internautas. É para min un pracer poder contestar ás vosas preguntas, algo que farei os próximos catro anos de forma constante dende o goberno municipal.

2 Anónimo 08/07/2015 16:34

Comezaron a lexislatura moi activos e con moitas propostas e críticas ao goberno de Regos pero, a raíz da tala de árbores no Zoadoiro, semella que levan dous anos calidños e sen facer nada. Por que?

Gonzalo Castro:

Discrepo desa percepción. O BNG leva catro anos mantendo un contacto constante cos veciños e realizando propostas para mellorar a súa calidade de vida e resolver os principais problemas do noso concello. A título de exemplo poderiamos citar a campaña desenvolvida polo BNG para evitar a ampliación do vertedoiro de Areosa, a campaña contra o canon da lei de Augas, con máis de dúas mil sinaturas recollidas, e a formulación de propostas nos dous últimos anos para solucionar o principal problema que ten Ordes, a ausencia de oportunidades profesionais e laborais. Propostas como a creación dun viveiro de empresas, a modernización e promoción da praza de Abastos e o impulso do pequeno e mediano comercio de Ordes son algún dos exemplos da alternativa e do proxecto de goberno do BNG.

3 Anónimo 08/07/2015 16:34

De ter que axustar presupostos, cal das festas suprimirías?

Gonzalo Castro:

Desde o BNG no próximo goberno evaluaremos a situación económica do concello e prescindiremos dos gastos que non sexan necesarios para a mellora dos servizos que se prestan aos veciños. No tocante ás festas, reduciránse os gastos que non sexan necesarios e intentaranse buscar vías de financiación externas. É evidente que máis de 600.000 euros de gasto anual en festas é elevado. En todo caso quero aclarar que o que existe na actualidade no concello de Ordes é unha discriminación nas festas das distintas parroquias, que nalgúns casos non contan con ningún apoio institucional.

4 Anónimo 08/07/2015 16:34

Gustaríame que falase claro dos posibles pactos, o cal non significa dicir que estades traballando para a maioría absoluta e que credes que gañaredes. Descartas pactar con PSdG e con CidGa? Hai algunha mínima posibilidade de que pactedes con UXO e con PP?

Gonzalo Castro:

Se me permite contareille unha anécdota que resume cal é a posición do BNG. O outro día no barrio do Piñeiro, unha señora manifestoume a súa convicción de que o BNG era a única candidatura que non traicionaría aos seus votantes. Despois de moitos anos de actuar de forma honesta e coherente na defensa dun novo goberno municipal verdadeiramente progresista e que defenda os intereses da maioría dos veciños e veciñas de Ordes, o que podo dicirlle sen ambigüedade é que o BNG preséntase a estas eleccións sendo a única voz da maioría social que quere un verdadeiro cambio en Ordes, por esta razón aspiramos a gañar as eleccións. Representamos a única alternativa á dereita, e loxicamente non imos pactar nin con partidos nin con persoas que levan máis de vinte anos gobernando o noso concello.

5 Anónimo 08/07/2015 16:34

Antes de exercelo dereito o voto necesito saber, en caso de non haber maioría absoluta, se está disposto a pactar con UXO. Aínda que buscan a maioría absoluta, qué pasa se na obteñen?

Gonzalo Castro:

Como dixen antes, o BNG aspira a liderar o próximo goberno municipal de Ordes, un goberno alternativo que remate con tantos anos de discriminación da maioría dos veciños e veciñas de Ordes en beneficio duns poucos, e loxicamente o pacto do que me fala é incompatible con ese obxectivo.

6 Anónimo 08/07/2015 16:34

Cales serían as tres primeiras medidas que levaría a cabo en caso de ser alcalde de Ordes?

Gonzalo Castro:

As primeiras medidas están relacionadas coa creación de emprego e a mellora dos servizos sociais no noso concello. A creación dun viveiro de empresas que dé saída laboral e profesional aos desempregados; o impulso ao sector comercial e a promoción da praza de Abastos; acompañado do impulso do PXOM e do solo industrial, unido á creación dun centro de día serán as prioridades do próximo goberno municipal.

7 Anónimo 08/07/2015 16:34

¿Vostede estaría disposto, a pactar co PP se fixera falta para tirar fora o lastre de governantes que tivemos estes últimos catro anos?.

