Open uri20150703 3 1u3dl9l?1435924563

Alfredo Rodríguez Abella, del BNG de Cambre, ha
respondido a las preguntas de los internautas.

1 Alfredo Rodríguez Abella 08/07/2015 15:24

Bos días! Grazas a La Voz por contar con nós para este chat, son novato neste tipo de experiencias pero intentarei contestar a todas as vosas preguntas.

2 Anónimo 08/07/2015 15:24

Qué medidas promovera o BNG para potenciar o trasporte público colectivo?

Alfredo Rodríguez Abella:

1.- Poñer en valor o tren, potenciando o seu uso para as cercanías, garantindo o mantemento da actual vía ferroviaria; doblando a vía e electrificándoa, aumentando frecuencias e reducindo o custo do billete. 2.- Esixir a implantación dunha liña de bus coa Coruña que nos una directamente con ela através da AP-9. Así como aumentar os horarios e as frecuencias. 3.- Estender a todos os días o bus intramunicipal e manter o Noite-Bus contra da maré privatizadora e antisocial do PP.

3 Anónimo 08/07/2015 15:24

como valoras o aspecto cultural no concello e a labor que se fixo dende o concello, pensas que se pode mellorar?

Alfredo Rodríguez Abella:

Pensamos que se poden mellorar moitas cousas, respectando as que están ben feitas. No ámbito das infraestruturas queremos unha Casa da Cultura de primeira e polivalente, queremos un edificio vivo e ocupado todos os días do ano, non un mamotreto inerte. No tocante á oferta cultural apostamos pola súa diversificación, achegala a xente, unha política cultural plural e de base que recolla as inquietudes dunha sociedade cada vez máis plural e heteroxénea dende unha perspectiva de servizo público e benestar común.

4 Anónimo 08/07/2015 15:24

Señor Abella, quixera saber o que vai facer o BNG en materia de medio ambiente, o concello precisa políticas que axuden a conservar o noso patrimonio natural. Gracias...

Alfredo Rodríguez Abella:

Aspectos fundamentais: 1.- Rexeneración da Ría do Burgo; necesidade perentoria obviada tanto polo PSOE coma polo PP, na que vimos incidindo historicamente e que centrará dende o primeiro momento a acción de goberno do BNG. 2.- Posta en valor do Mero; realizando un estudo medioambiental detallado, e promovendo o seu uso cotiá, inserido na vida dos veciños e veciñas de Cambre, como unha grande área de baño e lecer que singularice e engada valor ao concello de Cambre. 3.- Realismo na rede saneamento: sabedores da limitación de recursoso públicos derivados da crise, que repercute nos fondos dispoñíbeis para o saneamento, defendemos a creación dun servizo municipal de fosas sépticas para as vivendas do rural máis disperso e illado.

5 Anónimo 08/07/2015 15:24

Que se vai facer co Rock in Cambre se chegas a alcalde? Un saúdo meu!

Alfredo Rodríguez Abella:

Cremos que o Rock in Cambre é un elemento a preservar e mellorar. Consideramos que se pode considerar aumentar os seus días, aumentando tamén os subxéneros dos grupos, creando unha zona de acampada e implicando máis ao festival co comercio local. Cremos, por riba de todo, que o Rock in Cambre é da mocidade de Cambre, e debe ser ela, e unicamente ela, a que o defina, a que o dimensione a que o protagonice, pois consideramos que dende a administración local o único que temos que facer é axudala e asesorala, para conseguir entre todos que o Rock in Cambre siga a ser, precisamente, de todos e todas. Persoalmente gustariame, Eddie Vedder ainda que non utilizarei o concello para facer presión en tal sentido...

6 Anónimo 08/07/2015 15:24

En comparación con outros concellos, a oferta cultural para nenos e moi cativa, que propostas levan para os máis pequenos?

