Candidata do BNG á alcaldía de Ourense
A candidata nacionalista resposta ás preguntas dos internautas.
Moi bos días a todos e todas as internautas. Esperamos que as respostas satisfagan as vosas inquedanzas sobre as propostas do BNG para os vindeiros catro anos de goberno na cidade de Ourense.
Cal é a proposta concreta máis salientable para a creación de emprego en Ourense?
No programa electoral do BNG o primeiro capítulo está dedicado a expor máis de 100 medidas concretas sobre economía e emprego. Entre elas, a creación dunha casa de Emprego no actual Centro de Iniciativas Empresariais.
Onte escoitei A quemarropa en V Televisión e alucinei cando candidato do PP dixo que o autobús custaba 5 euros. Pódese gobernar unha cidade sen coñecer os prezos básicos que afectan aos ourensáns?
Un candidato á alcaldía dunha cidade debe ser coñecedor da realidade que temos. Sorpréndeme que aplique esas tarifas. Será que son as que ten pensado? Afortunadamente para Ourense o BNG ten claro cal é o custo da vida e cal debe ser a política en tarifas, máis aínda na situación actual de crise económica.
Isabel,unha pregunta fora do ámbito local, que opinión ( como representante politica e como persoa) lle merecen as movilizacións que se están a levar nestes días en todo o Estado español por parte da xente xoven.
A mocidade precisa políticas activas de emprego e tamén desde os concellos temos que procurar que desenvolvan a súa vida laboral no lugar que prefiran. Como di o lema de Galiza Nova "Traballo digno na nosa terra". As mobilizacións sempre foron un sinal de implicación. Unha mocidade activa significa que hai futuro, como di o noso lema electoral.
Porque debería un foráneo ir a Ourense e non a outro sitio?
Ourense é un destino que ofrece termalismo, cultura, gastronomía, natureza. Unha oferta conxunta de toda a nosa riqueza, tal e como defende o BNG, axudará a atraer turismo a Ourense coa conseguinte xeración de riqueza, emprego e dinamización da economía.
¿De verdade pensa vostede que o Caso dos Paneis non lle vai pasar factura ao BNG? E é máis: ¿En serio cre que a fractura imposta trala súa proclamación coma candidata servirá para evitar o previsible descalabro da formación nacionalista en Ourense?
O expediente administrativo ao que te refires foi paralizado na Xunta de Goberno Local, polo que non existen os "paneis". Ademais, as persoas implicadas entregaron as súas actas de concelleiros, non forman parte da corporación actual e non son candidatos. Xa poderían tomar outras forzas políticas exemplo. Si que creo que o caso do PXOM é algo real, que constitúe o maior dano á nosa cidade que se recorde. O PP debera dar explicacións á cidadanía e asumir responsabilidades, polo menos, políticas.
quisiera saber que proponen ustedes,sobre el llevar agua corriente y alcantarillado a los ramales de paradela,vilar das tres,gracias
Nestes catro anos de goberno do BNG na cidade de Ourense os barrios e as parroquias foron unha preocupación. Agora cómpre completar o traballo feito nos vindeiros catro anos. O BNG ten claro que ten que haber auga corriente e alcantarillado en todo o termo municipal, como servizos básicos. O futuro PXOM é unha oportunidade para resolver moitos problemas pendentes da nosa cidade.
por que se ha radicalizado tanto el bng estos ultimos años?
A percepción sobre as organzacións políticas depende de quen as faga. Manifestarnos pola sanidade pública é ser radical? O BNG é unha organización política que defende os intereses da cidadanía. Honestamente, entendo que iso é o traballo que debemos facer para poder transformar a cidade como demandan os nosos veciños e veciñas. Traballamos cos pés na terra e sempre mirando o futuro que queremos para Ourense.
¿Estaría a favor de la elección directa del alcalde por parte de los ciudadanos?
Neste momento temos un sistema electoral no que é a corporación municipal a que elixe ao alcalde/alcaldesa. A vontade da cidadanía está reflectida na corporación municipal e garante que resposte ao resultado electoral.