Gonzalo Castro:

Xa respondín a esa pregunta cando dixen que o BNG é a única alternativa á dereita e representamos a voz da maioría social de Ordes que demanda a existencia dun goberno que defenda as necesidades reais dos veciños e veciñas do noso concello. Loxicamente o BNG non participará nun goberno participado por partidos ou persoas que levan máis de vinte anos aplicando políticas discriminatorias e regresivas no noso concello.

8 Anónimo 08/07/2015 16:34

El Alcade de arzua es inelegible por desobedecer una sentencia de derribo y Regos tiene varias notificaciones del TS de Galicia y no las cumple, ¿ van denunciar este caso el BNG de Ordes o miraran para otro lado , siendo insolidario con su supuesto compañero de Arzua

Gonzalo Castro:

O BNG sempre defenderá que se cumpla a legalidade no noso concello. E colaborará coa xustiza desde o próximo goberno municipal en todo o que sexa necesario para que por fin chegue a transparencia e a honestidade ao exercicio do noso goberno no concello. Tanto no caso que me fala como en calquera outro. Ao respecto do asunto do alcalde de Arzúa, quero lembrarlle que a ilegalidade urbanística da que trae causa foi cometida por un goberno do Partido Popular. O alcalde de Arzúa cónstame que pretendeu desde a legalidade resolver un grave problema para os veciños e veciñas do seu concello, é a existencia dunha lei profundamente inxusta aprobada polo PP e PSOE en Madrid a que ten levado a esta situación tan kafkiana.

9 Anónimo 08/07/2015 16:34

Que tes que dicir sobre os que afirman que realmente é Ramiro Recouso o que manda e dirixe o BNG de Ordes, e qué é el que te manexa e dirixe os fios de todo

Gonzalo Castro:

No BNG é a súa militancia a que toma as decisións e dirixe a organización política. No caso de Ordes, son os numerosos militantes do BNG quen de forma permanente debaten e toman decisións con respecto á liña política que defendemos neste concello, decisións que gozan do amparo dunha militancia moi numerosa e que se ten incrementado no dobre nos últimos anos. Con respecto a Ramiro Recouso, el é unha peza moi importante na nosa organización, pola súa experiencia e capacidade, mais volvo a repetirlle que o do BNG é un proxecto colectivo onde Ramiro Recouso, Gonzalo Castro, Montse Rei e Pablo Vidal e moitos outros contribúen de forma moi decisiva na formulación de propostas pensando na mellora das condicións de vida dos nosos veciños.

10 Anónimo 08/07/2015 16:34

PORQUE CADA VEZ MÁIS SE NOTA TANTO DESENCANTO NOS VOTANTES DO BLOQUE?

Gonzalo Castro:

No BNG non notamos ese desencanto. Si somos conscientes de que a base social é electoral do BNG é crítica e moi informada, o que é lóxico nunha alternativa política que pretende transformar profundamente o noso concello poñéndoo ao servizo de todos os veciños e veciñas de Ordes, e non so duns poucos. No caso de Ordes os últimos resultados electorais tanto nas municipais, xerais como ao Parlamento galego amosan un apoio considerable da base social do BNG ao seu proxecto político.

11 Anónimo 08/07/2015 16:34

Como é posible que sendo funcionario de carrerira en castilla la mancha non consigo unha comisión de servicios en ningunha administración e non teño maneira de voltar ó meu país. Un saúdo. Xosé Manuel.

12 Anónimo 08/07/2015 16:34

pensa levar a cabo a parcelaria da parroquia de Ordes?

Gonzalo Castro:

Nestes catro anos o BNG impulsou aproveitando a súa presenza no anterior goberno galego as parcelarias do concello de Ordes. Máis de seis millóns de euros de investimento en catro anos, unha cifra superior ao investido polos gobernos do PP en dezaséis, falan claramente do compromiso do BNG co remate das parcelarias en Ordes, unha actuación moi importante para o desenvolvemento socioeconómico do medio rural e do sector primario, un sector moi importante na economía local. Desde o próximo goberno municipal seguiremos nesta liña e comprometémonos a completar a totalidade das parcelarias de Ordes, igual que fixemos estes anos en parroquias como Ardemil, Leira, Montaos, Buscás, Vilamaior, Barbeiros...