Alfredo Rodríguez Abella:

Falaba antes da oferta cultural, e en concreto cando falamos dos nosos cativos, eu teño 3 nenas de 4, 7 e 9 anos, e o primeiro que penso é en que moitos pais en situacións similares á miña e a da miña compañeira teñen que levar aos seus fillos a auténticos contenedores de nenos, fomentados pola iniciativa privada diante da inoperancia dos gobernos do PP e o PSOE para universalizar unha oferta pública de ensino dende os 0 anos acorde aos tempos que corren. Modestamente, como nacionalista, creo que ahí está a Galescola da Barcala para testemuñar a labor do Bloque nas institucións, creo, pois que somos diferentes, e o demostramos cando apostamos por manter iniciativas exitosas coma o Moucho Leroucho e os espazos infantís das bibliotecas municipais, pero dotándoas de máis capacidade económica para desenvolver actividades accesorias que complementen unha oferta cultural que ten coma obxecto formar aos máis peques e introducilos no hábito da práctica e consumo cultural para o resto da súa vida.

7 Anónimo 08/07/2015 15:24

Que planes tiene para la Urb. la Barcala, todos sabes como es el estado lamentable de la urbanizacion.-

Alfredo Rodríguez Abella:

1.- Priorizar a construcción dun apeadeiro ferroviario que dea servizo á urbanización, demanda histórica do BNG obviada sempiternamente por indolentes gobernos locais socialistas e sucesivos gobernos PP-PSOE en Madrid. 2.- Defendemos que o Concello faga presión onde a ten que facer para que A Barcala conte, ipso facto, cunha sucursal de Nova Caixa Galiza. 3.- Urxe que a Xunta conceda unha licenza de farmacia para a urbanización, dende o goberno municipal inicidiremos nelo diariamente. 4.- Mellorar o acceso e imbricación da urbanización co paseo fluvial e chegar a acordos cos concellos veciños de Culleredo e Oleiros para que as zonas da antiga fábrica de aceites e da Marisqueira constitúan zonas verdes que conformen unha grande área de esparcimento para os veciños da Barcala. 5.- Instalación de aparcamentos disuasorios nas próximidades da estación, en especial nas inmediacións das paradas de bus e tren.

8 Anónimo 08/07/2015 15:24

Buenos días, sr. Rodríguez. Soy profesional de gestión urbanística residente en Cambre y quería preguntarle que propuestas tiene para superar la a mi juicio caótica ordenación urbanística que tiene nuestro municipio. gracias

Alfredo Rodríguez Abella:

Sinteticamente, queremos empezar o Plan Xeral de Ordenación Municipal dende 0, contando coa participación de todos e aplicando criterios de radical transparencia e claridade na información ao cidadán. Queremos, e o consideramos moi importante, que non se poden construir máis edificios na parroquia do Temple, agás aqueles que coma, un centro de saúde, un centro de día, unha escola infantíl... sexan de utilidade pública. O decimos así de claro, que ninguén conte co Bloque para seguir facendo barbaridades urbanísticas no Temple, para eso xa chegaron 30 anos de administración socialista. Queremos tamén rodear A Barcala de todas as zonas verdes das que hoxe carece e consideramos que a capital municipal debe ter un crecimento ordenado e pautado, fuxindo da actual improvisación e dotándoa da circunvalación que esixe o sentido común dende hai tempo. Promoveremos o crecimento dos núcleos rurais consolidados, fuxindo das urbanizacións fantasmagóricas, co obxectivo final de que toda a xente de Cambre poida seguir vivindo en Cambre. Cremos que estamos a tempo de pararlle os pés ás grandes multinacionais do ladrillo que só veñen a Cambre, como a tantos sitios, a especular, e que vai sendo hora de potenciar a todos os profesionais da construcción e sectores afíns, que son de Cambre e deixan riqueza no pobo.

9 Anónimo 08/07/2015 15:24

Que solucións en materia de infraestruturas contempla como prioritarias o BNG de Cambre?

Alfredo Rodríguez Abella:

Insistimos os nacionalistas na necesidade de manter a actual vía férrea, defendemos dendo o Bloque de Cambre, que debidamente, se remate a Vía Ártabra até a A-6, enlazándoa coa nosa capital municipal, apostamos pola ampliación da ponte do Burgo como medida urxente para desatascar o Temple, plantexamos unha planificación conxunta Cambre-Oleiros para no medio prazo, soterrar a N-VI ao seu paso polo Graxal, defendemos a necesidade dunha circunvalación para Cambre e a instalación de aparcamentos disuasorios para a xente que utilice o bus e o tren. E con todo dicimos, Cambre non ten tanto un problema de infraestruturas, que o ten, como de servizos de transporte público e de calidade e é ahí onde hai que inicidir.