¿Qué van a hacer con la antigua cárcel y las Burgas?¿Permitir que sigan en estado deplorable?
No antigo cárcere non houbo até o de agora ningunha intervención por ser un BIC (ben de interes cultural), declarado pola Xunta de Galicia. A intervención nese espazo necesariamente ten que completar de forma integral o que é o complexo das Burgas, o parque Barbaña, a Muiñeira, onde si xa se fixeron intervencións. Entendemos que é un bo espazo para completar a oferta termalística da nosa cidade. Na zona das Burgas agora hai unha piscina termal ao ar libre no centro da cidade e un futuro parque de 5000 m2, estase a rematar o arranxo das traseiras que é o escenario ao que vostede entendo que se refire. Hai que continuar traballando e esas son dúas das nosas apostas para este mandato.
que pasara con los NINI o generacion perdida cuando pase la crisis economica ¿se tendra en cuenta que no han podido trabajar ? los que vienen detras tienen continuidad pero los NINI ya pasaron a otra edad el empresario los va a contratar si en los colectivos jovenes les prima por su edad .
A reforma do sistema laboral depende doutras administracións públicas. Afortunadamente, en todas elas hai representación do BNG que non concorda cos recortes nas pensións, e todas as propostas que vaian nesa liña de recortes sociais atoparán a nosa oposición. O emprego debe ser unha prioridade tamén para o goberno local, que dea solucións aos problemas concretos das persoas, como vostede sinala.
Convocarase un concurso de arquitectura para o novo espacio polideportivo en Mariñamansa? Ou realizarase a través dun "procedemento dnegociado"
O complexo polideportivo de Mariñamansa é para o goberno do BNG unha prioridade. Xa no orzamento actual está contemplada unha partida para o proxecto. Ademais, tal e como recollemos no noso programa electoral, garantiremos a transparencia e equidade en todos os concursos públicos e en todas as contratacións de obras ou servizos.
En Galicia tenemos la suerte de tener dos lenguas oficiales. Para unos la propia es el gallego y para otros es el español, dependiendo de cual haya sido su lengua vernácula, ¿se compromete usted si sale alcalde a que todos los ciudadanos recibamos la información y comunicados del concello en los dos idiomas?. Muchas gracias y Suerte.
No noso programa electoral dedicamos o capítulo terceiro ás medidas relacionadas coa política lingüística. Posto que o galego é a lingua propia do noso concello, favoreceremos o seu uso. Ademais, a cooficialidade das linguas garante que o adminsitrado/a poida dirixirse e ser atendido tamén en castelán.
desearia se me explicara con suficiente detalle que se debe entender por "peche da circunvalación da cidade"-
As persoas que non necesiten entrar no centro da cidade deben poder facelo por vías alternativas. Esa é unha das nosas propostas. Deste xeito, propoñemos conectar o treito xa operativo con Rairo, Bemposta e a autovía A-52.
Concejales responsables de que el Supremo mande el urbanismo de Ourense a las catacumbas de 1986 pueden serguir gobernando? Por que Baltar no se marcha para su casa a cuidar sus fincas y deja de poner en ridiculo a Ourense por españa adelante
Unha vez coñecida a sentenza do Tribunal Supremo, no pleno extraordinario do Concello, o BNG solicitou que todos os concelleiros do PP que aprobaron o PXOM do 2003 se retiren da vida política. Non só non o fan senón que agora se dedican a repartir euros en mitins. Queremos lembrarlle que foi o BNG a única organización política que votou en contra dun plan ilegal que só buscaba intereses de especuladores e non da cidadanía.
¿Está preparado Ourense para ter un alcalde muller?
Ourense está preparado para ter unha alcaldesa. As mulleres teñen demostrado a súa valía en todos os ámbitos económicos, sociais e laborais. A vida política non é unha illa no deserto. Como alcaldesa defenderei os intereses dos veciños e veciñas de Ourense.
Respecto o soterramento do AVE, opina vostede o mesmo do que opinan os seus compañeiros de goberno en coalición? Se non é así, servirá de algo que a votemos?