13 Anónimo 08/07/2015 16:34

VAS FACER UNHA AUDITORIA DE CONTAS SE CHEGAS A ALCALDIA

Gonzalo Castro:

Xa dixen en reiteradas ocasións que imos estudar en profundidade a situación económica do concello. Imos actuar con transparencia para saber cál é a situación real do noso concello, e poder adoptar as medidas que permitan o seu saneamento económico, algo que contrasta coa actitude do actual goberno municipal. Estes días temos solicitado a liquidación do orzamento do ano 2010, que xa foi aprobada polo goberno e se nos está privando desa información para ocultar a existencia de máis de nove millóns de euros de débeda. O BNG actuará de forma totalmente oposta, con transparencia e informando aos veciños da situación rea do noso concello.

14 Anónimo 08/07/2015 16:34

Operación Orquesta en ORDES, siguen calados por Carrumeiro, non teñen nada que pedir no Concello ou ser parte no proceso para esclarecer que pasa cas obras sempre os mismos

Gonzalo Castro:

Desde o próximo goberno municipal colaboraremos activamente coa xustiza no caso de que exista algunha actuación da mesma relacionada co concello de Ordes. O BNG non se caracteriza por estar calado diante dos problemas que lle afectan aos veciños e veciñas de Ordes, mais confiamos na actuación da xustiza, e mentres non haxa nigunha resolución xudicial sobre algún asunto que afecte a Ordes, comprenderá que non manifestemos a nosa opinión sobre o mesmo, actitude ben distinta á que mantiveron outros con asuntos para nada ilegais e que incluso constituiron un exemplo de actuación basada nos principios e na ética pola miña parte, ao ter deixado as miñas lexítimas actividades profesionais antes de ser concelleiro cando non tiña ningunha obriga legal de facelo, pero son os principios e o compromiso cos veciños de Ordes o que realmente debe obrigar a calquera persoa que aspire a liderar o seu goberno a actuar con total transparencia, eses principios farán que colaboremos activamente coa xustiza se é necesario.

15 Anónimo 08/07/2015 16:34

Vostede prantéxase como primeiro obxectivo para Ordes a loita contra o desemprego. ¿Que instrumentos ten o Concellio para iso?

Gonzalo Castro:

Desde o BNG impulsaremos un plano de emprego e reactivación económica co obxectivo de recuperar os 500 postos de traballo perdidos nos últimos anos. Instrumentos como un viveiro de empresas e un centro de promoción económica, a reactivación do parque empresarial de Merelle, o impulso do comercio, e a promoción da praza de Abastos son algúns dos instrumentos que utilizaremos para crear emprego no noso concello.

16 Anónimo 08/07/2015 16:34

¿Que medidas poñerá en marcha en temas da terceira idade?penso que en ordes necesitase algo mais que facer un xantar ao ano.

Gonzalo Castro:

Impulsaremos a construción dun centro de día en Ordes, algo que defendimos ao longo destes últimos catro anos, e que poderia estar feito no caso de que a proposta do BNG de integración do concello de Ordes no Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar fose tida en conta. Somos conscientes da necesidade desta instalación, porque sabemos da importancia deste sector neste concello, xa que máis de 2.500 veciños superan os 65 anos.

17 Anónimo 08/07/2015 16:34

¿Por que tanta polémica coa ampliación da casa consistorial de Ordes? ¿E que acaso non era necesaria?

Gonzalo Castro:

É evidente que na situación actual a ampliación da casa consistorial non era unha prioridade, o que faremos desde o próximo goberno municipal será utilizar esa infraestrutura para o principal obxectivo do BNG, a creación de emprego. Alí onde non sexa necesario o espazo para oficinas administrativas do concello impulsarremos a posta en marcha do viveiro de empresas e o centro de promoción económica.

18 Gonzalo Castro 08/07/2015 16:34

Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación neste encontro. Por falta de tempo non puiden dar resposta a todas as vosas preguntas, mais comprométome a escoitar todas as vosas propostas e suxerencias nos vindeiros catro anos desde o goberno municipal, e a manter un contacto permanente con todos vós. Entre todos e todas construiremos un futuro de oportunidades e benestar no noso concello.