10 Anónimo 08/07/2015 15:24

Hola Alfredo, que pensa sobre o urbanismo de cambre, con falta de servizos públicos, aparcamentos, masificación, etc.?

Alfredo Rodríguez Abella:

Respondin parcialmente a unha pregunta similar, con todo non mencionamos o tema dos aparcadoiros e o considero de suma importancia: O BNG defende que se constrúan aparcadoiros públicos, en superficie preferentemente, pero sabemos que ten certo sentido a súa construcción subterránea na parroquia do Temple, e nos vémolo ben, pero deixando claras dúas cousas: 1.- Os aparcadoiros subterráneos serán sufragados pola iniciativa privada que os operará en réxime de concesión. 2.- Nunca, xamáis, de ningunha maneira víncularemos a construcción dun aparcadoiro ou doutra infraestrutura á aproveitamentos urbanísticos noutras zonas do concello. Esto é: "Yo te construyo el parking y tu me dejas construir mastodontes de 8 alturas en la entrada de la autopista". Non, eso, ou cousas similares, co BNG; NON.

11 Anónimo 08/07/2015 15:24

en cambre concurren hasta ocho partidos? a que se debe esto?

Alfredo Rodríguez Abella:

A que vivimos nun réxime de liberdades democráticas, mellorábel dende logo, pero que permite a participación da xente na vida política e a nós eso nos parece ben. Pode haber a quen non lle guste, non é o noso caso, o que non resta de que nos preguntemos a que obedece esta circunstancia no noso concello, e sinceiramente, cremos que son factores moi diversos pero que dentro deles hai certa prevalencia de ingredientes personalistas e particulares. Con todo, e queremos insistir nelo, todo o mundo ten dereito a participar dunhas eleccións, e todos os candidatos de Cambre teñen a nosa consideración e o noso respecto.

12 Anónimo 08/07/2015 15:24

Por que se presenta usted? está aquí de rebote?

Alfredo Rodríguez Abella:

Home de rebote... Eu nacín en Cecebre hai case 50 anos, o cal non me fai mellor nin peor, participei da primeira tentativa de crear unha candidatura unitaria da esquerda real para as primeiras municipais, cando ainda non cumprira os 18, tomei parte de Esquerda Galega, coa que fun concelleiro hai 25 anos e logo de participal en mil movidas máis, en especial na atención á miña actividade profesional e a miña familia, estou no Bloque Nacionalista Galego, cunha xente dunha calidade humana extraordinaria que, as cousas como son, sen eu pensalo en absoluto, decidiu propoñerme para ser candidato. Non son dende logo un político profesional nen ambiciono selo, e en tal caso, eu, persoalmente, prefiro a xente que chegue á política de rebote que a "políticos" rebotados.

13 Anónimo 08/07/2015 15:24

Por que no repiten en la lista los actuales concejales que hay ahora?

Alfredo Rodríguez Abella:

Porque o BNG é unha organización exemplarmente asamblear e democrática que decidiu no seu momento que era preciso darlle unha viraxe á nosa acción municipal, de maneira, insisto, escrupulosamente respectuosa e estatutaria. En tal caso, trasladarlle que na actualidade o BNG non ten concelleiros no pleno municipal xa que as persoas que en 2007 foron eleitas polo BNG na actualidade son tránsfugas e non representan á formación pola que foron elixidos e a que se negaron a entregar as súas actas.

14 Anónimo 08/07/2015 15:24

Olá Alfredo, Como sei que eres unha persoal seria e cabal, pregúntoche, que 1ª medida tomarás, das tantas que hai que tomar, cando chegues ao goberno do Concello o 22 de maio?