A chegada do AVE é unha necesidade para esta cidade. Ten que chegar no menor tempo posible para non "perder o tren" e para resolver cuestións tan importantes como o soterramento xa manifestamos en todos os ámbitos políticos (Concello, Parlamento de Galicia ...) que debemos crear unha comisión para analizalo e tomar a decisión antes de outubro. En ningún caso o soterramento pode ser unha excusa para que non chegue en tempo e non se comprometan os orzamentos.
Estas eleccións estanse a convertir nun plebiscito sobre "Zapatero si o Zapatero no", ¿Non cree vostede que é necesario deixar ben claro e conciso que estas a votar nunhas eleccións municipais e non Xerais? ¿ou é que non interesa ese discurso?
O 22 de maio eliximos os representantes que conformarán o novo goberno municipal no que o BNG participará de forma decisiva. A cidadanía debe ser consciente de que estas eleccións non son unhas primarias dentro do PSOE ou do PP. Afortunadamente, a nosa campaña a pé de rúa permítenos trasladar á cidadanía a nosa acción de goberno e as nosas propostas para a cidade de Ourense, que é o que está agora en xogo.
¿Cal son os eixos da política cultural que pensan aplicar na cidade?
A política cultural está inmersa no proxecto global de cidade que o BNG defende. En particular, a terna economía, cultura e turismo ten que xogar un papel crucial nos vindeiros catro anos. Entendemos a cultura como xeradora de riqueza, dinamizadora da economía e creadora de emprego. Defenderemos unha cultura por e para todos/as, para todos os barrios e para todas as idades, como fixemos nestes catro anos.
Bos días, gustaríame saber que teñen pensado facer co cárcere vello, coas 2 prazas de abasto da cidade, e con tantos outros edificios vellos que poderían empregarse para usos, tanto públicos como os novos xulgados (co que vai costar facer un edificio novo, non se podería poñer en valor o cárcere vello?), como privados.
Nestes catro anos traballaremos para que todo o noso patrimonio construído sexa referente para a cidadanía. Os edificios necesitan unha posta en valor, e non só os que mencionan, tamén San Francisco ou o Museo Arqueolóxico. Outras institucións deixan morrer o noso patrimonio e deberían implicarse no futuro de Ourense.
Teniendo en cuenta que vuestra única forma de entrar en el gobierno es en coalición con el psoe ¿qué vais a hacer para que Ourense tenga más empresas y por lo tanto trabajo?
Nos vindeiros catro anos desde a Alcaldía de Ourense desenvolveremos políticas activas de emprego. O primeiro capítulo do noso programa é inequívoco: dinamizar a economía e o emprego tamén desde o ámbito local. O presidente da Xunta declárase incompetente en materia de emprego. O BNG quere gobernos con competencias e gobernantes competentes. Por iso, o que cada persoa elixa o 22 de maio é importante.
Sendo esta unha cidade onde os maiores empregadores son os entes publicos, presenta o seu partido algun plan estratexico para atraer a inversion empresarial e reactivar a economia local?
Ourense necesita investimento privado. A inseguridade xurídica que xera a caída do PXOM de 2003 significa que teremos que facer un esforzo aínda maior para que poidamos contar nos vindeiros anos co impulso que necesitamos para transformar Ourense, por exemplo, no ámbito do termalismo.
Isabel, pensais en los jovenes que no pueden trabajar ¿que opciones tendran cuando pase esta crisis? los que vienen atras van a embujar y esta generación perdida no tiene experiecia ni continuidad cuando acabaron sus estudios. Van a tener las mismas oportunidades laborales, los van contratar si ya por los jovencitos priman y pagan menos a la SS.SS
No noso programa electoral dedicamos un capítulo enteiro a explicar as nosas propostas pola mocidade, porque o BNG aposta pola mocidade. As políticas de mocidade do BNG céntranse nos aspectos que máis lle preocupan: emprego, vivenda e lecer.
Moitas grazas por ter participado neste encontro dixital. As vosas preguntas demostran o interese por coñecer as propostas do BNG. Agardamos que o 22 de maio apoiedes ao BNG para poder continuar coa transformación de Ourense.