Alfredo Rodríguez Abella:

Grazas polo de serio e cabal... faise o que se pode. Pois mira, a primeira, a primeirisima, falar, falar con todo o mundo, eu creo que en Cambre nos últimos 30 anos falouse pouco, se os veciños deciden ter un alcalde nacionalista, o primeiro que farei será falar coas restantes forzas políticas e de inmediato visitar as parroquias e núcleos de poboación. Se queres unha medida concreta, a primeira: poñer a andar unha auditoría fiábel para acto seguido e de inmediato comezar a traballar polo futuro do noso pobo.

15 Anónimo 08/07/2015 15:24

Como ve que no repita Tonecho Varela de candidato a alcalde?

Alfredo Rodríguez Abella:

Con todo o respecto persoal para Antonio Varela, creo que o seu tempo político rematou hai moito tempo, e creo tamén que el o sabe, e que o seu partido o sabe. E modestamente creo que algo tivo que ver o papel da militancia do BNG de Cambre, que soubo dicir, chegado o momento, que os votos ao Bloque en Cambre non servirían para perpetuar un proxecto de goberno esgotado e caduco. A esa lóxica obedece a candidatura que encabezo, e considero modestamente, que esa idea se empeza a instalar na cabeza dos nosos veciños: Os votos ao BNG non servirán para que Cambre siga coma sempre.

16 Anónimo 08/07/2015 15:24

Desde fuera se ve que están todos cabreados con todos, ¿beneficia al bng esta división interna? ¿A que se debe?

Alfredo Rodríguez Abella:

Nós dende logo non estamos cabreados con ninguén, e menos con nós mesmos. Cremos nunha política propositiva e constructiva, en clave positiva. Pódoche dicir que temos un ambiente de traballo sumamente cordial e amigábel, as veces, mesmo en exceso... E incluso que moitos de nós, temos, a nivel persoal, moi boas relacións con integrantes doutras opcións políticas. Nós dicimolo moi claramente, queremos que se digan as cousas como son, con total clareza, pero fuxindo da crispación e o mal ambiente, cremos que a política se dignifica no día a día, coas nosas maneiras, coas nosas actitudes, cos nosos comportamentos.

17 Anónimo 08/07/2015 15:24

Se fose chave de goberno, con estaría disposto a pactar??

Alfredo Rodríguez Abella:

Ui... eso de chave de goberno soa moi mal! Nós nos presentamos para gobernar, para obter a Alcaldía, para facer un Cambre coma nunca se fixo, para poñer o Concello ao servizo da cidadadanía e non ao revés... Pactos? Sí, pero sempre en base a criterios de transparencia e concrección de ideas e proxectos programáticos, e sempre en beneficio do interese xeral da maioría social do noso concello.

18 Anónimo 08/07/2015 15:24

que resultado esperados tralo 22M. Moita sorte

Alfredo Rodríguez Abella:

Queremos liderar o cambio que Cambre precisa, esperamos contar cos apoios necesarios, as quinielas... para os Barça-Madrid!

19 Anónimo 08/07/2015 15:24

Bos dias; ¿Que opinas da tala indiscriminada que autorizou a Xunta do P.P. na fraga de Cecebre?

Alfredo Rodríguez Abella:

Pois que vou dicir eu que son veciño de Cecebre, nós apostamos polo mantemento integral da Fraga, polo seu coidado e limpeza, pola súa preservación como un patrimonio común de todos e todas. O que se fixo, sexa co plácet da Xunta ou non, foi unha barbaridade, deixaron unha superficie arborada como unha chá; arramplaron con todo. Creo que as cousas non se poden facer así. Coñezo a Xacobe, o veciño que lidera a protesta e ten todo o meu apoio e solidariedade, creo que este asunto non pode ficar asi. Insisto, por moito permiso que haxa, o sentido común e a dignidade como pobo nos invita a preservar contra vento e maré a Fraga de Cecebre.

20 Alfredo Rodríguez Abella 08/07/2015 15:24

Quedan moitas preguntas no tinteiro, dixital neste caso, asi que vos convidamos a que nolas trasladedes a cambre@bng-galiza.org. Reiterar o agradecimento a La Voz e a vos polas vosas preguntas. Un saúdo en nome dos bloqueiros e bloqueiras de Cambre!